23 nov 2010

ELECCIÓN DE DOCENCIA E PRELACIÓN NOS DEPARTAMENTOS

O tema da elección de docencia nos Consellos de Departamentos vai xerando unha polémica recorrente da que eu non quero deixar de dar a miña opinión, que enuncio a título estritamente persoal. En campaña, o noso grupo únicamente expresou a necesidade de que desde o Goberno da Universidade se impulsara un proceso de estabelecemento de criterios obxectivos e transparentes en cada Departamento, sen que sexa doado propor reglas con vocación de xeralidade.
Alén deste criterio, insisto, o que engado é miña opinión persoal, nun tema no que sempre é mellor un mal acordo que unha boa resolución. O que sucede é que nas negociacións informais non sempre todo o PDI ten a mesmoa forza.
Levo tempo expresando que rexeito o criterio de xerarquía e antiguidade por obsoleto e inxusto. O rexeito case ao mesmo nivel que as votacións nas que non se esgrime máis argumento que o desexo de beneficiar ou perxudicar a certas persoas. E engado que a doutrina xudicial non o valida como o que se ten que impor. O que expresa dita doutrina é que, a falta doutro criterio, o de xerarquía e  antiguidade é obxectivo e vinculado co mérito e a capacidade. Nada máis.
Na miña opinión, a imposición universal que moita xente quere facer destas “xerarquía e antiguidade” é unha das mostras máis evidentes da pouca vocación democrática que aniña no pensamento dalgúns. A autoridade que deberían reflectir ditas cualidades obrigaría á busca de criterios máis académicos, que sen dúbida os hai. Desde logo, non son eu quen para coñecer todas as realidades, pero cabe apuntar o feito de levar tempo impartindo certas disciplinas, o feito de ter elaborado materiais docentes ou programáticos da mesma ou, pola contra, a necesidade de reorientar o labor docente. Ás veces, un criterio de idade pode ser obxectivo –vg., a proximidade á xubilación- ou a propia cualidade do profesor –unha persoa asociada a tempo parcial debe coller disciplinas con orientación máis profesional-.
E, por suposto, están as necesidades dos centros, que tamen deben ser tomadas en consideración.
Desde logo, a asignación de docencia é un dos aspectos que require posturas máis transaccionais. O meu grupo non é exemplo de nada. Pero a nosa experienza é a de persoas que percuramos certa polivalencia dentro da nosa área de coñecemento e que evitamos sempre unha asignación por elección sucesiva.
A xerarquía e a antiguidade me lembran, como xa tiven ocasión de expresar en Consello de Goberno, os criterios que propugnaba certo pensamento da Administración Pública que cabe personalizar en López Rodó ou Villar Palasí, entre outros.

12 nov 2010

UNIVERSITY OF VIGO IS DIFFERENT!


Un ten que citar as súas fontes: link de Sergio Pajares ao diario o Xornal do 27 novembro: “a concesión do Premio Otero Pedrayo a Fraga non foi unánime”. “Pola súa longa traxectoria de traballo en pro de Galicia e da cultura galega…” concedéuselle o premio apenas por maioría. Que inxustiza! Por motivos escuros, o representante da Univesidade da Coruña ausentouse, tamén o da de Santiago. O representante da Deputación de Lugo abstívose. Pero a persoa que representaba á Universidade de Vigo conformou esa maioría natural tan do gosto dos sucesivos gobernos do León de Vilalba.
O de “longa traxectoria” ten especial interese, porque o beneficiario do premio –a 30050’61 euros ascende a súa contía, da que a persoa que representou a Universidade de Vigo considera que o senador é merecente- vai cumplir 88 anos. Por certo, os mesmos que viviu o patriarca Otero Pedrayo. Polo tanto, da vizosa vida pública do celebérrimo premiado cómpre concluír que unha boa parte a empregou en pro da defensa de Galiza. As comparacións son odiosas, pero a traxectoria de Don Ramón en defensa da nosa cultura comeza, desde logo, a comezos do século XX e non remata ata a súa morte.  A mesma longa traxectoria cabe atribuírlle, polo tanto, ao titán das oposición. Ninguén dubida da súa habelencia nos xogos tradicionais galegos, nos caldos da nosa terra e na arte cinexética, con especial inclinación ás especies protexidas.
Pero, dándolle moitas voltas aos miolos, cheguei á conclusión de que o seu grande merecemento que tanto lle recoñece a representación institucional da Universidade de Vigo foi o seu traballo ministerial da década dos anos sesenta á fronte da carteira de Información e Turismo. Eis a inspiración que os nosos rexedores da Universidade asumiron como a súa pedra filosofal! A defensa de Galiza que fixo Fraga –e que ninguén lle entendeou xamáis- foi o respeto aos feitos diferenciáis. Daquela os españois, pero, por extensión, claro, os do eido que España ten ao Noroeste. Spain is different! clamou o ministro na década prodixiosa.
E hoxe os seus epígonos claman: University of Vigo is different! Diferente ás da Coruña e de Santiago, fuxidías no recoñecemento dos feitos diferenciais que tan ben representa Don Manuel. As outras Universidades galegas non entenden a ledicia que sinte hoxe desde o alén o sabio de Trasalba.
Outro exemplo marabilloso do bo facer do noso equipo de Goberno. Desde a miña modestia e o meu descoñecemento quero propor para o ano que ven a candidatura de Fidel Castro, irmán no universal de Don Manuel.

