21 oct 2009

CARTA PARA A COMUNIDADE UNIVERSITARIA

“A todas as persoas que compoñen a comunidade universitaria da Universidade de Vigo:

Quixera, nunhas breves liñas, presentarme ante vós e amosar os motivos que me levaron a postularme como líder dunha corrente de opinión que ten arelas de cambio nesta Universidade e, probablemente, como candidato a Reitor.

O primeiro deses motivos, sen dúbida, é que hai un grupo de persoas: "Nova Universidade", que alenta, que alentamos, xustamente esa arela conxugándoa colectivamente nun proxecto definido; un grupo de persoas que confiou en min o exercicio dese liderado. E se a elas e eles todos agradézolles esa confianza fondamente, comprométeme aínda máis o percibir inequivocamente no corpo desta universidade sentimentos e movementos sinérxicos co noso na demanda dun cambio.

Eu son Xaime -ou Jaime, tanto ten, que me chamo con xeito- Cabeza, profesor de Dereito do Traballo e da Seguridade Social. Un Dereito do Traballo, con maiúsculas, que tamén reivindico para o persoal da Universidade de Vigo.

Formo parte dunha xeración que comezou a súa andaina académica nos anos de xurdimento da Universidade de Vigo -arredor do ano 1990- e que hai pouco que entrou na década dos corenta anos, no meu caso, 42. Nestas coordenadas temporais, xulgo que asistimos ao crecemento da nosa institución e que coñecemos dabondo as súas fortalezas e as súas eivas.

Máis aló destes pequenos datos, non quero falar de min, senón daquel colectivo e do seu proxecto.

O colectivo é "Nova Universidade", porque entendo que nel se concreta xa unha corrente integradora e transversal que urxe xerar; unha corrente na que caibamos todas as persoas que enxergamos con ollada crítica unha situación que, como pouco, hai que definir como moi mellorable; que conciba o goberno da Universidade como un exercicio colexiado de co-responsabilidade; que renda contas perante toda a comunidade académica e á sociedade, que, con humildade, aspire, tal como nós aspiramos, a rexer a nosa institución ao servizo do alumnado, do persoal docente e investigador, do de administración e servizos.

Desde esa opción, no noso proxecto a Universidade de Vigo ten que ser unha universidade das persoas, na que as carreiras profesionais se consideren, respecten e fomenten para que cada quen de nós poida progresar na súa vida profesional. Na que se protexa aos grupos máis vulnerables e se defendan radicalmente os dereitos fundamentais, ao tempo que se procure a excelencia académica e científica. Na que os alumnos e alumnas vivan, nunha escola de democracia, igualdade e participación, unha aprendizaxe integral e xenuinamente libre. Unha Universidade de Vigo con máis e mellor proxección institucional e que sexa partícipe activa dos acontecementos sociais e culturais que se desenvolven na súa área xeográfica.

A nosa institución ten que contar así cun proxecto estratéxico real que sexa guieiro das políticas concretas. Mais, cantos esforzos se deixaron de pór nese camiño! Hai que proxectar seguridade e rigor nunha conxuntura de cambio. As políticas máis estratéxicas non se improvisan nin se impoñen, hainas que reflexionar e discutir colectivamente nos espazos de debate máis amplos e representativos. Sen mirar cara atrás, pero desde logo co necesario sentido crítico, pregúntome, como tantas outras persoas: que foi daquela Universidade "democrática e participativa, plural e integradora" á que apelaba o reitor Docampo? Abofé que os seus epígonos non souberon dar conta dela, tan ocupados como están nas súas liortas internas de poder e alentando, no canto da unión, o enfrontamento e a división entre a comunidade universitaria.

Desde a humildade -cómpre insistir- dun colectivo, "Nova Universidade", que se amosa como aberto, tolerante, plural e integrador, cremos pois que ese proxecto común seriamente enraizado na nosa realidade é posible sen sectarismos, exclusións, opacidades nin tampouco faltas de democracia interna, para que, deste xeito, o noso futuro se deseñe participativamente.

