2 may. 2014

DECLARACIÓN DE DEREITOS DE LTGBI- Na senlla dos Principios de Yogyakarta




O venres pasado publicouse no Diario Oficial de Galicia a Lei 2/2014, do 14 abril, pola Igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gays, transexuais, bisexuais e intersexuais en Galicia. Por suposto, é unha boa nova que se aprobe unha lei nesta materia, a primeira que se dita no ámbito autonómico, e máis cando se estragou, co peche anticipado da anterior lexislatura no Congreso, o proxecto de lei marco de Igualdade presentada polo Goberno de Zapatero.

Os comentarios críticos, que se teñen que expresar, non escurecen, con todo, a avaliación positiva desta norma. Constitúe un banzo importante na normalización dos dereitos dun colectivo vítima dunha das discriminacións máis violentas e estigmatizadoras que hai. Ademáis, ten preceptos sumamente interesantes, máxime tendo en conta certas mensaxes que expresan non poucos colectivos. Entre outros, os que establecen o recoñecemento e a cooperación das Administracións Públicas coas asociacións de LTGBI. Ou a formulación dun concepto de familia no que se recoñezan as expectativas e arelas destes colectivos e destas persoas, con referencia explícita aos seus dereitos paterno-filiais. Ou, o fincapé que se fai en temas educativos –por certo, xa esquecida por algúns a acusación de adoutrinamento que se lle fixo á asignatura de Educación para a Cidadanía-. En suma, a lei expresa un pensamento afastado da homofobia que caracteriza aínda a grandes franxas da nosa sociedade.

Por suposto, a lei ten moitas eivas. Por exemplo, na deficiente regulación do acoso homofóbico, que é unha das fundamentais cuestións na discriminación destes colectivos, e do que se fai unha definición estandarizada que non aporta nada. Ou na omisión da discriminación por asociación, moi probable nestes casos. Ou na deficiente regulación da discriminación múltiple, que en realidade é máis ben intersectorial. A lei non contén medidas horizontais efectivas de combate contra a discriminación, alén de estudos e invocacións aos organismos de aplicación das normas. Non se establecen medidas laborais elementais, das que podían servir de guieiro as que se introduciron na Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en Igualdade das mulleres de Galicia. Non se establecen dereitos subxectivos clínicos para os transexuais con finanzamento público. E non se garanten os dereitos de manifestación e reunión dos LGTB na medida en que estos dereitos fundamentais se deberían proclamar. Non é casual que na nosa CCAA non haxa marchas, campañas ou actos de demostración pública.

Nestas condicións, cabería dicir que é unha lei puramente declarativa, sen moita efectividade práctica. Probablemente non haxa unha vontade política moi intensa de que esta lei sexa transformadora da realidade. Quizáis sexa así. Pero é un primeiro banzo. En Galiza poderemos gabarnos de que fumos a primeira Comunidade Autónoma en lexislar ao respecto. Iso, sen máis, é un feito que me enche de orgullo e que fai que, por un día, me sinta un pouco máis perto duns parlamentarios da dereita que de cotío están estragando nosa sociedade con outro tipo de medidas catastróficas. Hoxe teño que darlles meus parabéns por unha lei que, polo mero feito de ser aprobada, fai que a nosa Galiza sexa un lugar un pouco mellor para vivir.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Os comentarios son benvidos neste blog, xa que o seu obxectivo é ser un punto de encontro e de diálogo co autor. Podes deixar a tua opinión, que pode non coincidir coa miña, pero sempre con cabeza. Os comentarios destructivos ou que falten ó respecto dos participantes no blog serán eliminados.