8 feb. 2014

HOMOFOBIA


Quero expresar na miña lingua pequeniña a solidariedade fraternal coas lesbiás, cos gays, cos transexuais e cos bisexuais, ante o noxo que sinto co debate que se está producindo arredor deles co gallo dos Xogos de Sochi. Por suposto, entendo que o rapaz que levaba o estandarte español non é máis que unha persoa nova que non se decata da exclusión e do acoso que sufren todos eles. Porén, a súa declaración non é máis que o trending topic que se espalla entre a mocidade por mor dunha campaña sumamente efectiva da nomenclatura rusa. Por certo, coa complicidade tácita da Unión Europea e de USA. A algúns nos gustaría que a Comisaria Europea de Xustiza Viviane Reding –probablemente a única persoa da Comisión que pague a pena- expresase a mesma belixerancia nesta cuestión ca que, con moi bo criterio, expresou canto á discriminación sexista. E gustaríanos tamén algún xesto por parte da Administración Obama, máxime cando, por fin, se está tramitando no Congreso a Employment non Discrimination Act para protexer aos LGTB.

Ren. A soidade esteparia sempre acompañando a estas vítimas da nosa sociedade excluínte e canalla. Hoxe repasaba a prensa española e non atopei nada. Ninguén se lembrou da capacidade difamatoria desta apisonadora de dereitos humanos que é a Administración Putin. A linguaxe efectista: poden vir e non serán amolados, sempre e cando non creen problemas. Como se fosen eles os que creasen problemas e non un poder político e uns poderes fácticos ruíns, matóns, ameazadores e excluíntes. Como, por certo, xa ten concluido o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos en asuntos como Alekseyev.

A orientación sexual é unha manifestación máis do libre desenvolvemento da persoalidade. O dereito a expresar libremente a diferencia e pedir ao mesmo tempo a non discriminación e a integración social son exercicio básico dos principios fundamentais da condición humana. A vivencia individual e colectiva da sexualidade, o dereito á intimidade ou á súa expresión libre, non é dominio exclusivo dos heterosexuais. Estas afirmacións, tan básicas en si mesmas, teñen que ser salientadas diante da barbarie mundial. O pacto de “omertà” global ten que esvaerse. Ten que dar paso a unha expresión social de solidariedade e recoñecemento cos gays.

Aparentemente, estos días andamos demasiado ocupados coas nosas teimas internas. Pero algún quixéramos que Sochi se transformara nun símbolo de tolerancia e irmandade. Que os aros olímpicos expresasen tamén a empatía, a inclusión e a integración entre a diversidade que é o que nos arriquece como persoas. Eu, desde esta pequena parte do mundo que é Galiza, quixera que os principios de Yogyakarta pasaran a ser elementos fundantes do noso pacto de cidadanía. De verdade.

1 comentario:

  1. Estou dacordo en que cada quen é libre de decidir a súa sexualidade sen que iso teña ningún tipo de repercusión, sen embargo, debo dicir que ahí eu poño un límite. Ao igual que eu son heterosexual e non vou pola rúa demostrándoo coa miña moza, tampouco vexo ben que teñamos que agochar a cabeza cando algúns (ollo, non todos, nin de lonxe) adícanse a non soamente expresar o seu afecto, cun bico ou unha aperta, se non cun descaro e falta de respeto polos demais bastante ampla. Vou dicir unha frase que soará soez, pero que me parece que describe á perfección o meu pensamento. Eu apoio os gays e as lesbianas, transexuais e bisexuais, pero o que non tolero son os maricóns. Hay que diferenciar a unha persoa que só ten unha sexualidade diferente da miña, de alguén que o que fai é explotar iso para ter máis festa. Para min é como asemellar libertade e libertinaxe. E volvo repetir, eu contra os gays non teño nada, de feito teño amigos que son gays e amigas lesbianas, e son coma min, pero unha cousa é iso e outra moi diferente e ser maricón. (Neste último grupo incluso hai eterosexuais...)

    ResponderEliminar

Os comentarios son benvidos neste blog, xa que o seu obxectivo é ser un punto de encontro e de diálogo co autor. Podes deixar a tua opinión, que pode non coincidir coa miña, pero sempre con cabeza. Os comentarios destructivos ou que falten ó respecto dos participantes no blog serán eliminados.