Persoalmente teño a vontade, de cara á inmediata definición polo miúdo da nosa alternativa programática de renovación, de recoller opinións e conversar con todos os colectivos. Asumo así como primeiro compromiso o de estar preto de vós e falar co maior número de persoas: PDI, PAS, alumnas e alumnos. E, para alén de pórme desde xa agora mesmo á vosa disposición no trato directo, posto que a tecnoloxía nos ofrece novas formas de comunicación que melloran as nosas posibilidades, espero con interese os vosos comentarios, suxestións ou consideracións a través do meu blog: http://www.jaimecabeza.com.

Comparezo cunha dose de ilusión grande porque teño a seguridade de que a nosa mensaxe de cambio, no fondo e mais nas formas, será portadora de esperanza: esa virtude que tanto anhelamos hai xa bastante tempo, pois pouco queda daquel legado do que algúns outrora se gababan.

Por iso precisamos dunha auténtica alternativa, do respaldo a "Nova Universidade" para unha universidade tan nova como é a nosa, e a un candidato a reitor de todas e todos, para todas e todos.

Á vosa disposición: Xaime Cabeza.

NOTA DE PRENSA ENVIADA ÓS MEDIOS DE COMUNICACIÓN

JAIME CABEZA CRITICA O INTENTO DE ALTERNATIVA UNIVERSITARIA DE PERPERTUARSE NO PODER

O responsable de Nova Universidade di que Gago doulles plantón ós seus polas loitas e presións no actual grupo de Goberno

Vigo, 20 de outubro de 2009. Jaime Cabeza califica como “crónica dun desastre anunciado” as declaracións realizadas onte por parte do actual Reitor da Universidade de Vigo, Alberto Gago, quen expuxo nun xornal que non se presentará a reelección para a Reitoría nos comicios previstos para o vindeiro mes de maio.

Nas valoracións que realiza deste anuncio indica que esta decisión, “supón un recoñecemento explícito do fracaso de Gago como Reitor”, xa que á comunidade universitaria “lle resultaría moi difícil de entender unha decisión como esta, sen precedentes na historia da Universidade de Vigo, se non fose porque todos coñecemos as presións e loitas internas de poder existentes nun equipo de goberno descoordenado e falto de sintonía”.

Neste senso, Jaime Cabeza sinala que Gago optou, finalmente, “por darlles plantón ós seus, cunha retirada a tempo, ante o perigo de perder as eleccións, despois de observar as numerosas voces críticas existentes na actualidade na Universidade”, pero tamén “porque estaba farto das presións que recibía por parte dalgúns dos seus vicerreitores, pedíndolle paso”. En concreto, Cabeza alude a un suposto acordo existente no seno de Alternativa Universitaria tras a marcha de Domingo Docampo, para permitir que Gago puidese rexer a Universidade durante unha lexislatura e deixar paso despois a outro candidato da mesma formación”.

Ademais do anterior engade que “o que están amosando, con actitudes diste tipo, é que o único que lles interesa, despois de doce anos, é seguir perpetuándose no poder, con outro candidato, e poñendo os seus interese persoais por riba do servizo público que a todos debería guiarnos”. Cabeza tamén advirte, en alusión á formación Alternativa Universitaria, que “dificilmente se pode chamar ´Alternativa´ a unha formación que aspira a gobernar durante dezaseis anos a Universidade”.

“A única alternativa real e o cambio, o cambio polo que xa levamos tempo traballando dende Nova Universidade e o cambio auténtico que lles ofreceremos á comunidade universitaria, un cambio no que situaremos ás persoas, en primeiro lugar”, sinala Jaime Cabeza, quen tamén conclúe que “polo que a nós atinxe, fixemos os deberes e estamos listos para afrontar o feito de que a Universidade de Vigo quedase descabezada coa decisión do aínda Reitor”.

