Hoxe, día no que a xente verdadeiramente importante visita a Axencia Tributaria para contribuír solidariamente cun 10 por 100 das súas rendas e para soster con altruísmo o Estado do benestar, estamos no día anterior ao que Cristóbal Scissorhands vai entregarlle ao presidente do Congreso unha memoria USB. Seica contén unha pequena poda de certas partidas de gasto, destas que a Comisión Europea recetou para sermos máis fiabeis.
Os que non sabemos nada de economía, mantémonos á marxe da discusión de números. Preguntámonos se esta leria da baixada da débeda a dous anos vista é tan urxente como expresa Olli Rehn ou menos, como opinan outros que a un lle merecen algo de confianza, como Paul Krugman. E pregámoslle aos votantes do Norte dos Pirineos que lle volvan as costas ao principiño Sarkozy-Bruni, para que comece canto antes unha nova onda de socialdemócratas-despilfarradores.
Nada diso quero comentar hoxe. Unicamente unha pequena cuestión do proxecto de orzamentos que o pasado venres aprobou o Cortello de Ministros –digo, o Consello de Ministros-. Entre as baixas ás partidas, unha que me chamou a atención é a de políticas activas de emprego. Hai, desde logo, outras moitas con máis cheiro antisocial. Estou certo de que, cando menos, o ministro de Xustiza vai preguntarlle a García Margallo se as mulleres mauritanas sofren violencia para non seren nais. Pero como diso non cómpre falar, ollemos con lupa a baixada de presuposto en políticas activas de emprego.
A reforma laboral era para crear emprego. Non si? Os que non pensan que o vai crear son ruíns e mentireiros, resentidos e malpocados –eu un deles, por certo-. O Goberno vai crear emprego baixando as partidas de políticas activas. Pero, ollo, non as achegas que se van destinar a bonificacións empresariais, esas non. Para algo están no Decreto-lei 3/2012. As axudas de emprego destínanse aos empresarios, non aos traballadores. Non hai que mellorar a empregabilidade dos traballadores, senón hai que darlle bonificacións ás empresas como premio para contratar con períodos de proba dun ano. Os traballadores non necesitan formación, porque temos traballadores xa ben formados. Iso, desde logo,é o que pensa o Goberno. A prioridade non é formativa. Que se vai obter? Emprego de calidade? Emprego cualificado de profesionais? Man de obra formada? Xa se sabe, ao Partido Popular non lle gosta a xente subvencionada…Unicamente as empresas subvencionadas.
Hai que pedirlle a Don Cristóbal que lle pregunte ao sr. Rehn que percentaxe do PIB se destina en Finlandia a políticas activas de emprego. E que lle diga que, para ser tan fiábel como quere Don Olli, está disposto a adicarlle o mesmo no Reino de España. Non vaia ser que sexamos un país pouco merecente de confianza!!!
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Os comentarios son benvidos neste blog, xa que o seu obxectivo é ser un punto de encontro e de diálogo co autor. Podes deixar a tua opinión, que pode non coincidir coa miña, pero sempre con cabeza. Os comentarios destructivos ou que falten ó respecto dos participantes no blog serán eliminados.