22 abr 2012
A UNIVERSIDADE DE VIGO NO CONTEXTO DO DESPROPÓSITO DE ONTE
Logo de pasar un día en Jerez na lectura dunha fantástica tese doutoral e de volta a Vigo, de novo caín no desacougo. A tese referíase aos contratos de traballo en prácticas e, entre outras cuestións, adicáballe unha fonda reflexión aos contratos de investigación e do entorno da Universidade. A xa doutora, Paz Fernández Díaz,realizaba propostas moi acaídas de renovación das carreiras universitarias. Foi moi curioso ter que darlle nada máis que Apto, en aplicación dos límites normativos do RD 99/2011, cando era un traballo extraordinario. En verdade, a súa lectura e discusión encheume de ideas novas na dialéctica univeritaria.
O sábado pola mañá viaxei en avión de Madrid a Vigo e atopeime na viaxe cun compañeiro e amigo de Universidade, votante de boa fe desa lameira que é Alternativa Universitaria. Algo discutimos do proxecto e das liñas básicas que saíran na prensa e que eu aínda non leera. Pasara a tardiña do venres en Jerez cos amigos do Departamento de Dereito do Traballo, parolando das nosas cousas e diante duns brandys de Sanlúcar. E ao chegar á noite a Madrid, xa non quixen máis que deitarme, sen abrir internet. Con todo, no avión xa lle pronostiquei ao meu amigo que nada ía facer o reitor da Universidade de Vigo por non amolar á súa base de votantes do PDI-A.
Onte á noite leín este novo decretazo do Goberno. A reforma da LOU de novo reflicte o pensamento da dereita verbo do modelo de sociedade e de Estado. A un lle gustaría que lle adicara máis tempo a pensar no servizos públicos e menos á defensa dos intereses da familia Bruffau. Seica eu son un pequeno investidor da YPF. Non me consta. Pero debaixo dos produtos financieros descoñecidos que teño con entidades de crédito –en particular, meu cativo fondo de pensións-, pode que si. Pero non me parece que García Margallo teña que crear tensións diplomáticas innecesarias para defender executorias dunha empresa que probablemente se comportou con pouca responsabilidade social na Arxentina. Eu, como galego, quérolle demasiado a Arxentina como para non lembrar que tamén antes foi nacionalizada certa empresa de viaxes comerciais da que era propietario alguén tan “intachable” como don Gerardo Díaz-Ferrán. E daquela pareceume ben, moi ben.
Ao que ía: o novo decretazo establece, por norma con rango de lei, o número de cretos ECTS que ten que impartir un PDI en función do número dos seus sexenios, da clase de funcionario –TU ou asimilados ou CU-, e da data de recoñecemento do último sexenio. É dicir, fixa a súa carga docente por parámetros continxentes. A min paréceme be que se premie ás boas traxectorias académicas. E mesmo pode pacererme ben que se penalicen as malas. Pero non acredito nun sistema que penalice en termos docentes o feito de non ter obtido sexenios. Lémbraseme a vella norma que contemplaba para os titulares de Escola Universitaria a docencia de 32 cretos. Pero a nova é moi distinta: o que se penaliza é que non se concedan sexenios no último tramo, o que desde logo pode obedecer a causas moi diversas. Con todo, mesmo admitiría unha norma con rango legal que habilitara certos marxes de actuación ás universidades, dentro de certos parámetros máis flexibles –vg., non ter obtido ningún sexenio nun espazo temporal moi dilatado-.
Pero o que fai o Goberno é un despropósito, que dificulta poder proxectar cadros de persoal a longo prazo. Porque as necesidares docentes e investigadoras pasan a ser continxentes dos resultados que obteña cada PDI. E ademáis lanza un sinal pésimo: que é unha parvada planificar, que logo xa virá o PP cunha ocurrencia. A designación de “sabiondos e sabiondas” para reformar a Universidade anuncia novas reformas. A cobertura argumental xa está por adiantado. Sen que se nos explique que criterios de selección se fixeron para, vg., que non haxa ningún representante das Humanidades, un alto grao de “madriñelización” dos membros e unha presenza unicamente testemuñal das universidades periféricas.
Neste contexto, a nosa querida Universidade de Vigo xa ten unha estupeda coartada para non organizar nada, para non racionalizar a estrutura do PDI, para conceder grazas e favores aos afíns e aplicar aos demáis a lexislación vixente. E, canto máis embarullada estea a lexislación vixente, mellor para os de Alternativa Universitaria. Desde hai tempo que sosteño que hai unha unidade de destino no universal entre o goberno da U. de Vigo e o da Xunta de Galiza, centrado no entusiamo de D. Salustiano coas decisións que anuncia a Consellaría de Educación. Pero agora o señor Wert ven de facerlle outro galano inesperado ao equipo reitoral, que xa ten outro motivo para estarlle moi agradecido: un barullo máis nas obrigas docentes do PDI.
O dito: malos tempos para a racionalidade e bos para xente ocurrente. Nada de organizar carreiras académicas e profesionais. Mellor ir á toa. E pensar que a Universidade, como a Administración pública, réxese polo principio do spoil system. O PDI-A non somos senón clientes do reitor. E mágoa dos novos investigadores. A súa carreira non terá que ver máis que con afeccións e desafeccións. Nada con necesidades racionais e obxectivas da estrutura universitaria.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Os comentarios son benvidos neste blog, xa que o seu obxectivo é ser un punto de encontro e de diálogo co autor. Podes deixar a tua opinión, que pode non coincidir coa miña, pero sempre con cabeza. Os comentarios destructivos ou que falten ó respecto dos participantes no blog serán eliminados.