17 may 2014

CANTARES GALLEGOS





A ignorancia do noso presidentiño Mr. Bean ten o tamaño dun burato negro. É unha ignorancia cósmica, universal, mesmo se diría que ciclópea. O único que non se lle pode chamar é unha ignorancia “enciclopédica”, porque Albertito amosounos onte que é un analfabeto funcional, un incapaz para gobernarnos ás galegas e galegos.

Xa sei que a outros ata lles faría graza que non soubera dicir ningunha obra de Rosalía de Castro e que se trabucara ao retrucar “Poemas gallegos” no canto de “Cantares Gallegos”. No fondo, é unha metáfora do que somos. Temos un costume moi enraigañado de que cando desprezamos a alguén ou algo nos trabucamos ao dicir o seu nome. Iso é o que fixo o presidente: dicirmos que lle importa un carallo a nosa cultura. Cousa que xa sabemos, pero que nos amola que exprese con tanta desvergoña.

A persoa que presida a Xunta de Galiza debe manter certos mínimos elementais. Eu non lle pido que sexa un especialista na poesía galega, nin na nosa literatura actual. Xa sabemos que ten un prexuízo contra os escritores na nosa lingua, porque os considera os seus inimigos. E leva razón, porque el xa desde o comezo lle declarou a guerra á lingua galega.

É repugnante que logo esta xentalla faga impostación do seu amor a Galiza. Amor a que? A que sinais de identidade? Desde logo, en cada intervención pública non fai máis que estragar a lingua galega e facer que pasemos toda a vergoña do mundo escoitándolle un castrapo miserento, cun léxico impropio dunha persoa adulta. E non é a lingua, é a realidade antropolóxica dun pobo que esmorece. Linguas morreron moitas e o galego non deixará de ser unha máis que camiña á súa autodestrucción por confiamos noso futuro nesta manda de políticos frouxos e mesquiños.

Se fose en nome dunha política alternativa, ata tería sentido. Pero a Xunta actual é a anti-política, é deixar que todo esmoreza, que Galiza se encolla cada día un pouquiño máis, que envelleza, que os meniños non queiran falar na lingua nai porque é unha fala desprezada e sen futuro. Canto retrocedimos en cinco anos!

Non ten ningunha graza a súa resposta “Poemas Gallegos”. Ana Miranda, a candidata do BNG ao Parlamento Europeo tomouno con bo humor. Pero a min xa se me esgotou a coña e simplemente me queda engadir que non aturo máis estar presidido por un home que descoñece o máis elemental noso. Por favor, por dignidade témolo que botar da Xunta canto antes!

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Os comentarios son benvidos neste blog, xa que o seu obxectivo é ser un punto de encontro e de diálogo co autor. Podes deixar a tua opinión, que pode non coincidir coa miña, pero sempre con cabeza. Os comentarios destructivos ou que falten ó respecto dos participantes no blog serán eliminados.