8 nov 2010

NON TODA A UNIVERSIDADE DE VIGO LLE DEU A BENVIDA A BIEITO XVI. EU NON, DESDE LOGO

Con moita mágoa e tristura seguín de lonxe a visita do Papa Bieito XVI a Compostela. Non tiña pensado redactar ningunha reflexión expresa no blog porque os sentimentos que tiven antonte e onte foron de caste individual, de abatemento, afastamento cósmico deste personaxe e expulsión da Igrexa Católica. Eu son desta multitude que algún día militamos na Igrexa de Cristo e que a amamos pola súa capacidade integradora. Pero que hoxendía non a recoñecemos, como institución intransixente, excluínte e enaxenada. Son todos estes pensamentos individuais que non lle teñen que interesar a ninguén.
Pero esta mañá me remitiron o artigo de opinión que o noso estrambótico reitor Mato de la Iglesia publicou o venres 5 de novembro no ABC. Facendo honra do seu segundo apelido –non me consta nen me interesa nada a súa adscrición á Igrexa, tampouco se se chama ou non con xeito- expresa que “la Universidad de Vigo le da la bienvenida a Benedicto XVI y desea que desde el púlpito de la Plaza del Obradoiro invite a todos los seres humanos a que participen en la senda del conocimiento…” Quedeime abraiado, dubidei, limpei os lentes dos cristais e outra vez leín o mesmo. Pensei que eu toleara, pero non, noso flamante reitor, líder deste viveiro de progresía denominado “Alternativa” e “Universitaria” daba a benvida ao Santo Padre. Non, non lle daba el a benvida, lle a daba a Universidade de Vigo. Ou tanto ten, se recoñecemos que Mato é o ente fundante da nosa institución.
O asunto ata podía ter graza, se non fose polo personaxe ao que lle damos a benvida. Cada pensamento seu é unha lapa de intolerancia, unha onda de exclusión e de rexeitamento aos excluídos. Abonda con reproducir a seguinte pasaxe da súa homilía na Sagrada Familia para pór de manifesto por que unha Universidade pública, democrática e que postula a igualdade como un dos seus sinais de identidade endexamáis pode darlle a benvida ao Papa Ratzinger:
…Por eso, la Iglesia aboga por adecuadas medida económicas y sociales para que la mujer encuentre en el hogar y en el trabajo su plena realización; para que el hombre y la mujer que contraen matrimonio y forman una familia sean decididamente apoyados por el Estado; para que se defienda la vida de los hijos como sagrada e inviolable desde el momento de su concepción; para que la natalidad sea dignificada, valorada y apoyada jurídica, social y legislativamente. Por eso, la Iglesia se opone a todas las formas de negación de la vida humana y apoya cuanto promueva el orden natural en el ámbito de la institución familiar”.
Abondan os comentarios. Os que creemos nunha sociedade igualitaria, na que mulleres e homes teñen o mesmo status de cidadanía e as mesmas arelas de se realizaren, as pautas que propón Bieito XVI son, sinxelamente, inaceptábeis. Os que non temos sentimentos homofóbicos non podemos considerar un líder a Ratzinger. Os que pensamos que todas as familias deben ser protexidas, tamén as monoparentais e as que son froito do amor, e por suposto as homosexuais. Porque, aínda que moitos o queiran negar, estas tamén son familias sagradas, ou sagradas familias, tanto ten. Que deben ser protexidas polos que teñen unha mínima vocación democrática.
Pero o noso reitor abrazafarolas perdeu a capacidade de discernimento. Non penso que o culto, o pensador, o filósofo Ratzinger encarne os valores dunha cultura democrática xenuínamente universitaria. Por moitas cátedras eruditas que desenvolvese na súa vida. Mágoa que a Mato da Eirexa non lle deixara un anaquiño de alfombra bermella neste sarao!

