16 dic. 2009

viuvez, rito xitano e discriminación racial

A semana pasada o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos ditou unha sentenza de moitísimo relevo, revogando na práctica unha sentenza do Tribunal Constitucional español. O tema salientouse nos xornais: unha muller xitana que casara unicamente polo rito xitano e que non lle dera eficacia civil ao matrimonio por outro rito recoñecido no Dereito español. Hai anos morreu seu home, co que mantivera unha alongada convivenza marital e tivera fillos. Pero o INSS denegoulle a pensión de viuvez polo feito de non estaren casados. Recorrida a denegación en vía xudicial, mais que se lle recoñeceu a prestación no Xulgado do Social, logo do recurso da entidade xestora se lle denegou de novo. E, instado o amparo constitucional, o Tribunal Constitucional español rexeitouno en 2007. Con argumentos formalmente claros: xa que non houbo matrimonio con eficacia civil, non cómpre recoñecer dereitos prestacionais. A parella podía casar dándolle efectos civís á unión, pero non o fixo.
A muller, teimosa, recorriu ao Tribunal de Estrasburgo. E obtén unha sentenza favorábel. Tiña dereito á pensión e o non recoñecemento da mesma constitúe unha violación do Convenio Europeo de Dereitos Humanos de 1950. Constitúe unha discriminación racial.
A sentenza do Tribunal Europeo é xusta e xurídicamente ben argumentada: é certo que as persoas xitanas podían casar por outro rito para que o seu casamento tivese eficacia civil. E é certo que as parellas novas hoxendía casan por outro rito ademáis do tradicional xitano. Pero iso non foi así sempre. Cómpre lembrar que ata 1981 non existiu matrimonio civil en España e ata máis tarde as persoas desta etnia non adoitaron complementar o seu matrimonio polas reglas do Código Civil. O que implica que hai moitas parellas xitanas casadas unicamente por un rito que carece de efectos civís. Xa que logo, a xurisprudenza ditada polo Tribunal Constitucional español na práctica implicaba que moitos viuvos -e máis viuvas- quedaban sen as cadansúas pensións polo feito de viviren nunha cultura diferenciada. O que implica, desde logo, unha discriminación indirecta por mor de raza: causábase un perxuízo evidente ás persoas xitanas.
Benvido sexa, pois, este pronunciamento do Tribunal de Estrasburgo. As persoas xitanas están de noraboa e tamén, desde logo, as persoas que soñan cunha sociedade máis xusta e igualitaria.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Os comentarios son benvidos neste blog, xa que o seu obxectivo é ser un punto de encontro e de diálogo co autor. Podes deixar a tua opinión, que pode non coincidir coa miña, pero sempre con cabeza. Os comentarios destructivos ou que falten ó respecto dos participantes no blog serán eliminados.