12 ago 2012
PLAN PREPARA
A ministra Sor Lucía, digo Fátima, está atoallada con isto do Plan Prepara, entre o ministro Cristobo Manstesoiras, os tanques do pensamento da dereita e unha oposición sinistra que lle está toleando. A ela, que nunca xamáis pisara unha oficina de emprego e que non ten culpa ningunha de que os que non traballan queiran traballar!
Os ditos tanques están apuntando xa aos 400 euros ao mes que cobran no Reino de España duascentas mil persoas. Disque queren reformular este subsidio de desemprego para mellorar a taxa de reemprego deste colectivo, que baixou no último semestre ao 6 por 100. Xa me parece moito! Como queren mellorala, logo da desfeita que lle están facendo ao mercado de traballo? Todo un arcano.
Na miña convicción de que o Papo sempre percura asesoramento no meu blog, vou fiar un par de ideas, tan simples que mesmo as podería formular Sor Fátima, que xa é dicir. Pero, non vaia ser o demo que non se lle ocurran, eis a miña reflexión:
1º.- O subsidio de desemprego parécese a unha prestación de Seguridade Social o mesmo que a ministra de Emprego a unha ministra de Traballo e Seguridade Social. É dicir, rien. Agora se mete por eiquí, agora se rebaixa por acolá, danse uns cartiños para un programa, péchase outro…Por iso ten tan pouco sentido no 2012 a diferenza entre Seguridade Social e Asistenza Social. Desde hai moitos anos o subsidio non é máis que o que políticamente se entende como posible. Digo isto para pechar este debate tan ermo de competenzas estatais e das CC.AA.
2º.- Cincocentos millóns de euros son euros a cachón. A min xa me costa imaxinar esas cantidades. É máis de 25 veces o que cobra Cristiano Ronaldo ao ano. Ou Messi. Non vou entrar en comparacións demagóxicas. Pero mesmo é dez veces o que se aseguraron os executivos de Nova Galicia Banco antes de marchar –por certo, apunto que un deles, Gayoso, é doutor honoris causa pola miña querida Universidade de Vigo-. Mesmiño é unha percentaxe de perto dunha cuadraséxima sexta parte do que en principio costaría o refrotamento de Bankia. Con todo, sería bon que no seguinte proxecto de Orzamentos Xerais do Estado se poñan contías creibeis de cando vai custar o paro no 2013. E que se estabelecera unha especie de ”prioridade crediticia” para os pagamentos. Vale que o primeiro é pagar débeda pública. Pero, que ordinal de preferencia ten pagarlle aos que non traballan porque non atopan emprego?
3º.- Sería interesante converter este plan nunha xenuína prestación de Seguridade Social: indefinida no tempo, con dereitos subxectivos dos que se deriva unha especial posición de suxección xurídica das persoas beneficiarias. Mesmo integrala no texto refundido da Lei Xeral de Seguridade Social. Ou con regulación separada, como se fai coa Renda Activa de Inserción. Estou certo de que as obrigas poden ser distintas para este colectivo, como o son para os beneficiarios desa renda. A obriga de aceptar colocación ten que ser máis intensa e a profesionalidade debe contar menos. Pero tamén a parte de compromiso do Servizo Público de Emprego Estatal debe ser máis fonda con este colectivo, en termos de priorización para ofrecerlles empregos acaídos á súa cualificación profesional ou mesmo traballos de colaboración social. É dicir, os parados de longa duración precisan de medidas positivas para a súa reinserción. Os itinerarios de recolocación deben ser prioritarios para eles. E a atención, persoalizada. Claro que ir despedindo a orientadores laborais e enfraquecendo as dotacións personais dos Servizos de Emprego, como fai o goberno, non é o camiño.
4º.-Hai que decatarse de que reformular o plan é comezar a casa folo faiado. O sistema español de protección por desemprego, que funde as súas raizames na Lei do Seguro do Paro Forzoso do 1961, non responde ás finalidades ás que debe responder hoxendía. Antes que incentivar un retorno ao mercado de traballo rápido e sen merma da profesionalidade, promove actitudes conservadoras, de mantemento do dereito á protección como primeiro valor. Compriría revisar todo o esquelete do sistema, desde as situacións protexidas, ata as reglas de compatibilidade e, moi en particular, os programas de emprego. Reformar hoxe ailladamente o Plan Prepara é aplicarlle ao colectivo máis feble unha sorte de lei de perigosidade social. Porque sospeito que ese vai ser o propósito que agochan os tanques para este colectivo de “vagos e maleantes”, como os considera a dereita.
5º.- E sen afondar máis por hoxe, que xa abonda, unha pregunta máis: non sería cousa de obligarlles ás axencias privadas de emprego e ás empresas de traballo temporal a que asumiran unha parte da responsabilidade cos desempregados de longa duración? No Reino de España, como noutros moitos Estados, lles confiamos a estas entidades unha parte da torta no mercado da colocación. Creo que hai que requerirlles responsabilidades. Porque logo de máis dun ano e medio –no caso das axencias privadas- e de medio ano –no caso das empresas de traballo temporal- non deron ningumha sinal de eficacia e eficiencia. Se non son eficaces e eficientes, perden toda a súa lexitimidade social. Non se gaban da súa eficiencia? Pois que se apliquen nos desempregados de longa duración. Con obrigas específicas e persoalizadas de atención deste colectivo suplementarias –que non substitutivas- das do Servizo Público de Emprego Estatal.
E nada máis. Si, que no Plan Prepara habería que incluír unha partidiña para preparar algo á señora ministra e ao seu equipo de asesores. Xa que é ministra de emprego e non de traballo, un esperaría unha migaxa de bon senso cando se achega a estes temas. Dona Fátima, atenda aos meus consellos, que ben lle irá. E convenza a San Cristobo, digo a Manstesoiras, para que se conduza con serenidade e manteña a axuda aos colectivos que esgoten prestación e máis subsidio ordinario de desemprego a partir de agosto 2012.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Os comentarios son benvidos neste blog, xa que o seu obxectivo é ser un punto de encontro e de diálogo co autor. Podes deixar a tua opinión, que pode non coincidir coa miña, pero sempre con cabeza. Os comentarios destructivos ou que falten ó respecto dos participantes no blog serán eliminados.