7 abr 2019

EN COMÚN-UNIDAS PODEMOS











Aceptei agradecido o convite que se me expresou para concorrer nesta lista como número 3 pola provincia de Pontevedra, por máis que eu non milito na actualidade en ningunha organización política. Sen que hoxe sexa cousa por cuestión de calendario de expresar propostas concretas, si que me anima a idea de xustificar a miña postura, que apenas dubidei cando Yolanda Díaz me a prantexou.

No noso país o modelo de país e o modelo de sociedade van xunguidos, moito máis que noutros do Estado español. Non vai ocorrer un cambio transformador en Galiza por máis que veñan un pequeno feixe de investimentos finalistas, senón porque haxa unhas políticas de bo goberno que sosteñan unha acción que cree condicións de progreso. Esas condicións das que tanto nos afastou o ananismo político do Partido Popular de Fraga Iribarne e de Núñez Feijóo na súa viaxe cara a inanidade e desaparición definitiva de nós como pobo e como persoas individuais.

Temos o inimigo na antipolítica que se vai facendo desde as primeiras eleccións autonómicas en Galiza, con esas pequenas illas de esperanza que foron os gobernos de González Laxe e de Pérez Touriño. Pero tamén nunha España que o centralismo autoritario-conservador ven concebindo como de suxeitos desiguais e de habitantes periféricos sen dereitos. É un paradoxo que o marketing político destes días se centre na “España despoboada” cando o 29 de abril a algúns non lles importará ren o que pase alén da contorna das grandes ciudades. Galiza, por responsabilidade gravísima da dereita, vai camiño de liderar ese ermo poboacional, cando quedan tan poucas meniñas entre nós que vaian ser nais dentro de vinte anos.

Neste contexto, os grandes retos son a sanidade universal e de calidade, a educación pública e absolutamente gratuíta, a elevación da renda persoal e familar dos nosos individuos e das nosas familias, o traballo digno e con dereitos, a xeración de capacidades e condicións para o investimento produtivo en Galiza, a igualdade material –non exclusivamente formal- con outras partes do Estado e, en xeral, a mellora dun benestar que produza unha sociedade con azos de crecer. Coio que todo iso o representa a candidatura na que me integro.

Doutras pode predicarse case o mesmo, sen dúbida. Pero hai un elemento diferencial, decisivo, que é a vontade de sermos protagonistas da acción de goberno. Fóra das persoas que asuman as concretas responsabilidades, as iniciativas xenuínamente igualitarias non van ir da man dun goberno do PSOE moi ben guiadiño pola súa alma liberal. Teñen que vir da agrupación política na que nos inserimos e que vai tinguir a política das cores da igualdade material e do progreso social.

Ten que ser ademáis a barreira decisiva para que non colla o leme do poder esta dereita neo-franquista que propón o líder do PP e pola que se decantou decisivamente o partido que, por desgraza, sostén noso “goberno” autonómico. Ademáis, hai que lanzarlle a mensaxe de que os seus tempos en Galiza xa van rematar e que xurdirá outra Xunta que, ista si, vai mellorar as condicións de vida da nosa xente.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Os comentarios son benvidos neste blog, xa que o seu obxectivo é ser un punto de encontro e de diálogo co autor. Podes deixar a tua opinión, que pode non coincidir coa miña, pero sempre con cabeza. Os comentarios destructivos ou que falten ó respecto dos participantes no blog serán eliminados.