25 oct. 2009

COMPLEMENTO DAS PENSIÓNS NON CONTRIBUTIVAS

Hoxe leín no Faro de Vigo con incredulidade a decisión da Xunta de suprimir os complementos das pensións non contributivas de xubilación e invalidez. Non concibo que a titular da Consellaría de Traballo e Benestar poida expresar unhas opinións tan desafortunadas e coido que ao mellor non se reflectiu ben o seu pensamento. Porén, a decisión que se vai adoptar, véxase como se vexa, é un xesto antisocial con poucos precedentes. Retirárenlles 200 euros ao ano a colectivos con fortes dificultades económicas e de integración non é de doado entendemento para os galegos e as galegas de boa fe. E menos chamarlle "parche" á medida introducida polo executivo anterior.
Desde logo que a elaboración dos orzamentos reflicte as prioridades de gasto dunha política e quizáis as contas autonómicas nos sorprendan cun xiro social que ao mellor é que algúns non queremos enxergar mais que estea diante dos nosos ollos. Pero que lle metan as tesoiras ás expectativas de protección dos titulares de pensións non contributivas semella unha brutal agresión ás capas máis febles da nosa sociedade.
Quero salientar nestas liñas que, por suposto, os argumentos xurídicos aos que alude a titular da Consellaría son falsos. Xa hai tempo que o Tribunal Constitucional validou, como axustados á Constitución os complementos ás pensións non contributivas que no seu día regulou a Junta de Andalucía e inmediatamente a continuación a Generalitat de Catalunya. É certo que, torpemente, a Lei -estatal- 52/2003 tentou unha modificación da Lei Xeral de Seguridade Social que definira estes complementos como Seguridade Social aos efectos de pechar as competenzas autonómicas. Pero esta lei non é quen de definir a liña de separación entre Seguridade Social e Asistenza Social e moito menos de reducir o eido das políticas autonómicas. Como é lóxico, as de medidas de complemento das CCAA se mantiveron e se manteñen, cada vez máis espalladas. O que é inconstitucional é o contrario, pretender limitar o obxecto da asistenza social e impedirlle aos gobernos autonómicos que definan as súas prioridades de gasto social.
Por favor, se se lles queren retirar douscentos euros ao ano a estes colectivos, que non se poña o dereito como excusa. Señora conselleira, manca finezza.

1 comentario:

  1. Tambien se puede ver desde otro punto de vista: el desagravio comparativo frente a las "hormigas" (personas que SI han cotizado toda su vida) y que ven, llegado el momento de su jubilacion, que para ellos todo son impuestos y recortes, y que en cambio las "cigarras" ven como se les premia cuando en su momento NO contribuyeron al sistema.

    Creo que se debe de respetar a todos los mayores que han contribuido a que hoy en dia podamos disfrutar del llamado estado del bienestar, frente a los mayores que no lo hicieron.

    ResponderEliminar

Os comentarios son benvidos neste blog, xa que o seu obxectivo é ser un punto de encontro e de diálogo co autor. Podes deixar a tua opinión, que pode non coincidir coa miña, pero sempre con cabeza. Os comentarios destructivos ou que falten ó respecto dos participantes no blog serán eliminados.