27 oct 2010

REQUIEM POLO SERVIZO GALEGO DE IGUALDADE

Hoxe se publicou no DOG a Lei 7/2010, do 15 de outubro, pola que se suprime o organismo autónomo Servizo Galego de Igualdade do Home e da Muller e se modifican determinados artigos da Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres en Galiza. As competenzas e as funcións do SEGAI pasan ao Departamento da Administración Autonómica competente en materia de igualdade. Isto é, na estrutura actual, á Secretaría Xeral de Igualdade, dependente de Presidencia.

A norma supón un grave retroceso nas políticas de igualdade. Se, desde o Cumio de Beijing de 2005 hai consenso de que os organismos de igualdade deben contar con xerarquía abonda como para influír en todas as políticas e ao mesmo tempo deben ter independenza suficiente, cómpre dicir que a desaparición do organismo autónomo supón a morte de toda esperanza de autonomía verbo do goberno da Xunta. Algúns pensabamos que as políticas reais podían estar situadas na Secretaría Xeral, para que logo existira un organismo autónomo coa distancia suficiente como para enxergar con ollada crítica as políticas cotiás, isto é, un SEGAI con independenza de seu, non o que houbo ate hoxe.

Desde xa únicamente contamos coa Secretaría Xeral. A súa xerarquía formal é aceptábel e a súa ubicación en Presidencia tamén. Pero non semella que o seu superior xerárquico teña moita sensibilidade coa igualdade e a non discriminación. Cando menos, pola súa resistenza a estar ao principio de composición equilibrada da Xunta.

E, desde logo, pasou a mellor vida toda posibilidade de indepenencia. As competenzas de igualdade en Galiza convertidas nun anaquiño dunha realpolitik moi afastada do compromiso vital cunha sociedade máis xusta e igualitaria. Claro que non hai que botarlle a culpa únicamente ao Goberno actual. Xa herdou unhas institucións de igualdade esmorecentes pola baixa xerarquía que lle deu o bipartito e, en particular, as persoas responsábeis destes órganos.

25 oct 2010

VALERIANO GÓMEZ

Non teño trato persoal co novo ministro de Traballo. Non nos coñecemos persoalmente. Si que asistín a algún acto que el presentaba nas súas responsabilidades anteriores no ministerio, pero nada máis. Quero salientar este dato antes de comentar a moi boa impresión que levo del nestes seus primeiros días na súa nova responsabilidade ministerial, hoxe confirmada na entrevista que saiu publicada en El País.

Tamén quero destacar que non comparto moitas das súas opinión. Non concordo, como xa teño dito no blog, coa recente reforma laboral. Acudín á folga xeral por un convencemento substantivo de que os seus contidos son negativos para o mercado de traballo. Si que estou dacordo con el en que, ademáis, as manifestacións eran un acto de solidariedade coas centrais sindicais tan inxustamente vilipendiadas nestes últimos meses. É por iso que eu o día 29 acudín ás dúas máis importantes que se desenvolveron en Vigo: á de UGT-CCOO e á de CIG.

