PRINCIPIOS DE LEALDADE INSTITUCIONAL E DE TRANSPARENCIA
Hai quen confunde a prudencia de calar cando o Reino de España se enfronta a decisións fundamentais no contexto europeo e mundial con darlle a razón a quen non a ten. Pero hoxe me peta deixar de calar, xa está ben. Eu non teño que explicarlle nada a ninguén, e moito menos a Jean Claude Juncker. Pero como a prudencia non é, aparentemente, virtude cardinal do Consello de Ministros que padecemos, tampoco os cidadáns debemos permanecer calados. Falar non é deslealdade ante a desvergoña de tantos.
Hoxe me quero referir ao banquete doutro día en Ourense, como reclamo dos principios de lealdade institucional e transparencia cos que se lles enche a boca aos señores e señoras diputados peperos –utilizo esta expresión, xa acollida polo Diccionario da RAE-. Eu teño unha sensación de noxo infindo contra este imperio Baltar. Detesto a este personaxe e ao que representa. E o digo claro, sen matices. Desprezo que se lle faga unha homenaxe a alguén que encheu das máis ruíns prácticas a Administración local ourensá. Ou non o fixo? Dalguén que considerou concellos e Diputación como a súa finca privada, para tecer favores, clientelismos e poder mesquiño. E desprezo ver ao sumiso e anano presidente da Xunta de Galiza facéndolle reverencias e o caldo gordo a un cacique de tan baixa catadura moral. Eu non paso revista de quen estaba ou non estaba nesa paparota-peperota. Tanto me ten. Alá eles.
Pero me pregunto: onde están as medidas preventivas, correctivas e coercitivas previstas na Lei Orgánica 2/2012, de estabilidade presupostaria e sostibilidade financieira? Porque abofé que ditas Administracións Locais, esgotadas e esquilmadas polas prácticas de espolio sistemático de Baltar e a súa cuadrilla, precisarán de axustes. Por que os concelleiros/as e deputados/as dese partido político non reclaman nen presentan iniciativas de amortización de servizos e persoal nesas Administracións? Por pura deslealdade e falla de transparencia.
Porque estes días chegaron ao meu coñecemento iniciativas dos concelleiros peperos da oposición nun feixe de concellos galegos presentando iniciativas de amortización de postos de traballo e de reformas á baixa das relacións de postos de traballo. Que caradura! A estratexia de enfraquecer ao adversario e engordar os dislates do amigo! Iso é o máis elemental exemplo de deslealdade para coa Administración Pública que se pode comenter hoxendía. Primeiro aproban lexislación que lles permite despedir en Administracións Públicas con facilidade e logo non despiden nos Concellos e nas Administracións Públicas dos seus deudos e apretan cando gobernan outros partidos.
O Partido Popular é un reputado especialista en “limpar” ao adversario cando accede ao poder. O spoil system ten en Galiza o mellor campo de experiencia. A percentaxe de persoal ao servizo da Administración Pública que entrou á marxe dos procedementos reglados é abafante na Administraión autonómica e local. A capacidade de remover do seu cargo de xefes de seccións para arriba a toda a xente cando chegan ao poder non ten parangón. E agora teñen outra ferramenta: presionar para despedir onde non gobernan e facer a vista gorda cos amigos. Ou non? Neste contexto, a homenaxe doutro día a Baltar é unha paráfrase da patrimonialización do poder. Que se honre a ese homiño é todo un síntoma dunha sociedade envilecida e sen dignidade.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Os comentarios son benvidos neste blog, xa que o seu obxectivo é ser un punto de encontro e de diálogo co autor. Podes deixar a tua opinión, que pode non coincidir coa miña, pero sempre con cabeza. Os comentarios destructivos ou que falten ó respecto dos participantes no blog serán eliminados.