Práceme que haxa certos temas de interese xeral nos que o consenso amosa que somos, por riba doutras cousas, unha comunidade. Nalgúns proxectos comúns ilusionantes a implicación unánime do colectivo da Universidade de Vigo, ademáis afortalado por outras institucións da nosa contorna e pola sociedade civil, é sinal de esperanza. O Campus do Mar entendeuse desde o Claustro Universitario, co gallo do informe anual que presentou no pasado decembro o reitor saínte, como un reto ao que debíamos encamiñar os nosos esforzos. Así o fixemos, e asumimos o compromiso de afastalo da contenda eleitoral e das liñas programáticas duns e doutros.
Desde a perspectiva de Nova Universidade, Campus do Mar constitúe o obxectivo estratéxico no eido da investigación máis importante que a nosa institución ten diante no curto e medio prazo. Nós sumámonos ao consenso coa arela de que sexamos líderes dunha estrutura investigadora que constitúa sinal de identidade e testemuño de capacidade investigadora e integradora. Que ademáis o campus adquira unha condición transfronteirizca coa implicación doutras entidades do Espazo Europeo de Educación Superior supón aínda máis doses de ilusión. Á fronte deste proxecto, en calidade de comisionado, o profesor Emilio Fernández, un dos investigadores con traxectoria máis recoñecida e consolidada da nosa institución, conta coa adhesión e apoio total duns e doutros. Hai, desde logo, elementos para sermos optimistas. O éxito do comisionado vai ser, por ventura, o éxito noso.
Xa que logo, complicidades e consensos en temas fundamentais. Como foi o caso dos Estatutos da Universidade de Vigo, xa ratificados polo Consello da Xunta esta mesma semana e, polo tanto, a piques de ser norma vixente. Un texto básico que, mais as debilidades que poida ter, ostenta a virtude de nacer dun pacto e un acordo moi amplo no eido dos tres colectivos que conforman a nosa institución. Non podía ser doutro xeito: desde Nova Universidade entendeuse que unha colaboración leal na comisión que elaborou o texto e nos órganos polos que transitou ata o Claustro melloraría o resultado final. E tamén o entendeu así neste caso o equipo de Goberno.
E noutro ámbito de toma de decisións, levamos tempo demandando que haxa complicidades e acordos entre os tres reitores das Universidades galegas. Endexamais se pode dicir que o consenso estea rachado no noso sistema universitario. É por iso polo que quero expresar, no nome do meu grupo, o agradecemento pola nova rota de entendemento que esta semana encetaron Barro, Barxa e Gago. Aos tres. E ademáis, porque se pospoñan conflitos impropios de tempos de estreituras económicas.
Muy bien, Jaime, aunque no sé si merece el adversario tanta generosidad. Pero supongo que es mejor actuar así, de forma positiva, como espero trabajes cuando seas el Rector; te apoyaré para llegar a ello, ánimo!!!!!!
ResponderEliminarSi, a verdade é que, para ser o candidato da oposición, vese que tamén sabes adoptar unha postura institucional, en positivo, e non só de crítica.
ResponderEliminar