Están xermolando, como os
pequenos abrochos nunha árbore que podrece. O dereito de manifestación para
berrar contra un marco de relación laborais inxusto como poucos. A taxa de
temporalidade xa roza o 27 por cento. A do traballo a tempo parcial –declarado-
achégase ao 15 por 100, do que a meirande parte é indesexado. A primeira, xa acadando
os números dos piores anos do ladrillo, claro que daquela había pleno emprego
–masculino- e hoxe aínda estamos por riba do 15 por 100 de desemprego. A
segunda, desbocada desde a precarización express que supuxo a reforma de
decembro do 2013.
É unha realidade teimosa que a
reforma laboral dos anos 2012/2013 produciu precariedade a cachón. Negalo é
cousa de ignorancia ou mala fe, ou das dúas cousas ao mesmo tempo. É máis, foi
unha consecuencia percurada polo corpo lexislativo reformador: un mercado
laboral inxusto nas súas marxes, no que os beneficios das empresas se constrúen
por riba dunha clase traballadora esmagada. Para que uns gañen, outros teñen
que perder. Os beneficios alicerzados no abuso dunha clase traballadora paria. Nesta
dialéctica, a rebaixa salarial e a competitividade polos baixos custos
retributivos ten moito que ver coa precariedade dunha ampla franxa da poboación
activa. Por moito que a nosa lexislación, piadosa por fora pero a gargalladas
por dentro, proclame a igualdade entre traballadores temporais ou/e a tempo
parcial con traballadores indefinidos e a xornada completa. Pura fantasía.
Os dereitos dos precarios non se
poden construír sobre os piares dun pretendido dereito á igualdade. É unha
técnica imposible, porque as comparacións son sempre discutíbeis. As últimas
conclusións da avogada xeral Kokott de decembro 2017 volven as augas ao seu
rego. Foi unha esperanza doce, namentres durou, que o principio de igualdade
podía servir de panca para mellorar as condicións de traballo dos temporais. De
feito, os poderes fácticos, ao longo do 2017, puxeron todos os medios dos que
dispuxeron para negar algo tan elemental como que a situación dos temporais aos
que se lle extingue o contrato polas causas consignadas nel é parella á dos
indefinidos aos que se lle extingue o contrato por causas obxectivas. Seica non
é unha causa organizativa a que está no fondo dun contrato temporal? Á xente
que o negue, eu lle recomendaría que estudara un pouco, por exemplo nas orixes
da Directiva de despedimentos colectivos.
Con todo, a loita pola defensa do
principio de igualdade entre temporais e indefinidos era parella á da Illa do Perexil
contra as tropas de Federico Trillo Figueroa.
Unha loita insostíbel. A busca do terceiro de comparación é a ponte de
burros pola que ninguén pasa. Os dereitos dos atípicos non poden ser dereitos
por asimilación. Así o entendeu ben sempre a dereita política do noso país, que
sempre reformou os contratos temporais e os contratos a tempo parcial coa
técnica de rachar todos os dereitos específicos dos contratos temporais e parciais.
Cortar sempre as pontes que podían xuntar o emprego atípico e o emprego típico,
para que os precarios fosen precarios para sempre xamáis, a poder ser.
Mellorar a condición dos atípicos
é crear dereitos de tránsito, obrigas específicas dos empresarios para con
eles, accións positivas que melloren a situación deles fronte aos típicos. É
certo que todos os sistemas xurídicos da nosa contorna teñen unha taxa de
precariedade que serve de amortiguador para as situacións de crise. Pero no
noso modelo esa taxa é un exército inmenso de persoas sen dereitos, un
lumpenproletariado atrapado nas redes dunha dereita económica rapaz e sen
escrúpulos.
Por iso, que abrollen as
manifestacións dos precarios é un sinal de esperanza. Que as xentes xenerosas
sexamos solidarias con todos eles e que o noso sistema se convirta nunha
inmensa manifestación de rexeitamento dun modelo perverso e noxento, artellado
a prol da clase favorecida.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Os comentarios son benvidos neste blog, xa que o seu obxectivo é ser un punto de encontro e de diálogo co autor. Podes deixar a tua opinión, que pode non coincidir coa miña, pero sempre con cabeza. Os comentarios destructivos ou que falten ó respecto dos participantes no blog serán eliminados.