Hoxe saín de clase logo de
discutir coa xente que asistiu, na súa maior parte representantes dos sindicatos
e das empresas, de acción sindical na empresa. Foi un debate construtivo no que
se expresaron argumentos diferenciados e se falou de modelos, de estratexias e
de niveis de protección. Pero un debate no que se constatou, básicamente, o
inestabeis que son os piares xurídicos da dita acción sindical, as sutís
diferencias entre o contido esencial e o contido adicional da liberdade
sindical e a dependencia que o noso modelo ten das estruturas representativas
unitarias.
Ven todo isto a conto desa
corrente predominante de opinión no noso mundo das relacións laborais de darlle
máis protagonismo á acción estritamente sindical en contraposión á dos comités
de empresa e delegados de persoal. Opinión que defende diminuír as competencias
dos comités de empresas, retirarlles a lexitimación para negociar convenios
colectivos de empresa e convertilos, en termos xerais, en órganos subalternos
de participación colaborativa coa empresa.
Xa expresei en moitas ocasións a
miña discordancia con ditos puntos de vista. Fíxeno desde a convición dos seus
perigos e da ameaza que supón para o noso modelo de relacións laborais. O
divorcio entre lexitimación para negociar e cómputo da representatividade
seméllame un perigo importante de que a representatividade mesma entre en
crise. E, con ela, a propia esencia e existencia de sindicatos de clase fortes
e representativos que se sustenta nun equilibrio delicado. A nosa tradición
representativa foi construída desde a acción dos comités de empresa e delegados
de persoal, sen que, na realidade, existise unaha concorrencia efectiva entre
as estruturas representativas sindicais e estatutarias. Ademáis, as reglas que contén a Lei Orgánica
de Liberdade Sindical nos seus arts. 8 e seguintes se estableceron pensado en
que a actividade representativa de seccións e delegados era suplementaria e non
alternativa da do Título II ET, como se reflicte con toda claridade nos
restritivos preceptos que incorporan contido adicional ao dereito do art. 28 da
Constitución. Non se pode negar que darlle primacía ás sección sindicais
requeriría ceibalas da súa atadura aos comités de empresa e, en particular,
reformar ditos preceptos da LO 11/1985 en liña de reforzo da presencia e
dereitos dos delegados sindicais.
Tamén argumentei que o noso
sistema sindical, aínda que non favoreza unha expansión grande das taxas de
afiliación sindical, si que produce un mantemento das mesmas. É dicir, actúa
como un estabilizador das nosas percentaxes afiliativas, como se constata con
datos comparados. En efecto, nos últimos anos, en particular coa gran crise
económica, se manifestou unha resistencia ao desplome das mesmas que, lonxe de
diminuír, se mantiveron e memos creceron un pouco, ata se situar lixeiramente
por riba da media dos países da OCDE. Teño a impresión de que rebaixar a
entidade e as competencias dos comités de empresa poría en perigo este ecosistema
delicado.
Ademáis, a discusión de hoxe foi
un testemuño claro de que o noso dereito non está preparado para este cambio.
Hai enormes espazos de inseguridade xurídica relativos ao papel, competencias e
garantías das seccións sindicais. Hai unas liñas xurisprudencias do noso
Tribunal Supremo sumamente restritivas na interpretación, en particular, do
art. 8 da LOLS. A xurisprudencia tradicional do Tribunal Constitucional foi moi
dubidosa e nada bo se pode esperar deste órgano na súa composición actual. A
actuación das sección sindicais das organizacións menos representativas é, na
práctica, inviábel. En resumo, máis que impulsar unas relacións colectivas máis
dinámicas, as correntes de cambio poden supor todo o contrario: un golpe de
morte ao noso modelo sindical.
O outro día comentaba cunha amiga
miña de hai moitos anos que nós os dous éramos persoas diverxentes. Nestes anos
non é doado dicir que un é conservador do noso sistema colectivo de relacións
laborais. Implica recoñecer certo grao de diverxencia con isto que se deu en
chamar o mainstreaming. Pero tamén é
certo que os modelos se constrúen moitas veces con posturas minoritarias.
Por diverxer dos meus amigos de
Parapanda, a foto que poño é a de Pablo Iglesias. Tanto ten. No fondo, estou a
levarlle a contraria a moitos dos meus amigos da UXT.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Os comentarios son benvidos neste blog, xa que o seu obxectivo é ser un punto de encontro e de diálogo co autor. Podes deixar a tua opinión, que pode non coincidir coa miña, pero sempre con cabeza. Os comentarios destructivos ou que falten ó respecto dos participantes no blog serán eliminados.