16 jul 2012

QUE SE JODAN!


Para honra da nena do “cacique bon” de Castelló, irmán no universal deste coleccionista de coches antigos e de amigos con amplos patrimonios inmobiliarios e con fillos especialistas en aprobar oposicións nas Administracións locais ourensás, comezo esta entradiña, claramente referida á xente desempregada, co agarimoso saúdo que o outro día lles proferiu Andreita, tan bonitiña ela.

Trabuqueime. Afirmei hai meses que o “Goberno” do Reino de España baixaría a prestación de desemprego a finais de xullo. E o fixo o 13 de xullo. Terei que reconsiderar os meus vaticinios, porque fallan estrepitosamente. Debia tenerlle Guindos unhas especiais ganas a esta prestación. Ou máis ben á xente que a disfruta. Xa está, a outra cousa. Seguro que aínda queda xente preguizosa. Como os dependentes. Eses xa non fai falta decirlles que se jodan, porque están jodidos de seu.

En fin, haberá alguén que diga que non foi para tanto. Claro, como se retiran tantos dereitos, os desempregados non son senón un colectivo máis. Por suposto que os funcionarios tamén quedamos algo agredidos –por certo, o da definición de unidades electorais na Administración Pública para as eleccións sindicais non é recorte de gastos, senón pura ideoloxía, para negarlles a presencia ás organizacións sindicais no sector público-. Pero hoxe me vou centrar na prestación por desemprego. Sen afondar moito, que non fai falla. Abonda con tres pequenos comentarios:

1º.- Que se baixe do 60 ao 50 por 100 da base reguladora á xente que comeza o seu día 181 como desempregado non ten nada de casual. É moito máis agresivo que baixarlle a prestación aos que comezan o seu disfrute. Fagamos contas. O día 12 de febreiro entrou en vigor o RD-lei 3/2012. Ese que permite facer despidos a cachón, sen límites e pola cara. Os despedidos da reforma do Partido Popular comezan a chegar ao día 181 o 13 de agosto. Por iso é tan efectiva esta medida: primeiro facilitan o seu despido e agora facilitan que se lle baixe a prestación ás mesmas persoas. Como son plenamente conscientes de que coa súa reforma incrementaron xeométricamente o número de desempregados, agora baixan o paro. Claro, para joder dúas veces aos mesmos.

Ademáis, está claro que a xente non vai atopar emprego nos primeiros 180 días. Para iso despediron tamén aos axentes de colocación. Agora, o pouco persoal que queda nas oficinas do Servizo Público de Emprego Estatal ten que requerir datos aos beneficiarios da prestación. Porque, se alguén non acude, ¡zas!, suspéndeselle automáticamente a prestación. Logo, xa veremos se se lles devolve.

Por outra parte, como aínda queda moita xente por despedir, modifícase a lei. A prensa falou moito da reducción da protección do FOGASA (para voltar á situación anterior á Lei 43/2006). DO que se falou menos é de limitar a responsabilidade do Estado por salarios de tramitación, que unicamente se producirá ao chegar aos noventa días. ¡Claro, o goberno de Madiano non ten ningunha responsabilidade dos despidos que pasan neste noso país!

2º.- Que se suba a idade para o subsidio para maiores –agora- de 55 anos tamén ten o seu aquel. Ninguén se lembra xa de que, a finais dos 80, o Goberno tivo a ben rebaixar a idade a 52 anos desde os orixinarios 55. Por que? Porque a realidade era –e é- tozuda. Para afastar a moita xente da pobreza. Agora volta aos 55 anos. Como é un dos colectivos máis vulnerabeis, que se jodan! Non vaia a ser que a Andreiña teña menos coches antigos que o actual presidente da Deputación de Ourense. E, para máis jodienda, que non manteñan o subsidio ata a idade ordinaria, senón unicamente ata que cheguen á xubilación en calquera da súas modalidades. Non vaia ser que lles cheghe para vivir! Menos mal que, na práctica, non se van poder xubilar anticipadamente porque para iso precisarían de complemento de míninos, e así non se pode, desde a Lei 27/2011. Pero que ninguén se chive a Báñez e aos seus asesores, que andan todos eles moi ocupados estudando como se tramitan os ERES dos seus amigos.

3º.- Que se suspenda polo Servizo Público de Emprego Estatal a prestación e o subsidio por indicios de fraude tamén merece comentario. Ten graza que a única prestación que se pode revogar de oficio, sen demanda xudicial, é a que agora se pode suspender por sospeita de fraude. E que precisamente se lle dea esta potestede á entidade xestora –organismo autónomo- máis gamberra en termos de xestión de prestacións é para ovacionar outra vez a Dazoi e dicir con entusiamo ¡QUE SE JODAN, QUE SE JODAN! A ver se con esta suspensión “cautelar” quedan fodidos para sempre os parados. Teño a impresión que a Dirección Xeral de Emprego, en mans do Partido Popular, vai ter máis ben pouca cautela na aplicación da nova ferramenta do art. 229 da Lei Xeral de Seguridade Social.

En fin, Andreiña, ven pasar o verán a Galiza. Así verás que jodidos estamos os galegos xa desde o 2009. Verás como se pode ao mesmo tempo baixar as prestacións sociais, incrementar o número de desempregados, baixar a taxa de ocupados, subir a emigración, subir a taxa de mortalidade e, ao mesmo tempo, enchufar a máis xente amiga no sector público. Seguro que o amigo do teu pai te da un paseo nun coche amigo polos cortellos e polos concellos dos seus amigos.

1 comentario:

  1. Non todo é negativo. De momento non legalizaron o traballo infantil.

    Pero todo se andará. ¡Qué desgracia!

    ResponderEliminar

Os comentarios son benvidos neste blog, xa que o seu obxectivo é ser un punto de encontro e de diálogo co autor. Podes deixar a tua opinión, que pode non coincidir coa miña, pero sempre con cabeza. Os comentarios destructivos ou que falten ó respecto dos participantes no blog serán eliminados.