25 nov. 2018

EN DEFENSA DE ANA PONTÓN











Leín onte nun periódico local que certas parlamentarias, altos cargos o concelleiras do Partido Popular convocaran unha rolda de prensa para esixirlle á voceira nacional do BNG unha rectificación. Aparentemente, esta semana ela lle instou ao presidente da Xunta, Mr. Bean, a que amosase que non forma parte de ningunha das mandas que hai na política, na xustiza e nas institucións. Seica a estas mulleres lles pareceu que a señora Pontón ofendeunas pola connotación que a palabra “manda” ten con un coñecido delicto que se produciu en Iruñea no 2016, de moita conmoción xeral.

Vai por diante que non teño unha relación cotiá coa señora Pontón. Coñecina hai pouco máis de dez anos nunha comparecencia que tiven no Parlamento de Galiza por cuestións de non discriminación por xénero. Daquela ela, representante na Comisión de Igualdade polo BNG, non me formulou nigunha pregunta, nunha actitude máis sabia que a representación doutros partidos políticos, que amosaron bastante descoñecemento da materia da que se falaba. Desde entón, si que intercambiei con ela algún whatsupp nos que eu lle daba os meus parabéns polos seus resultados electorais. E pouco máis. O que si teño por ela é un enorme respecto pola súa prudencia, serenidade e moderación, como virtudes –non moi habituais- que expresa cada día como parlamentaria.

Ela non necesita que ninguén a defenda, pero a súa contención tamén na resposta fai que pareza que este colectivo de mulleres do PP non teñen contestación abonda. Tamén é certo que a prensa escrita do noso país fai sempre de altofalante unicamente das opinións da dereita. En fin, as redes sociais poden ser un modesto canle para retrucar tan desafortunadas opinións das ditas parlamentarias, altos cargos e concelleiras peperas.

Realmente me costa albiscar no pedimento que lle fai Pontón a Feijóo a máis pequena migalla de ofensa a ninguén. Aínda que acusase, implícitamente, ao Partido Popular de similitude coa “Manda” –expresado en singular, e referido aos sucesos criminais de Iruñea-, creo que iso forma parte do debate político normal e da liberdade de expresión na loita política. O que quere dicir, desde logo, é que as condutas de moitos membros desde partido favorecen ou cando menos toleran a violencia machista. O que é, desde logo, unha opinión perfectamente defendible. Que Ana Pontón lle pida a Alberto Núñez Feijóo que se desmarcase das mandas é algo que cadra na loita política, e máis a poucos días de hoxe, 25 de novembro.

Curiosamente, hai poucos meses o Sr. Bean proferiu no Hórreo unha expresión realmente desprezabe, cando dixo da Sra. Pontón que “pensaba que estaba moi necesitada”. É certo que axiña retirou esta expresión. Pero tamém o é que ningunha parlamentaria do PP expresou ningún comentario crítico ao seu líder, como si fixeron todas as parlamentarias da oposición. Aparentemente, para a señora Rodríguez Arias e para as súas conmilitonas ningún disvalor ten a frase proferida por Mr. Bean.

Neste contexto, que a señora López Abella convoque rolda de prensa para queixarse do que di Ana Pontón no Parlamento é moi lamentable. Habería que pedirlle un pouco de solidaridade de xénero e un pouco –un pouquiño, nada máis- de sensibilidade. E, por suposto, habería que pedirlle á señora López Abella o imposible para un partido como o PP: que a Secretaría Xeral de Igualdade mantivera a máis mínima independencia da Presidencia. Xa sei que é delirante este pedimento cando goberna o PP, pero é o que esixe a normativa de Nacións Unidas no mainstreaming de xénero.

En fin, pídolles ás mulleres con carguiños no PP unha actitude menos de hooligans políticas, un pouco de coherencia nas súas mensaxes contra a discriminación de sexo/xénero e unha loita real pola a igualdade. Claro que o que lles pido, en realidade, é que cambien de partido político. E quizáis fora do presebe do PP faga moito frío para elas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Os comentarios son benvidos neste blog, xa que o seu obxectivo é ser un punto de encontro e de diálogo co autor. Podes deixar a tua opinión, que pode non coincidir coa miña, pero sempre con cabeza. Os comentarios destructivos ou que falten ó respecto dos participantes no blog serán eliminados.