Ser afiliado non é o meso que ser
militante. Nunca fun militante. Paguei a cota á organización política durante
lustros, pero xamáis participei da súa vida interna. Deime de baixa o ano pasado,
xusto cando Ana Pontón accedeu á condición de voceira nacional. Trabuqueime. Marchei
cando ela cambiou as dinámicas para ben. Teño que voltar. Ela vai ser a
primeira muller en presidir noso país. Pero esa é outra historia. Agora o
asunto é outro, nestas datas de reflexión identitaria.
Non quero escribir de conceptos
nacionais, nen de política prospectiva, se se me permite o pleonasmo. Quero
saír ao paso desta onda de defensa “do modelo do 78” escrita desde unha
posición progresista, que eu recoñezo no seu progresismo, para falar con ela
afectivamente. A outra defensa, a feita desde a adscrición a un monarca neo-autoritario
e desde a afección a unha simboloxía nacional-católica, non me interesa, Con
eles, as pontes non existen, habitamos en galaxias diferentes.
Eu son o que se entende desde esa
outra orela como un nacionalista. Quérolle á miña lingua, que hai séculos foi a
cultivada neste recuncho do mundo e hoxe é marxinal, nun pobo de xente
diglóxica por mor dunhas políticas de promoción do castelán e de desprezo do
galego. Quérolle a este país minguante e envellecido, froito do desprezo propio
e alleo. Quérolle á nosa vizosa paisaxe en perigo tamén por culpas nosas e
doutros. E tamén lle quero á nosa literatura, xigante para un pobo tan
pequeniño. Pero non me pode a simboloxía, non preciso bandeiras nen himnos e
moito menos orgullos patrios. En resumo, eu son menos nacionalista que “os do
réxime do 78”.
Ven todo isto a conto dunha mensaxe
menos “patriótica”. Que necesidades tería eu para vivir cómodo nese Estado
denominado Reino de España? A verdade é que non moito. Básicamente que se desenvolveran
políticas de integración da pluralidade, que se perseguira unha igualdade
material de todas as xentes que son nacionais deste Estado, que se comportara
realmente como social e de dereito e que se recoñeceran xenuínas competencias
políticas ás denominadas “Comunidades Autónomas” nun leal entedendemento da
subsidiariedade na acción do Goberno central.
Cantas condicións se cumplen das
anteriores? A verdade é que ningunha, e esa é a miña desafección, como a de tantos
outros, ao “modelo do 78”. Probablemente tamén porque non é o da miña xeración,
senón o da xeración anterior e non lle
teño agarimo abondo. Pero, ademáis e por riba de todo, porque non foi senón un
corsé que nos limitou no progreso social da periferia, desta parte do
territorio que tan pouco lles importa aos que miden a súa moralidade polo
tamaño da bandeira rojigualda pendurada dos seus balcóns.
A nosa pequena identidade galega entrou no máis inmenso desleixo
propio e alleo. Como exemplo elemental: dou clase en galego e a inmensa maioría
do meu alumnado non é quen de facerme os exames escritos en galego. Non por
perxuízos, senón por falla de competenzas lingüísticas. Que está disposto a
facer “o modelo do 78” para a promoción das linguas minorizadas? O que demostrou
é nada, agás tallar os modelos educativos que queiran sinceiramente garantir un
coñecemento real da cadansúa lingua minorizada. Que se fai desde a Administración
do Estado no recoñecemento e a promoción das diferencias que nos constituirían
como pobo plural? Ren. Unicamente, promover unha igualdade tipo “Tempos modernos”.
Unha igualdade identitaria na que eu, desde logo, non me recoñezo.
Galiza é un país pobre, avellentado
e no que xamáis se coidou desde o Goberno central. Moito menos cando o
dirixiron galegos –galegos, por suposto, esquecidos da súa orixe e sen
conciencia da súa identidade-. Sen infraestruturas dignas do século no que
vivimos. Anulado no desenvolvemento dos seus sectores produtivos. Dirixido no
tecido privado desde Madrid na explotación dos seus recursos básicos. Con menos
renda, menos ocupación e máis dependencia da Administración central. Por
suposto, esa é a nosa culpa, cando menos en parte. Pero nunca fumos merecentes
dunha acción positiva desde o Goberno central digna dese nome. Somos para Madrid
o esquecido, lonxano e neboento Noroeste. Nada máis. Non somos materialmente iguais a outros
españois. Ao modelo do 78 nunca lle interesou fornecernos das pancas para
medrar. Non lle podo querer a un Estado ao que non lle interese a igualdade
material da xente do meu país en comparación coa doutras partes súas.