Dito isto, coido que temos un ministro que ten claras as prioridades. Que chega con coñecemento fondo do que se ten que debatir e dos retos que asume desde o Ministerio. Vai ter, desde logo, moitas dificultades para chegar a consensos, nuns tempos nos que a ferida ao diálogo social por mor das actitudes duns e doutros –fundamentalmente, da patronal e máis do Goberno- a levaron á situación actual. Teño a impresión de que é relativamente doado que as grandes centrais sindicais estatais e a patronal CEOE cheguen a un acordo de estrutura da negociación colectiva –aínda que este acordo tería sen dúbida o recendo centralista propio das opinión máis xacobinas-. Pero dubido máis de que acaden outro tipo de pactos verbo dos contidos, da derogabilidade e da eficacia dos convenios estatutarios. Non vexo sinxelo un arranxo no tema da reforma de Seguridade Social, no que penso que o Goberno do Reino de España ten un activismo excesivo, cando era mellor agardar unha valoración das reformas noutros Estados –fundamentalmente na República de Francia e na República Federal de Alemaña- xa que eles teñen máis presa ca nós. E vexo moi complexo que se chegue a un porto satisfactorio no tema das políticas activas de emprego, agás que se dea o caso –improbábel, ao meu xuízo- de que o Goberno asuma unha aposta definitiva e comprometida co investimento en políticas activas e públicas de emprego.

Nesta conxuntura, Valeriano Gómez non o ten doado. Porén, folgos non lle faltan, nen coñecemento da situación. Nen tampouco empatía cos problemas. Eu deséxolle moita sorte e moito ánimo, desde a distancia e o descoñecemento persoal. O seu éxito será o noso, nunha conxuntura tan complexa. Pero é o tempo da política con maiúsculas.

21 oct 2010

CAMPUS DO MAR

Hai días nos que os silencios poden ser malinterpretados. Non teño máis que engadir ao éxito da Universidade de Vigo no Campus do Mar do que xa se ten dito, por activa e por pasiva, noutros ámbitos e por outras persoas e institucións. Pero sinto a obriga de reiteralo. A Universidade de Vigo deu hoxe un banzo decisivo. Desde logo importaba moito o éxito na convocatoria, por máis que, prudentemente, se nos situara no escenario de non recibir achegas derivadas de seleccionarmos como Campus de Excelencia Internacional de ámbito rexional, CEIR.


Xa está e hoxe é día de felicitacións a toda a comunidade universitaria e a todas as institucións e persoas que participan no proxecto. A selección é ademáis un motivo de responsabilidade colectiva, para que a Universidade de Vigo poida e saiba estar á altura das circunstancias. Ningún proxecto levantou nos últimos anos en Vigo e na contorna un nivel semellante de apoio cidadán e institucional e toca non defraudar. Ten que valer, desde logo, para a nosa proxección externa, pero máis para a nosa consolidación e para o noso crecemento interno. Para que se desenvolva desde a Universidade un labor docente e investigador de primeira liña, no que os nosos grupos de investigación, grandes e pequenos se consoliden e poidan progresar armónicamente.

É marabilloso o resultado logo dun esforzo colectivo. Pero que se me permita hoxe personalizar os meus parabéns e a miña gratitude en Emilio Fernández. Discretamente foi tecendo un proxecto ambicioso no que aportou moito traballo, moita habilidade nas relacións personais e institucionais e moito rigor. Todo ao servizo dun fin que hoxe xa se vai materizalizando. En fin, expreso con gusto tamén meu aplauso a Alberto Gago e a Salustiano Mato, como líderes da nosa entidade e cabezas visíbeis de Campus do Mar.

10 oct 2010

BIFUCACIÓN DE BLOG JAIME CABEZA-NOVA UNIVERSIDADE

Benquerid@s lector@s:

O mércores pasado me foi renovada a confianza como coordenador de Nova Universidade. Xa con algo máis de perspectiva de futuro, unha das primeiras decisións que adoptamos no grupo foi pór en marcha un blog de Nova Universidade diferente do meu. O dito blog ten o enderezo http://novauni.blogspot.com. Xa que logo, as consideracións de política universitaria e a andaina do grupo se van desenvolver nese novo blog.

Deixo este para as miñas opinión personais. Alguén se queixou, con razón, de que lle estaba dando máis relevo a cuestión máis profesionais do campo das relación laborais. Sen dúbida foi así e seguerá a ser, sen perxuízo de que faga alguna consideración propia e individual de política universitaria.