XERENCIA

Quero sintetizar a nosa toma de postura no tema da estrutura xerencial da Universidade de Vigo. Sempre nos pareceu acaído que a xerencia estivese desenvolvida por unha persoa allea á Universidade de Vigo. No noso modelo cabía a posibilidade de que houbese vicexerencias, no ben entendido que estarían atribuídas a persoal ao servizo da Universidade de Vigo.
Moito se ten comentado dos custes da estrutura da que se dotou a Universidade de Vigo. Desde logo, non vou ser eu o que aprobe un gasto absolutamente suntuoso en tempos nos que nos vai tocar meter as tesoiras en moitas partidas, para manter o investimento no máis esencial. Pero si que quixera salientar dúas cuestións: a súa dimensión dunha banda e a súa dependencia doutra.
Canto á dimensión da xerencia, a súa desproporción é evidente. Para unha dimensión de cadro de persoal que non chega ás mil persoas de administración e servizos, non é xustificábel contar con seis vicexerencias! máis unha xerenta. Non son admisíbeis estes números, que falan ás claras de fallas de eficacia e de solapamento de estruturas. Por outra banda, constitúe unha auténtica administración paralela da que a súa ¿coordenación? co equipo de goberno debería quedar máis explicitada.
Pero máis grave é a súa dependencia. A Universidade de Vigo -o seu Goberno- ten optado por un modelo de dirección do Emprego Público moi "moderna" na que abondan os cargos que veñen de fóra e que adebedan ao reitor ou ao seu equipo a pertenza á institución, débeda que, desde logo, pon en cuestión a súa mínima independencia na xestión, se é que existe nalgures. Na miña cativa experienza na confección de RPTs para Corporacións Locais, sempre fixen fincapé na despolitización da xestión de persoal. Claro que semella que a Universidade é, tamén para isto, "sitio distinto".

17 oct 2009

LOITAS POR CARTOS

LOITAS -NON POR TITULACIÓNS- SENÓN POR CARTOS
Onte se publicou no diario “El País” un artigo de opinión moi interesante, de Carlos Pajares, “Luchas por titulaciones”. É un personaxe polo que sinto moito respeto e admiración, desde a súa andaina como reitor da Universidade de Santiago. Sendo eu aínda estudante na segunda metade dos oitenta, chegou a S. Xerome un equipo novo que foi o verdadeiro artífice da modernización e descentralización da Universidade galega. Poucas persoas deixaron a pegada no noso sistema de Educación Superior que deixou o Sr. Pajares.
No dito artigo, os conflitos relativos á implantación de Medicina nunha segunda universidade galega son case a disculpa para lanzar una opinión de calado, coa que quero amosar a máis fonda discrepancia: xa que a Universidade compostelá conseguiu o recoñecemento como Campus de Excelencia Internacional e uns índices que a sitúan como unha das máis sobranceiras universidades no Reino de España, isto se ten que reflectir nun mellor finanzamento que se afaste do “café para todos”. Logo, como proposición subordinada concede que tamén as de Vigo e A Coruña melloraron substancialmente nos últimos anos. Claro que esta mellora non é merecente, en aparienza, de que se teña en conta no repartimento da torta.
Xa está a teima da competitivade, da que hai egrexios apóstolos na Universidade de Vigo. Eu a admitiría se partíramos de igualdade de condicións. Pero iso non é así. É a competitividade darwinista a que se quere impor desde os think-tank do liberalismo universitario. A todos eles, habería que amosarlles o manual dos bos liberais, e aprenderlles que este pensamento parte de que se lles ofreza a todos os individuos iguais dereitos de partida. No eido colectivo, o problema é o mesmo. E, os que non participamos do pensamento liberal, asistimos con horror á introducción de pensamentos pre-liberais que parten dunha hipótese falsa, que é a igualdade de saída.
Se é certo que as Universidades de Vigo e de A Coruña melloraron, a conclusión é evidente: son merecentes de finanzamento ao mesmo nivel ca de Santiago, ou aínda máis, se a situación de vantaxa competitiva se quere acurtar. Por suposto, estamos de noraboa polo recoñecemento feito a Santiago e, como galegos e galegas, podemos gabarnos da Universidade nai. Pero precisamos dun repartimento xusto do finanzamento.
De que finanzamento? A proposta de orzamentos autonómicos xa deixou ás claras as preferenzas da Xunta, que non merecen senón o máis despectivo silencio. Magoa que a CEG se sinta satifeita coa proposta, que tamén evidencia a súa falla de compromiso co I+D. Nestas liñas, non queda outra que amosar toda a miña solidariedade –penso que a solidariedade de toda a comunidade Universitaria- cos reitores Gago, Barro e Barxa e transmitirlles que non somos merecentes dun goberno que amose tal grao de desprecio polo saber, pola educación e pola Universidade.

