Xa van máis de once anos do seu
pasamento! Que no 2016 se lle recoñeza e se lle faga homenaxe no Día das Letras
Galegas chega un ano tarde, sen que no ano 2015 se lle adicara o 17 de Maio a
alguén que pertencera ao noso marco de convivencia. Tamén por iso é un sinal de
esperanza o recoñecemento ao poeta de Outeiro de Rei. É o anuncio de que por
fin vamos rematar con estes anos abafantes de loita contra a lingua patrocinada
desde unha Xunta inimiga de Galiza. Un Goberno que incumpriu con todas as súas
forzas o art. 8 da Carta Europea de Linguas Minorizadas sen que, por desgraza e
ata hoxe, as instancias da UE tomaran decisións ao respecto. Pero cómpre
agardar que axiña se faga pública algnha declaración de condenación!
Coido que nos toca á xente que
queremos noso País unha pequena responsabilidade no espallamento de alguén que
é cumio das nosas letras e tamén da defensa da nosa identidade como pobo,
namentres outros os represaliaban desde as súas procuradurías franquistas. Eu
non o coñecín persoalmente pero admireino moito. Sen dúbida o seu desprezo aos
profesores de Dereito a finais dos anos corenta e principios dos cincuenta
arrastrouno máis polo mundo da literatura que polo xurídico. E certamente
tiramos proveito desda circunstancia.
Onte e hoxe, nun fin de semana
no que o vento e a chuvia nos varren, nun xaneiro que é “Compendio de Orballos
e Incertezas” deume tempo a rescatar este poema para dicirlle a dúas lagoas:
As
raiolas, aínda puras, do luar
As raiolas, aínda puras, do luar
caían mainamente sobor
da pel da Lagoa de Cospeito
poñendo un nimbo de luz case irreal
na auga, nas cousas e no mundo.
É como se nevara na nosa intimidade
e se nos voltara branca a propia
escuridade e a conciencia
se sulagara nun mar de mesta néboa
ou nun xardín de rosas desfolladas:
o seu recendo, doce e penetrante,
tíralle crueldade e amargura a todo
aquello que nos manca e nos fire.
Quixera quedar sempre, sempre
neste enlevamento que me ten,
esbarar levemente sobre as cousas
e andar polo mundo case sen tocarlle
cun nidio resplandor de vagalume
como as máxicas raiolas do luar
na lexendaria Lagoa de Cospeito.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Os comentarios son benvidos neste blog, xa que o seu obxectivo é ser un punto de encontro e de diálogo co autor. Podes deixar a tua opinión, que pode non coincidir coa miña, pero sempre con cabeza. Os comentarios destructivos ou que falten ó respecto dos participantes no blog serán eliminados.