Dou clase habitualmente a estudantes
de máis ou menos 20 anos de idade. É dicir, xa me están a chegar promocións afectadas
no ensino medio por este aberrante Decreto 79/2010 do “plurilingüismo”. A
diagnose que fago na miña condición dun dos moi poucos profesores dos graos de
Dereito e Relacións Laborais da Universidade de Vigo que imparte as clases en
galego é obvia: non teñen competencias en lingua galega suficientes. É máis, a
diglosia non se converteu en multiglosia porque non melloraron as súas
competencias nunha lingua estranxeira. No caso do galego, a súa escolla
abrumadoramente minoritaria nas súas respostas ás miñas preguntas, orais e escritas,
non é unha decisión voluntaria, senón que ven precedida do recoñecemento
expreso de que non teñen competencias boas para empregalo.
O que xa se sabía dun coñecemento
obvio da realidade, por máis que haxa moito negacionista na Xunta de Galiza,
ven sendo recoñecido polo Consello de Europa, na súa Recomendación evacuada o
20 de xaneiro 2016. É moi importante a súa alínea 5, segundo a que se lles
recomenda ás autoridades españolas ter en conta, como materia prioritaria, que
se garanta que a oferta de educación trilingüe non afecte negativamente a protección
e promoción de linguas minoritarias. A Recomendación baséase nun informe do
Comité de Expertos adoptado o 20 marzo 2015 realmente demoledor no eixo da
educación. Entende que a Xunta viola o art. 8 porque o Decreto 79/2010 limita o
ensino en galego ata o máximo do 50 por 100 do currículo, co obxectivo de
reducilo ata un terzo. O Comité úrxelles rexamente ás autoridades facer accesible
a educación en galego con todos os medios acaídos. E iso é asi no ensino medio
e na formación profesional, na que tampouco se acadan os estándares do
Convenio.
Ademáis, o Comité da conta de que
a Xunta non proveu un informe independente para avaliar as medidas adoptadas
para garantir o ensino de lingua galega, na súa teima de sempre de evitar o seu
sometemento a auditorías independentes.
En setembro do 2015 o Tribunal
Constitucional decidiu inadmitir a trámite o recurso de amparo contra a
sentencia da Sala do Contencioso do TS do 11 marzo 2015 que confirmou a
legalidade do Decreto 79/2010. Hai, xa que logo, unha evidente carencia de sustento
do recurso formulado pola Real Academia da Lingua. É lóxico, porque para o
actual TC a Constitución é unha casca sen contido. A análise que fai o Consello
de Europa é de efectos materiais para unha lingua minorizada como é o galego.
Por supusto, a Xunta vai agachar a Recomendación. Por iso é tan importante que
se coñeza, e que se saiba que a Xunta é culpable desta paseniña pero imparable
perda de falantes que ten nosa lingua.
O homiño que sae no foto é o
Conselleiro de Cultura e Educación, un tal Román Rodríguez González. É moi
culpable desta desfeita na súa orixe, porque foi voceiro do Papo en temas de
educación no Hórreo desde o ano 2009. E entrou no Gabinete de Mr. Bean en febreiro
do 2015. Ten, por iso, toda a carga infamante de ter estado en todas as cociñas
dos banzos que deu a Xunta contra o galego. Que dimita, se ten algo de
dignidade! Xa abonda de xentalla que fai impostación do amor a Galiza pero lle
importa moi pouco que pase coa nosa lingua!
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Os comentarios son benvidos neste blog, xa que o seu obxectivo é ser un punto de encontro e de diálogo co autor. Podes deixar a tua opinión, que pode non coincidir coa miña, pero sempre con cabeza. Os comentarios destructivos ou que falten ó respecto dos participantes no blog serán eliminados.