22 dic. 2013

AO CHOU REFORMISTA

Os galegos dicímoslle facer as cousas “ao chou” cando queremos dicir que alguén non ten plan previo. Tamén dicimos “estar atoados” ou ir “á toa”. Tamén podemos dicir de quen así se comporta que está atoallado, apampado, aparvado ou aparrulado. Podía engadir máis adxectivos, pero abondan. O Consello de Ministros ten aínda menos visión da xogada no tema laboral que no tema da poxa eléctrica, sen esaxerar. O Real Decreto lei publicado no BOE o sábado, de nome infame e exposición de motivos hilarante, contén un feixe de reformas laborais das que o mellor que se pode dicir delas é que non van valer para case nada. Con todo, pasémoslle revista únicamente ás novidades no traballo a tempo parcial, para facer un comentario o máis construtivo posible, coa esperanza de que alguén que pasee polos corredores de Novos Ministerios me lea e aprenda un pouco. Porque esta reforma, que non sirve a ninguén máis que as grandes empresas que abusan dos traballadores atípicos, fai moito dano ás persoas que traballan a tempo parcial. Vexamos. Mágoa que un libriño que publiquei o mes pasado xa non está ao día! Bah, tanto da, no fondo o que quería era propor reformas. Claro, non acertei en ningunha, debe ser que non teño visión da xogada! Primeira reforma do Real Decreto lei 16/2013: quitar as horas extraordinarias. En que quedamos? Re-introducilas no traballo a tempo parcial non era o cambio que precisaba noso mercado de traballo o ano pasado? Cambiaron moito as cousas en tan pouco tempo ou foi unha cagada da reforma do 2012? Miña modesta opinión: non son o problema, sempre e cando se garanta o dereito ao seu rexeitamento. O problema está nos estratos sucesivos de flexibilidade no tempo de traballo que producen o trinomio xornada irregular-horas complementarias-horas extraordinarias. O que eu suxerín –e sigo pensando- é que hai que derrogar as horas complementarias, aplicar razoables principios de proporcionalidade na xornada irregular e asegurarlles aos traballadores a tempo parcial un coñecemento suficiente da distribución horaria. Con todo, esta desaparición das horas extraordinarias ten algo de mentireiro, como logo se expón. Máis ben, moito de mentireiro. Hai unha sutil reforma para tranquilidade das empresas, consistente en que a distribución horaria que ten que constar no modelo de contrato de traballo a tempo parcial consiste no modo da súa distribución consonte ao convenio colectivo. É para despexar dúbidas, non sexa que os xuíces e tribunais se poñan esixentes cos requisitos do contrato. Polo tanto, a mesma irregularidade horaria que haxa no convenio a pode haber no contrato a tempo parcial. En realidade, non é nada novo porque as sentenzas eran moi condescendientes coas empresas a este respecto. Pero coido que se acabou de desnaturalizar un requisito formal vital para as persoas que traballan a tempo parcial. Elimínanse as preferencias de retorno dos traballadores que transitaron do tempo completo ao tempo parcial e dos que levan tres anos traballando a tempo parcial. Outra rebaixa dos elementos cualitativos do traballo a tempo parcial, co fin de que as persoas que traballan neste réxime queden para sempre ancoradas no guetto do traballo atípico e sen dereitos. Canto ás horas complementarias, as reformas, agás unha que se comenta en alínea aparte, van nunha liña de baixa intensidade, pero para amolar máis aos traballadores a tempo parcial cando o convenio colectivo non as regula. En concreto, baixa o prazo de preaviso de sete a tres días e incrementa a percentaxe legal do 15 ao 30 por 100 das horas contratadas. Porén, nesta concreta materia –que, como dixen antes, o máis lóxico sería a súa absoluta derrogación- hai unha novidade que convería ponderar, porque, sistemáticamente concebida, sería unha boa iniciativa: consiste en distinguir aos traballadores con contratos marxinais de menos de dez horas, para darlles un tratamento máis garantista. Iso é importante, porque convería reflexionar que situación específica e diferenciada teñen os TTP segundo a percentaxe de xornada que realizan. E logo hai outra reforma das horas complementarias: ademáis das pactadas, cabe que se fagan máis –ata o 15 por 100 das contratadas, ou ata o 30 por 100 cando o prevexa o convenio colectivo-, se o traballador as acepta. Polo tanto, a desaparición das horas extraordinarias é mentira. Cabe que se fagan estas horas “complementarias/extraordinarias”. E que se fagan a esgalla. Pensemos nalguén que ten unha xornada ordinaria de 500 horas contratatas nun sector nos que, por facer as contas doadas, o traballador a tempo completo comparable fai 1500. Antes deste RD-lei 16/2011 podía facer ao ano a terceira parte de 80 horas, é dicir, 26’66. Ou, dito noutras verbas, cada catro meses o empresario tiña 26’66 horas de flexibilidade a conta de horas extras. Agora vai poder facer ao ano 75 horas “complementarias” a maiores das complementarias –vala a redundancia-. Ou 150, se se pacta iso por convenio colectivo. É dicir, unha enxurrada de horas. *** Pero o peor, o mái cutre e lamentable, o que mellor reflicte que o Goberno non sabe de que fala, é que permite que tamén os traballadores con contratos temporais poidan facer horas complementarias. Con esta novidade, os fraudes de leis están servidos. O control se volve imposible. O contrato queda a mercede dunha das dúas partes contratantes. O dereito deixa de ser dereito…para convertirse no que quere o PP: unhas reglas abstrusas para beneficio de asesores trampeiros. Por suposto, sen nengunha posibilidade de control por parte dos órganos de inspección. Do que se trata é de que se anime ás empresas a facer trampulladas. Non se decata o Goberno do que ninguén se deixa de decatar? *** Moito se ten falado da extensión do contrato de apoio a emprendedores ao traballo a tempo parcial. É outra das novidades desta reforma. Para min o problema non está en se cabe ou non para o traballo a tempo parcial, senón no contrato en si mesmo, claramente contrario ás obrigas internacionais do Reino de España. Pero, de haber este contrato, case prefiro que caiba tanto para traballadores a tempo parcial canto para traballadores a xornada completa. Tampouco me interesan o máis mínimo as rebaixas na cotización por desemprego no traballo a tempo parcial. Non sei se incentivan algo ás empresas. Pero, se así fose, benvidas. *** En resumo, novo golpe baixo ás persoas que traballan a tempo parcial. Habería que aprenderle a estos sabichones de Novos Ministerios que o contrato a tempo parcial se incentiva desde a demanda do mesmo –das empresas- pero tamén desde a oferta –desde os traballadores. As condicións cainitas que se lles impoñen non lles facilitan que poidan ingresar no mercado de traballo. E aínda menos lles facilitan que poidan chegar ao traballo típico. Quedarán para sempre marxinados no traballo a tempo parcial, e ademáis temporal. Porque agora xa non se incentiva para nada o traballo indefinido a tempo parcial. Se a iso se lle une a regla de xornada irregular nova do art. 34, flagrantemente contraria á Directiva 2003/88/CE, o resultado é o que é: un despropósito. Por favor, señores do Goberno: estuden un pouco e deixen de mandar caralladas ao BOE. Por certo, as outras reformas tamén son para chorar…Pero xa me alonguei demasiado.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Os comentarios son benvidos neste blog, xa que o seu obxectivo é ser un punto de encontro e de diálogo co autor. Podes deixar a tua opinión, que pode non coincidir coa miña, pero sempre con cabeza. Os comentarios destructivos ou que falten ó respecto dos participantes no blog serán eliminados.