6 feb. 2014

REPRESENTATIVIDADE SINDICAL E MELLORAS NA COMPOSICIÓN DA REPRESENTACIÓN UNITARIA



Hoxe o colexio arbitral de Pontevedra en Vigo, isto é, o órgano máis cualificado do mundo na fixación de doutrina nas eleccións sindicais, decidimos en conversas telefónicas paralelas matizar nosa doutrina verbo da posibilidade de mellorar o número de representantes unitarios dos traballadores por convenio colectivo. Sen votos particulares, acordamos o seguinte, que xa é postura consolidada no noso colexio e criterio de autoridade para os demáis:
Partimos de considerar axustada a dereito e totalmente eficaz a decisión dun convenio colectivo sectorial de reducir o número de traballadores necesarios para elexir a un delegado de persoal , como xa temos decidido en varias ocasións verbo do convenio estatal de estacións de servizo.
Pero o problema prantexouse canto á posibilidade de que un convenio de empresa mellorase o número de membros do comité de empresa que hai que elexir en atención á táboa do art. 66 ET –por exemplo, de cinco a sete membros en centros de traballo de entre 50 e 100 traballadores-. Neste caso, o problema é, evidentemente, que se pode producir unha alteración artificiosa na medición da representatividade sindical, ademáis por medio dun instrumento normativo –un convenio de empresa- que afecta a unha pequena parte da medición total, pero que pode ter importancia, vg., en ámbitos provinciais.
Nesta hipótese, pareceunos, unha vez máis, que a táboa do art. 66 é un imperativo relativo, isto é, que admite mellora por convenio colectivo. Non enxergamos problema para que se poida pactar unha representación unitaria máis ampla a nivel de empresa, na que esta teña un interlocutor máis afortalado e cuxos membros gocen de todas as garantías legalmente previstas. Iso si, con dúas únicas limitacións:
-A primeira, consistente en que, como xa se suxeriu, non deben computar na representatividade os membros do comité que excedan do mínimo legal. A tal efecto, os elexidos ao final do cómputo deben ser os desbotados. Claro que tal limitación non debería afectar no caso dos convenios sectoriais provinciais, nos que as certificacións das oficinas públicas poden ter en conta os representantes “de mellora”, porque todas as empresas do sector están en Igualdade de condicións. E, a nivel superior ao provincial, o impacto desta mellora vai ser moi cativo.
-A segunda, que, na medida en que non computen para a representatividade as referidas melloras, habería que aceptar unha candidatura que, na súa orixe, non teña o número de membros do órganos mellorado por convenio, pero si o número mínimo de membros que establece o propio Estatuto dos Traballadores.
Coidamos que é unha postura acaída e ponderada que, con todo, sometemos ao xuízo do sempre pouco xuicioso lector deste blog.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Os comentarios son benvidos neste blog, xa que o seu obxectivo é ser un punto de encontro e de diálogo co autor. Podes deixar a tua opinión, que pode non coincidir coa miña, pero sempre con cabeza. Os comentarios destructivos ou que falten ó respecto dos participantes no blog serán eliminados.