31 oct. 2009

PARGAS PONDAIS, XENTE DE SOÑOS ADIADOS

O outro día tiven a oportunidade de conversar devagar con dúas representantes do colectivo dos Pargas Pondais. Produciume una fonda consternación a entidade –cuantitativa e cualitativa- dun problema que levo tempo comentando e que reflicte a nula perspectiva do goberno da UVigo na xestión das persoas. Un problema que atinxe unha vez máis a carreiras profesionais ou, o que é o mesmo, a proxectos vitais. Proxectos que non teñen entidade desde a perspectiva dun equipo reitoral que non entende de profesionalidade e, por empregar unha vez non máis a palabra do mundo social, de recursos humanos.

Desde comezos dos anos 2000 se lanzou a idea das carreiras investigadoras como o futuro dunha xeración de investigadores/as que terían oco na Universidade de Vigo e que axudarían á excelencia da institución. Ditas carreiras tiñan a súa orixe nos contratos de investigación que a Xunta de Galiza financiaba por convocatorias, entre outras, a máis salientábel, a dos Pargas Pondais. Namentres as Universidades veciñas de Santiago e A Coruña convocaban con carácter restritivo prazas de Parga Pondal, conscentes das dificultades de absorción das persoas contratadas nos cadanséus cadros de persoal, a de Vigo optou por unha política expansiva, que produciu que as beneficiarias dos contratos optasen pola UVigo, entidade de promisión na que desenvolverían as súas carreiras. Os grupos de investigación da nosa Universidade serían, xa que logo, os "kibutz de desexo" da Galiza universitaria.

A evolución dos acontecementos era doada de predecir: Vigo encheuse de Pargas Pondais, especialmente nas áreas de coñecemento cuxos perfís máis acaían a unhas convocatorias que, polos seus efectos, claramente impactaban de xeito adverso nos Departamentos e Centros menos desenvolvidos da nosa Universidade. E, por suposto, as convocatorias de promoción de profesorado estabél non poden, nin de lonxe, absorber máis que a un pequeno grupo das persoas ás que se lles asegurou un futuro profesional na UVigo. Chegados a este punto, unha xeración de investigadores/as ao redor dos seus trinta e moitos anos de idade apenas ten posibilidades de estabilizar as súas carreiras profesionais e, no mellor dos casos, obteñen contratos precarios e mal retribuídos nos grupos de investigación aos que pertencían como Pargas Pondais. Por suposto, nos anos que veñen este problema se vai incrementar exponencialmente. Porque só a partires dos anos 2006/07 quedou claro que estas convocatorias non aseguraban unha estabilización futura na Universidade, por máis que teimosamente se lanzara a consigna de que todos terían a súa oportunidade. Ata entón, Vigo era a terra das oportunidades. Oportunidades que agora se lles negan a quen remata a vixencia dos seus contratos de investigación.

Por suposto os Pargas Pondais queren dar clase para mellorar os seus curricula, de xeito que o persoal funcionario apenas ten obrigas docentes nos ámbitos máis ateigados destes contratos de investigación. Ámbitos nos que, dito sexa de paso, non cómpre encher máis o cadro de persoal. E, por suposto, o plan de promoción ten que ter en conta estas especialísimas circunstancias, producíndose así un maior desequilibrio entre uns e outros ámbitos: crece o profesorado onde non fai falla, e non crece, estáncase e mesmo decrece onde fai máis falla.

Sen dúbida, un goberno da Universidade responsábel ten a obriga moral de darlle unha resposta a estes colectivos afectados por falsas promesas e falsas expectativas. Haberá que establecer reglas transitorias para arranxar estas situación inxustas, dentro das dispoñibilidades orzamentarias. Pero sempre tendo como guieiro reforzar o cadro de persoal onde se precisa, non onde xurden problemas derivados da nula planificación. E por suposto, hai que pechar o fluxo excesivo de Pargas Pondais en moitos ámbitos. Non poden vir persoas ás que anos máis tarde se lles nega a carreira investigadora. A convocatoria da UVigo ten que axustarse aos ámbitos nos que hai necesidades docentes co mesmo realismo que hai anos aplican as Universidades irmás. Da moita magoa albiscar que na visión “estratéxica” –ú a estratexia?- do equipo de goberno o contrato Parga Pondal é o cerne das carreiras académicas, sen a máis pequena autocrítica.

A Universidade de Vigo adebédalle moito á xente que chegou con estes contratos. Elas fiaron á nosa entidade o seu futuro e hai que darlles respostas. Porque arriqueceron desde logo a nosa capacidade colectiva. Pero, cómpre insistir, chegaron persoas, por máis que unicamente percurábamos investigadores/as. Persoas ás que o equipo de Gago lles adiou os seus soños, seica para sempre.

1 comentario:

  1. Efectivamente, parece que o reitor saínte non lle interesan as persoas da institución que representa, e que tampouco lle parece "socialmente relevante" que aos profesores da UVigo se lles pague o que se lles debe nin, xiquera, que os desorbitados salarios da xerencia resulten relevantes, tal e como dixo onte e se reflexa na prensa de hoxe. O reitor saínte amósase, certamente, moi saínte. Demasiado, quizáis, como para reflexar tanto pasotismo nas súas declaracións.

    ResponderEliminar

Os comentarios son benvidos neste blog, xa que o seu obxectivo é ser un punto de encontro e de diálogo co autor. Podes deixar a tua opinión, que pode non coincidir coa miña, pero sempre con cabeza. Os comentarios destructivos ou que falten ó respecto dos participantes no blog serán eliminados.