26 jul 2012
DEMOCRACIA CARIBEÑA
Hoxe vou deixar por unha vez miñas reflexións no único campo no que me sinto minimamente competente, como é o das políticas laborais e de Seguridade Social, para falar de política parlamentaria. Eu admiro a esa xente que fala nas tertulias de moitos temas ao mesmo tempo, totalmente descoñecidos para min. Pero o asunto de hoxe non require ser moi iniciado. Chega con ese “sentidiño” do que se gababa noso defunto Iribarne.
Falo, claro está, desta iniciativa do rillote Frijolito de baixar os membros do Parlamentiño de 75 a 61. Para obter ese aforro do millón de euros anuais. Está moi ben esta rebaixa para que á Casa do Hórreo lle acaa ese nome de “Parlamentiño” que se lle daba ao Pazo de Fonseca nos tempos do Merendiñas Fernández Albor. E está moi ben que comece ese proceso de baixada do número de habitantes no que lle precedeu, por exemplo, o convento das Paias da Praza da Quintana, que case non ten monxas polas defuncións das máis velliñas. A defunción das Paias ten moito que ver coa defección á democracia que tentan abordar os do Partido Único en Galicia.
Eu non son dos que desprezo un aforro dun millón de euros. Menos a fin de mes, coas dificuldades que temos para chegarmos ao fatídico 31! Por iso defendo un plan de amortizacións de cadro de persoal na Deputación de Ourense e na meirande parte dos Concellos desa provincia. Total, é a que menos lle vai afectar a baixada de Deputados no Parlamentiño!. Tamén hai marxe de axuste na Deputación de Pontevedra. Nas outras dúas, non estou tan certo, pero algo se podería rabuñar. E nos Concelliños! Porque en Galiza temos moitos deses.
No Parlamentiño…en fin. Eu estou un pouco xordo, porque estiven na manifa de Vigo da semana pasada e non escoitei que ninguén pedira unha rebaixa do número de MP de Galiza. Pedíanse outras cousas, esas si. Pero como Mr. Bean (digo, Feijóo) escoita moi ben, xa estou certo de que van dimitir todos os da Xunta, que van escoitar ao pobo e que van devolverlle á xente desempregada e dependente e ao servizo da Administración Pública os cartiños que lles confiscaron para os buratos que deixaron eses parvuliños de Fernández Gayoso e J.L. Méndez.
Ao que ía: 14 parlamentarios menos, mantendo alomenos 10 en Ourense e Lugo e mantendo tamén ese umbral do 5 por 100 para que no Parlamentiño unicamente entre xente de orde, como quería “el Padre Fundador”, que na Gloria estea. Todo por aforrar. E sen segundas intencións, eh? Que a meses das eleccións hai xente malpensante. Iso non beneficia a nada máis que á caixa pública. Claro, desde que noso paisano Pablo Crespo reiterara, como seu mentor Rosendo Naseiro, que a caixa pública é a caixa do PP e o interese común é o da xente con sentido común, isto é a que vota ao Partido Único.
Nada máis por hoxe. Unicamente, para xustificar o nome desta entradiña, que esta pequena trapallada emparenta a Mr. Alberto Bean con dous irmáns xemelgos caribeños, como son Uribe e Chávez, irmáns irredentos os dous do noso Albertiño, trama inmellorable para un conto do noso xenio Cunqueiro.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Os comentarios son benvidos neste blog, xa que o seu obxectivo é ser un punto de encontro e de diálogo co autor. Podes deixar a tua opinión, que pode non coincidir coa miña, pero sempre con cabeza. Os comentarios destructivos ou que falten ó respecto dos participantes no blog serán eliminados.