31 mar. 2010

PERSOAS CON DISCAPACIDADE

Hoxe recibín a visita de dúas personas da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade, Ignacio e Paulo. Por pouco máis dunha hora, eles dous, Carme Verde e eu mesmo debatemos das situación e das perspectivas na Universidade de Vigo da atención á diversidade.
Coido que a conversa foi vizosa e, desde logo, Carme e eu collimos moitas notas programáticas. Hai catro grandes eixos nos que a nosa institución ten que centrar a súa praxe política: o primeiro deles, a adaptación dos espazos e a supresión das barreiras arquitectónicas. O segundo, a acollida e atención das necesidades cotiás das persoas con discapacidades. O terceiro, as adaptacións curriculares dos estudos que se impartan para afortalar e difundir o coñecemento dos colectivos con circunstancias diversas, e asemade a posta en marcha de estudos de posgrao nesta materia. O cuarto, a loita contra os estereotipos sociais que unicamente expresan sentimentos de piedade para eles, mediante divulgación e participación.
O noso proxecto vai ser socialmente responsable ao respecto. Vai enxergar con ollada crítica o cumprimento dos estándares legais e a introducción de boas prácticas. Vai esixirlle ás entidades contratantes coa Universidade o axuste ás súas obrigas legais. E vai por en marcha medidas de acción positiva para integrar social, académica e profesionalmente ás persoas discapacitadas. Elas son, tamén, cidadáns e cidadás con dereitos cheos de realización persoal.
Como medida estrutural, na Vicerreitoría de Benestar, Calidade e Igualdade vai existir unha Oficina de Atención á Diversidade. Na mesma, as entidades de defensa dos dereitos destes colectivos van ter un papel consultivo e van ser interlocutores necesarios do noso goberno.
Paseniñamente, pero con decisión, hai que ir construíndo unha Universidade máis integradora.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Os comentarios son benvidos neste blog, xa que o seu obxectivo é ser un punto de encontro e de diálogo co autor. Podes deixar a tua opinión, que pode non coincidir coa miña, pero sempre con cabeza. Os comentarios destructivos ou que falten ó respecto dos participantes no blog serán eliminados.