Anímovos a que sigades o novo blog co mesmo interese con que seguistes o meu, que moito vos agradezo. Tentaremos un labor de crítica do goberno da Universidade de Vigo desde o rigor e o compromiso coa nosa institución e, ao mesmo tempo, manter esta mensaxe que ten que ser portadora de esperanza fronte a políticas tan vellas e coñecidas.

2 oct 2010

LACTANCIA

Antonte xoves 30 setembro o Tribunal de Xustiza da Unión Europea ditou senteza no asunto Roca Fernández. Trátase dunha cuestión prexudicial prantexada pola Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza. Ponse en cuestión se o art. 37.4 do Estatuto dos Traballadores -o que regula o permiso por lactancia- se axusta ou non á Directiva de igualdade 2006/54/CE.
Ao sr. Roca Fernández denegóuselle o permiso de lactancia. Segundo o art. 37.4 ET unicamente o pode disfrutar o pai cando os dous proxenitores, pai e nai, traballen. É un dereito de titularidade orixinaria da nai. Pero no caso controvertido, a dona do demandante era autónoma. E, como a ela non se lle aplicaba o Estatuto dos Traballadores, non era titular do dereito. E, non sendo traballadora a nai, o pai non podía disfrutar derivadamente do dereito.
Nunha "prehistórica" sentenza, a STC 109/1993, o Tribunal Constitucional considerara este precepto axustado á Constitución. Probablemente o pronunciamento sería outro de se ditar sentenza hoxendía. Pero ata agora o pai non estaba en igualdade de condicións que a nai neste dereito. O que, na práctica, producía os coñecidos efectos inversos para as nais traballadoras.
Agora, o Tribunal de Xustiza considera que concederlle este dereito á nai en desiguais condicións que ao pai constitúe unha vulneración do principio de igualdade e non discriminación. Porque se trata dunha suposta ventaxa para as mulleres que non se deriva da súa condición biolóxica nen do embarazo ou da maternidade. Isto é así porque, como recoñeceron todas as partes, o dereito de lactancia hai moito tempo que se afastou da función do amamantamento materno.
Por suposto que hai que celebrar esta sentenza, como un banzo máis na igualdade de homes e mulleres no mercado de traballo. Pero suxire a pregunta de como debe ser protexida e defendida a lactancia materna nos lugares do traballo. Unha cuestión hoxe moi esquecida, pero que prantexa de novo a condición biolóxica da muller e a necesidade de non discriminar ás traballadoras que optan polo amamantamento dos seus fillos de corta idade.

28 sept 2010

FOLGA XERAL!

Mañá o Reino de España pasa a ser o centro da Unión Europea. Nun día especial de mobilizacións sindicais contra o desmantelamento da política social europea, nós estamos no ollo do furacán coa nosa folga xeral. Teimosamente, como se conseguiu parar a Directiva de tempo de traballo, o movemento sindical español, pero tamén o europeo, precisan dun trunfo fronte a “lóxica” do establishment intergubernamental, ancorado nunhas durísimas políticas de axuste ditadas polos voitres do mercado libre e subsidiado co traballo da nosa clase obreira. O éxito da folga xeral ten que ser un símbolo a nivel europeo. Mañá as nosas centrais sindicais representativas de clase lideran a responsabilidade e son o espello das súas irmás francesas, alemanas, italianas e de todos os demáis Estados europeos. A fin de contas, mañá tamén nos manifestamos contra o racista Sarkozy, contra o novo goberno tory de Cameron, contra o indecente Berlusconi e contra a raíña do axuste Merkel, entre outros. Contra todos eles e os cadanséus gobernos. E contra a rede de complicidades que foron tecendo.


Por suposto, o destinatario da folga é o Parlamento. E o goberno español, tan acomodaticio aos ditados da internacional especulativa. Outravolta se vai repetir a historia: se os malos presaxios se cumplen, no 2012 vai entrar de novo a dereita máis xenuína cos “deberes” a prol dos intereses que defende xa feitos por un suposto “goberno de progreso”. É unha mágoa que a reforma laboral proposta por un executivo “socialista” afonde en institucións como o despedimento express de Aznar. Esta trituradora de empregos de alto voltaxe introducida no ano 2002 rectificada polo PSOE para que teña máis potencia! E constitúe toda unha evidencia que a Lei 35 centre os seus esforzos en “afinar” o Estatuto dos Traballadores para que os despidos sexan máis doados e máis imparábeis do que eran.