13 oct 2009

Unha proposta: a discriminación por temporalidade

A segregación do mercado laboral entre contratos indefinidos e precarios é un dos sinais de identidade máis evidentes no caso español. A crise económica ensañouse cos precarios, isto é, cos máis febles, que pasaron a integrar o exército de persoas desempregadas, do que xa poucos dubidan que se vai achegar ao vinte por cento da poboación activa. Nesta conxuntura, cómpre propor respostas que dean saída a unha situación inxusta no social e insostíbel no económico.
As reducións de cadros de persoal, restruturación de empresas e amortizacións de postos de traballo fixéronse a conta das mulleres e dos homes traballadores sometidos a contratos de duración determinada. Cadra moi ben empregar o adxectivo “sometidos”, que tamén fala do sometemento aos ditados da empresa. Con todo o que caeu, a taxa de temporalidade no Reino de España segue a estar en máis do 25 por 100, isto é, en máis da cuarta parte da poboación activa. Unha taxa que máis que duplica a media comunitaria, impropia dunha realidade que se chama a si mesma Estado Social e Democrático de Dereito.
A situación é insostíbel. Non hai moitas dúbidas de que o desemprego creceu máis en España ca noutros Estados por esta peculiaridade do seu modelo de relacións laborais. Empregouse a flexibilidade de entrada –e de saída- porque é máis doada que a flexibilidade interna, pero tamén máis perxudicial a medio e longo prazo, para traballadores e para empresas. Aínda haberá nas ringleiras dos liberais quen defenda que este modelo é compatíbel coa formación profesional e co incremento da produtividade!
Mais a nosa experienza a partires dos primeiros anos oitenta, aínda hai economistas que defenden a flexibilidade nos marxes, con despedimentos baratos e contratos acausais. Sen entrar en que ditas propostas descoñecen as máis elementais obrigas dos convenios internacionais, poxan por sistemas ineficientes, como hai probas dabondo na nosa realidade e na realidade doutros Estados comunitarios.
España incorporou ao seu Dereito a Directiva 1999/70/CE, relativa ao Acordo marco do traballo de duración determinada. Formalmente alomenos, ten que dar igual tratamento a persoas sometidas a contratos temporais e a contratos indefinidos. A realidade é moi outra, na que aos temporais se lles descoñecen os seus dereitos máis elementais, baixo o paraugas dunha doutrina xudicial que da por boas con moita flexibilidade prácticas como dobres escalas salariais e que admite as máis outas doses de decausalización dos contratos.
Neste contexto, a única saída consiste en dotar de dereitos coercíbeis aos temporais e recoñecerlles a súa igualidade material introducindo medidas de acción positiva que os protexan de decisión abusivas. E incorporar ao noso dereito unha nova causa de discriminación, a que ven motivada pola temporalidade do vínculo. Esta nova discriminación, aínda que os operadores xurídicos non o queran recoñecer, está plenamente instalada na sociedade. É unha das causas que deben ser consideradas como menos admisíbeis socialmente, ao mesmo nivel que outras que a Constitución xa contempla desde o ano 1978. Hai que aplicarlles aos colectivos de persoas contratadas a termo todas as técnicas previstas no dereito antidiscriminatorio para combatir un dos factores de vitimización máis evidentes que hoxendía existen.
Por suposto que non sería o Reino de España o primeiro en recoñecer esta nova causa de discriminación. Nos Espazo Económico Europeo hai cumpridos e exitosos exemplos, como é o caso máis evidente do Reino de Noruega. As persoas traballadoras terían dereitos, a taxa de temporalidade baixaría e o mercado de traballo sería máis eficiente e produtivo.

10 oct 2009

Entrevista no Faro de Vigo


Os límites dunha maqueta xornalística sempre son moitos para poder comunicar unha mensaxe completa, ainda así nesta entrevista xa se poden ler algunhas das pautas e propostas do proxecto de Nova Universidade para os tres campus da Uvigo.
No texto se amosa a intención de mellorar o diálogo no eido das titulacións que agora se sinten maltratadas e tamén como unha política de costas ao capital humano dos centros proxecta desilusións nos docentes e PAS. Por certo, hai un pequeno erro na entrevista, porque as titulacións tecnolóxicas e algunhas sociais non son as mellor dotadas, senón xustamente o contrario. Dou por supuesto que se entendeu. Seguro que foi meu erro ao respostar, non da periodista.
Quere deixarse moi claro que esta oposición será construtiva e chea de iniciativas para facer unha universidade competitiva pero tamén humana. Traballar con "máis pel e menos papel", tomando prestada a frase tan coloquial pero acaída do creativo e empresario J. Lorente en "Piensa es gratis", que explica que nas organizacións non abonda con dicir cales son as atribucións por escrito de cada membro da mesma senón que é necesaria a implicación emotiva de todas e cada unha das persoas que traballan para acadar o éxito. Nós desexamos cambiar o modelo de goberno dunha Universidade que precisa aire fresco, atencións e igualdade de oportunidades.

