Aínda que Antonio Baylos xa
publicou antonte no seu blog unha reseña deste monográfico da Revista de
Dereito Social, quero engadir un par de comentarios que parten da miña
gratitude con el, como director de RDS, por promover a edición dun número
relativo á protección xurisdiccional dos dereitos fundamentais. Que eu teña a
honra, ademáis, de coordenar a un grupo tan notable de laboralistas fai que me
sinta especialmente fachendoso.
O contexto no que se encadra é
abondo coñecido e caracterizado por unha paisaxe despois da crise desoladora no que se refire aos dereitos
sociais e laborais. A forza de traballo convertida nunha mercadoría que se
compra a prezos de saldo como ben funxible e as traballadoras e traballadores
rebaixados a condición de persoas vulnerabeis e en risco de pobreza. É unha
descrición na que, por desgraza, se concitan as unanimidades de organismos tan
dispares como o FMI, a OCDE e mesmo a Igrexa Católica, todos eles indignados
polas rebaixas salariais que sufren as clases traballadoras e a desprotección
que padecen as persoas en risco de exclusión social. Algo moi canalla ten que
estar a facer o Goberno actual para concitar tales consensos. O Reino de España
convertido no averno da desigualdade e da inxustiza, para beneficio das clases
favorecidas.
Neste contexto no que se
desmantelaron redes elementais de protección laboral, compría unha reflexión
ampla, desde a perspectiva da protección dos dereitos fundamentais dos
traballadores. A pregunta básica consistía en plantexar, dunha banda, se o
acervo dos dereitos humanos básicos podía dar pé a unha rede de protección alternativa.
E, doutra, se os tribunais internos e internacionais estaban en condicións e en
disposición de aportar decisivamente nun cambio de paradigma no que os efectos
deste desmantelamento de dereitos se paliaran, cando menos un pouco.
É por iso que as primeiras
miradas debían enxergar que pasa nos tribunais internos. Nos ordinarios e tamén
no constitucional. E tamén nos órganos europeos que ditan doutrina vinculante
no noso sistema de relacións laborais, tanto da Unión Europea canto do Consello
de Europa. Xa que logo, o Tribunal de Xustiza de Luxemburgo, o Tribunal Europeo
de Estrasburgo e tamén o Comité Europeo de Dereitos Sociais.
Asemade, compría albiscar a
doutrina de órganos xudiciais de sistemas próximos ao noso, coas cadansúas
particularidades, pero con compoñentes que lles daban singlaridades propias. Os
exemplos portugueses –especialmente notable pola resposta do seu Tribunal
Constitucional aos recorte esixidos pola troika-, italiano, francés e alemán
parecían de singular interese. E tamén, pola súa especificidade propia, aínda
que máis alonxada da nosa tradición xurídica, conviña unha análise da doutrina
do Tribunal Supremo Federal de USA.
Este era o empeño do número que
agora sae a coñecemento da comunidade científica. Sen dúbida, falta a análise
dun banzo, o fundamental na narrativa dos dereitos humanos, que é o de Nacións
Unidas, con toda a súa complexidade. Pero esa é outra historia, que deberá ser
escrita nun futuro máis ou menos próximo. Polo de agora, únicamente me queda
darlle ás grazas, ademáis de á dirección da revista –en especial, a Luis
Collado-, aos autores e autoras: Antonio Baylos, María Amparo Ballester,
Giovanni Orlandini, María Belén Cardona, Risa L. Lieberwitz, Marie Cécile
Escande-Varniol, Achim Seifert, Laura Calafá, Joao Leal Amado, Francisca
Fernández, Belén Fernández, Marta Fernández e Nora María Martínez.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Os comentarios son benvidos neste blog, xa que o seu obxectivo é ser un punto de encontro e de diálogo co autor. Podes deixar a tua opinión, que pode non coincidir coa miña, pero sempre con cabeza. Os comentarios destructivos ou que falten ó respecto dos participantes no blog serán eliminados.