O “modelo do 78” deixou de ser
social e de dereito. Transixiu cunha reforma constitucional, a do art. 135, que
abandonou os obxectivos sociais elementais en aras do equilibrio orzamentario.
Entendido este non como equilibrio ao medio e longo prazo, senón como obediencia
aos ditados conxunturais da Comisión Europea e do Goberno de quenda. A este
principio axial subordinouse o pleno emprego, a equitativa distribución da
renda, o sistema público de Seguridade Social e, en xeral, todos os principios
reitores da política social e económica. Todo iso, por certo, co aplauso desta
corrente defensora do “modelo do 78”.
Non é de dereito. Por moito que
un limpe os lentes non pode albiscar no art. 155 da Constitución unha
habilitación ao Senado e ao Goberno para cesar a cargos públicos democráticamente
elexidos. Dar instruccións é algo moi diferente de cesar. Cando se nos quere obrigar
a entender algo que a Constitución non di, o Estado deixa de ser de dereito.
Cando responde a inconstitucionalidades con outras inconstitucionalidades non é
leal á súa definición como Estado de dereito. Cando non cumple cos convenios
fundamentais internacionais e rexionais que ten asinados –Carta Social Europea,
Convenio para a eliminación de todas as formas de discriminación contra a
muller, diversos convenios da OIT, en particular de protección das persoas
migrantes..- traizoa o art. 10 da Constitución. Pero, máis importante, cando o
noso Tribunal Constitucional ven facendo hai anos unha interpretación dos
dereitos fundamentais cuasi-programática deixa de ser Estado de dereito. Iso é,
cando renuncia á promoción do que nos
une como cidadáns e cidadás: a identidade no goce dos dereitos humanos e das
liberdades públicas.
Para rematar, que recoñecemento fai
o Estado das competencias autonómicas? Ben me consta que Carles Vives Pi-Sunyer
non é hoxe alguén do gosto dos
defensores do “modelo do 78”. Pero falo dos seus votos maioritarios e
particulares cando era maxistrado do Tribunal Constitucional. E cando dicía que
as competencias autonómicas sempre estaban subordinadas a unha competencia
estatal xeral e elástica, en particular “as condicións básicas que garantan a
igualdade de todos os españois” patente de corso na que ten baseado o Tribunal
Constitucional multitude de sentenzas con interpretacións sumamente “caseiras”
das competencias estatais. Así se estragou a existencia de reais e efectivas
competencias plenas, Pero, alén diso, é que ninguén vai recoñecer que hai unha
vaga centralizadora fortísima desde hai anos nas normas legais e na interpretación das
mesmas que fai o Tribunal Constitucional? Falo, creo que sen esaxeración, de
fanatismo centralizador dos poderes do Estado. Refírome, en particular, a
competencias sanitarias, de función pública e de emprego. Estou certo de que
pasa o mesmo noutras marerias, pero eu únicamente coñezo algo da rama social do
Dereito e por iso falo dela. Dicir que as Comunidades Autónomas teñen hoxendía
capacidades políticas homologables a un Estado federado é, sinxelamente, negar
a realidade e crear un imaxinario virtual.
Eses son os motivos, esquemáticamente
expresados, do meu afastamento do “modelo de 78”. Teño 50 anos e xa non son desa
xeración que se afasta públicamente da transición. A esta recoñézolle valores,
pero tamén eivas. Pero, con todo, a convivencia haina que construír cada día.
Integrando, non impoñendo.
Poño en foto a Peces-Barba, con quen tan pouco me identifiquei na súa vida. Logo do seu pasamento, respeteino máis, cando leín seus traballos relativos aos valores superiores.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Os comentarios son benvidos neste blog, xa que o seu obxectivo é ser un punto de encontro e de diálogo co autor. Podes deixar a tua opinión, que pode non coincidir coa miña, pero sempre con cabeza. Os comentarios destructivos ou que falten ó respecto dos participantes no blog serán eliminados.