12 abr 2012

OS QUE SI ACREDITAMOS NA POLÍTICA DE EMPREGO…

…Percuramos respostas. Desde hai anos confiamos nas axencias privadas de emprego. No ámbito internacional, desde 1997 abrísmoslles as portas de par en par para que foran institucións ao servizo do emprego, con ou sen ánimo de lucro. Así se fixo no convenio 181. En Europa, admitimos que os monopolios públicos da colocación ineficientes eran contrarios ao Dereito da competencia. E, pouco a poco, tamén no Reino de España fumos dándolle espazo ao sector privado, ata a reforma do 2012 que liberaliza totalmente na práctica a actuación das empresas de traballo temporal como axencias integrais de emprego. Fixemos grandes protestas de integración do sector público e do privado, da atención aos principios de gratuidade para os traballadores e de non discriminación e de salvagarda das persoas con máis dificultades de acceso ao mercado de traballo. E agora que?
A pregunta é de rendibilidade social. E de responsabilidade social. As axencias integrais de emprego pasan a ser corresponsabeis da desfeita que está a ocorrer na nosa realidade co emprego. O sector privado necesita lexitimarse. A cidadanía non pode admitir que o mercado do emprego non mellore a súa eficacia coa liberalización e privatización dos servizos de emprego. Porque, se a situación non mellora, hai que darlle a súa cuota parte de culpa e de fracaso a entidades como Adecco ou Manpower, por pór dous exemplos das multinacionais máis coñecidas. Se naceron e se desenvolveron ata a súa dimensión actual baixo a premisa da ineficacia dos servizos públicos de emprego, e se a eficacia do mercado da colocación non mellora sensiblemente a medio prazo, nese caso o seu mantemento ou a súa promoción serán pura ideoloxía.
Por suposto que hai que darlles tempo. E por suposto que o mercado de traballo entrou hai tempo nunha espiral destrutiva da que non é doado saír. As axencias integrais de emprego non son culpabeis da situación actual…Pero son corresponsabeis de que saiamos canto antes do horror no que estamos instalados hai tempo. E máis corresponsabeis na medida en que o Goberno deste noso Estado puxo todos os ovos na mesma cesta.
Levamos tempo escoitando aos mass media e ao spam do pensamento único a leria de que os servizos de emprego públicos son ineficientes. Claro que o son se ninguén aposta por eles. Se no noso sistema a xente desempregada non ten atención persoalizada, non hai realmente itinerarios de reinserción profesional, non hai seguimento e titorización dos procesos individuais de emprego e empregabilidade, é por culpa de que os cartos se destinan a bonificacións de dubidosa utilidade, ou a outros destinos diferentes de políticas activas e acaídas de emprego. Se temos un servizo público de emprego de saldo, non se lle poden pedir miragres. O que fai a reforma do 2012 é esclerotizar aínda máis os servizos de emprego. Prepararlle o camiño a esta Lei de Presupostos que camiña ameazante polos trámites parlamentarios como un tranvía a piques de descarrilar. Unha lei que vai servir para minguar aínda máis o servizo de emprego público e reducilo á mínima expresión.
Xa que logo, a dereita deste país optou por voltar aos tempos previos ao Convenio nº 2 da OIT. Tempos de inexistencia de servizos públicos e de traficantes de man de obra sen escrúpulos, inxeridos nas mafias de comezos do século XX. Segundo a doutrina do Goberno actual, ao Estado lle corresponde a mesma actuación en materia de colocación que a que lle correspondía á Administración americana dos anos dez ou vinte do século pasado. Por suposto que Addeco ou Manpower non son mafias. Son, non cabe dúbida, entidades máis respectables e máis respetuosas co emprego que os políticos que hoxendía nos desgobernan.
Con todo, as axencias integrais do emprego non teñen dereito a defraudarmos. Depositamos nelas a última esperanza de rexeneración do emprego. Xa sei que o seu reto é inabordable, porque en España non poden contar coa colaboración dun servizo público eficiente. Que foi destruído por políticos moi ideoloxizados e por administracións autonómicas extraordinariamente incompetentes.Pero, se as cousas non melloran, a única culpa que cabe atribuír é ás entidades ás que se lles confía a colocación. Desde logo, non ao Servizo Público de Emprego Estatal. Porque a ministra “de Emprego” –coitada, non ela, senón os seus asesores áulicos- non acredita no servizo público.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Os comentarios son benvidos neste blog, xa que o seu obxectivo é ser un punto de encontro e de diálogo co autor. Podes deixar a tua opinión, que pode non coincidir coa miña, pero sempre con cabeza. Os comentarios destructivos ou que falten ó respecto dos participantes no blog serán eliminados.