21 dic. 2013

A INMORAL REFORMA DA LEI DO ABORTO

Hoxe hai que escribir deste tema, porque o silencio sería cómplice. Por suposto que tamén está ese novo Real Decreto-lei 16/2012, cheo das novas pallasadas de reforma laboral –é certo que hai algún cativo acerto, que máis ben parece froito da casualidade-. Pero iso comentareino mañá. Hoxe, cómpre expresar catro ideas deste proxecto de lei que nos achega a unha realidade chea de tebras e a unha concepción da muller paternalista e autoritaria. Un proxecto de lei que confronta cos dereitos máis básicos de cidadanía e de liberdades civís. Desta volta a extrema dereita turra nos dereitos máis elementais vinculados á dignidade das mulleres. E turra con este cheiro de pseudo-superioridade moral de defensa duns valores pretendidamente máis elevados. Como sempre fai, fabricando excusas xurídicas falsas, como o cumprimento das obrigas de Nacións Unidas derivadas da Convención de persoas con discapacidade. Primeiro eliminan os prazos e logo din que outra saída que restrinxir a excepción terapéutica sería discriminatoria. Hipócritas! O dereito de obxección de conciencia expandido a todo profesional alén de toda razoable e proporcionada relación directa coa interrución do embarazo está evidentemente prantexado para porlles dificultades ás mulleres neste transo, como o está o periodo “de xanela” de sete días para que teñan que enfrontarse a unha situación dificilísima cociñada devagar, para maior sufrimento persoal. Algún político pensa que abortar ten algo de vicio! Os contrastes de opinións médicas previos para os supostos excluídos son outra pedra de toque para venderlle á muller moi cara a súa decisión, mesmo dentro dos restrinxidos termos legais. O máis ominoso é esta disculpa de que ao final a muller non vai ser incriminada penalmente –outra cousa é que cometa un ilícito administrativo-. É dicir, se lle considera reo de delicto ao profesional sanitario, para que en casos dubidosos prefira non arriscarse, cun proxecto de lei que, ademáis, deixa moitos conceptos xurídicos indeterminados. Non quero formular unha crítica xurídica dunha lei integrista, porque daría a impresión de condescencia cos apartados do proxecto non comentados. Tampouco son un especialista en Dereito Penal nen en dereitos fundamentais derivados da personalidade. Son un cidadán atoado pola capacidade de impor a súa concepción da vida e do ben e do mal dalgúns. O Reino de España deixou de ser unha sociedade teocrática hai moitos anos, pero unha pequena parte dela ten morriña doutrora. Por desgraza, as maiorías absolutas do PP sempre se traducen en retrocesos axigantados dos dereitos civís. Pero o que si quero é expresar que nunha sociedade igualitaria non caben este tipo de lexislacións. Que a razón e o ben moral está da parte dos que defendemos o dereito das nais decidiren con lexislacións homologables ás da nosa contorna. Non dos reaccionarios integristas que enxergan ás mulleres como persoas con capacidade limitada e sometidas a unha situación de especial suxeición pública. O que non admito é que ninguén que vote a prol desta lei logo exprese públicamente o seu compromiso cos dereitos de igualdade. É absolutamente incompatible.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Os comentarios son benvidos neste blog, xa que o seu obxectivo é ser un punto de encontro e de diálogo co autor. Podes deixar a tua opinión, que pode non coincidir coa miña, pero sempre con cabeza. Os comentarios destructivos ou que falten ó respecto dos participantes no blog serán eliminados.