5 dic 2013

REXÍMENES DE SEGURIDADE SOCIAL DE FUNCIONARIOS PÚBLICOS: A INSENSATEZ ENQUISTADA

Onte tiven a oportunidade de dar unha charla na Universidade de Extremadura, en Badajoz. Neste outono de xeadas e ceos limpos, cruzar Portugal en coche é unha ledicia. Na mañá de hoxe, conducir polos pobos alentejanos foi mesmo para min, pouco amigo do volante, unha oportunidade para o relax e o disfrute. Mesmo deume tempo a me desviar un anaquiño para visitar Castelo Branco, tantos anos despois. A paisaxe do Texo, engaiolante, aínda a teño agora fixa na memoria. Noutra orde de ideas, foi unha descuberta compartir unha xornada co meu anfitrión, Ángel Arias, teimudo profesor e coordinador dunha área moi digna no seu traballo de análise xurídica e transferencia de coñecemento. Ademáis de facerme a estadía extraordinariamente agradábel, deume a oportunidade de estudar temas que case sempre se nos esquecen, como foi neste caso a Seguridade Social do persoal das Forzas Armadas. Para alguén tan afastado do mundo militar coma min, a obriga de preparar unha pequena inrtervención desta materia foi unha oportunidade de reflexión do noso modelo de Seguridade Social. O que motiva que prantexe esta cuestión hoxe no blog: cando van desaparecer para sempre estos enxendros de protección social, os reximes especiais de funcionarios e o sistema de clases pasivas do do Estado? Auténticos remedos de Seguridade Social, que non merecen a consideración de tal, e que se manteñen como pequenos redutos de privilexios para determinadas castas de funcionarios. Está ben que clases pasivas vaia morrendo pola non incorporación de funcionarios de novo ingreso, pero non ten senso ningún que se lles recoñezan tamén a estos as pensións extraordinarias e non se lles aplique, sen máis, a lóxica das continxencias profesionais da Seguridade Social. É un despropósito que se manteñan, a costa dos contribuíntes, sistemas pseudo-mutualistas como o do ISFAS –tamén para o persoal de novo ingreso-, con privilexios e servizos que non existen no sistema de Seguridade Social. E iso a cambio dunha cativa cotización que, desde logo, non é abonda para o mantemento destos subsistemas. A min non me parece mal que se lles recoñezan aos beneficiarios residencias de vacacións, centros para convalecencias, centros para a atención específica de discapacidades dirixidos a menores de 18 anos, centros especiais de emprego para discapacitados que non precisen da asistencia de terceiras persoas, atención especial a menores celíacos e un longo etcétera. Pero non é lóxico que se restrinxan a unhas clases minguantes de funcionarios. E alguén dirá que a Seguridade Social dos reximes funcionariais, e moi en particular a do persoal das Forzas Armadas, non é máis que unha pequena migaxa dunha chea de privilexios dos que non disfrutan outros servidores públicos. Sen dúbida. Pero unha racionalización a longo prazo da protección social e das contas públicas esixe que desaparezan estes pequenos mostros. Para ben da lóxica do sistema, da mellor sustentabilidade do sistema de Seguridade Social e para que pequenas canonxías impropias do século XXI vaian desaparecendo. O dí alguén que pertence a MUFACE e que non entende por que non pode ser, auténticamente, un membro do sistema público de Seguridade Social. Precisamente en decembro, cando recibe a periódica visita dos comerciais das entidades privadas sanitarias dicíndome que estou tolo por optar pola sanidade pública do SERGAS.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Os comentarios son benvidos neste blog, xa que o seu obxectivo é ser un punto de encontro e de diálogo co autor. Podes deixar a tua opinión, que pode non coincidir coa miña, pero sempre con cabeza. Os comentarios destructivos ou que falten ó respecto dos participantes no blog serán eliminados.