Mañá a rúa non é de Fraga Iribarne nen dos seus epígonos. E dos pobres e esquecidos deste país. Da clase desempregada: desta mocidade sen esperanza, destas mulleres paradas e destes homes que perderon seus empregos. Destes precarios que teñen que traballar por medo ao desemprego, pero que levaremos nos nosos corazóns en cada manifestación. É, en fin, dunha sociedade civil ferida que quere ser cidadáns e cidadás, aínda que non se lles quere deixar. E, ao mesmo tempo, da clase traballadora europea, que mañá se representa, máis que en Bruselas, Berlín, París ou Roma, nas rúas de Vigo, de Coruña ou de Ferrol, entre outras.

27 sept 2010

EN DEFENSA DE QUE AS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS TEÑAN PRESENZA NAS PEQUENAS UNIDADES PRODUTIVAS

Unha das críticas máis comúns que se lle está a facer desde a dereita económica á reforma laboral do 2010 consiste en que impón a presenza das organizacións sindicais máis representativas nas empresas que carecen de comité de empresa ou de delegados de persoal nos casos de modificación substancial das condicións de traballo, mobilidade xeográfica ou inaplicación do réxime salarial. Oxalá fose como eles din!
O soño dunhas unidades produtivas opacas ao feito sindical, tan propio dunha ideoloxía que non concibe a máis mínima democracia nos centros de traballo, é incompatíbel coa lóxica fundacional e fundante do noso Dereito do Traballo en clave de Constitución. Pero o que non fixo a Constitución nen a nosa normativa legal, o está a facer a realidade cotiá, da man dun Tribunal Supremo totalmente alleo e de costas á realidade das nosas estruturas representativas. Nos últimos dez anos apenas hai representacións legais dos traballadores nas pequenas unidades produtivas, por máis que pertenzan a grandes cadeas multinacionais. Sectores como a telefonía móbil, as empresas de seguros, o pequeno comercio, as empresas de alugueiro de vehículos e, en xeral, os servizos públicos, hoxendía son outros tantos ámbitos “ceibados” da presenza representativa nas empresas. E estou certo de que nos vindeiros meses a seguinte vítima propiciatoria vai ser a banca, outrora cun sindicalismo forte e reivindicativo.
Que está a pasar? Que as estratexias xurídicas destas empresas, moi ben asesoradas, acharon fendas legais para discutir sempre, e moitas veces con éxito, a existenza de delegados de persoal, da man dunha doutrina xudicial moi complacente con esta estratexia da parte empresarial, que está a facer auténtico uso alternativo do dereito a prol de escuros intereses. O resultado, insisto, é un imenso baleiro de estruturas representativas. E, no horizonte, unha loita para discutirlles aos sindicatos a súa representatividade.
Nesta situación, é obvio que o Título II do Estatuto dos Traballadores presisa dunha urxente reforma para redefinir que é un centro de traballo a efectos electorais ou para redeseñar as unidades electorais para as eleccións sindicais. E que fai a reforma do 2010? Nada. Absolutamente nada. Unicamente dicir que, cando non hai representantes legais dos traballadores nas empresas –isto é, cada vez máis veces-, a representación dos traballadores nos casos de modificación das condicións, traslados ou inaplicación das táboas salariais vai recaer en traballadores elexidos ad hoc ou en membros de sindicatos máis representativos. Claro que ben se van coidar as empresas de que os seus traballadores escollan a primeira opción e non a segunda.
Engade democracia participativa nas empresas a reforma do 2010? Non. O único que fai é constatar que xa desapareceu a pouca que había e artellar un remedo ao servizo de certas medidas, por outra banda moi necesarias, de flexibilidade interna.
Parafraseando unha expresión do Tribunal Constitucional, a ausenza de canles representativas reais é proba de que, cada vez máis, as manifestacións de feudalismo industrial se espallan polo noso sistema de relacións laborais.