9 oct 2009

permiso de paternidade

O mércores saiu publicada no BOE a Lei 9/2009, que aumenta o prazo de suspensión do contrato -ou de permiso, no caso dos funcionarios- por paternidade ata catro semanas. Era un compromiso xa explicitado na Lei Orgánica de Igualdade, pero que se adianta na súa eficacia máis de dous anos.
Quixera salientar este fito. É unha das poucas iniciativas que ten o noso dereito de corresponsabilidade dos pais -varóns- no coidado da familia. É certo que ten moitas eivas e que o Reino de España é un dos Estados comunitarios con políticas menos desenvolvidas. A técnica normativa é mala, porque non incide noutros obxectivos desaxables, como o de que os pais teñan máis habilidades dométicas e se responsabilicen, de verdade, do labor de coidado. As vindeiras iniciativas legais deberían ir da man de recoñecer prestacións de Seguridade Social por excedenzas e gardas legais -aínda que recurtando a súa duración- e, ao mesmo tempo, establecer reservas para o pais -"daddys' months"- para que se fagan cargo do fogar cando as súas parellas estean traballando.
E, por riba de todo, mellorar a cantidade e calidade das prazas de gardería e de centros de día. Hai que ter en conta os obxectivos do Cumio de Barcelona do 2002, dos que en Galicia estamos lonxe, moi lonxe.

4 oct 2009

Presentación de libro



Os profesores da Universidade de Vigo Jaime Cabeza Pereiro e Marta Fernández Prieto presentaron o texto A relevancia da idade na relación laboral e de seguridade social que é o resultado de tres anos de investigación dun proxecto de internacional que conta co aval de expertos da OIT e de ser editado por Aranzadi, primeira editorial no ámbito xurídico.
A tan anunciada estratexia europea de retardar a idade de abandono do mercado de traballo, así como o feito de que se veu incentivando a xubilación e a necesidade de substitución de persoas sen exceder os 65 anos, no canto de fomentar a súa continuidade no mercado ante un latente problema coa viabilidade da seguridade social; son algunhas das cuestións que se abordan con rigor e exhaustividad neste manual. "O abandono do traballo e a xubilación anticipada foron potenciados. Como regla a idade real de xubilación non coincide cos 65 anos, é antes", explica Cabezas. E isto é "máis evidente no caso da muller que por conciliación da familia e a súa vida laboral abandona antes o traballo. Elas han de coidar de fillos, pares e ascendentes", por iso é polo que noutros países europeos son os 60 anos a idade de xubilación no caso das mulleres.
Os autores sinalan que os traballos que polas súas propias características son de maior perigo e que teñen unha repercusión directa na saúde do traballador non deben prolongarse senón que mesmo antes, en función dos anos cotizados, debe deixarse ese tipo de emprego.
Os mozos son outro foco de atención do estudo nos que se dan uns estereotipos moi marcados de pensamento socialmente aceptado e que supón unha desprotección para este grupo. É dicir, "admítese, entre outras cousas, que o salario é inferior", apunta Marta Fernández.
A relevancia desta publicación radica na oportunidade e necesidade de abrir debate sobre a temática das súas liñas e tamén na capacidade que tivo o grupo de investigación de aglutinar aos xuristas máis notorios desta área de coñecemento pero tamén de ser un traballo multidisciplinar que contou con achegas de autores como o profesor Vaqueiro de Economía Aplicada da Universidade de Vigo. O grupo conta cun libro precedente cuxa coordinación correu a cargo da Universidade de Xirona.

Este título aborda unha zona de "nebulosa" segundo sinalan os seus autores sobre a discriminación, pois son moi coñecidos casos que teñen relación con variables como o sexo, a relixión ou a ideoloxía pero non coa discriminación por idade. Os medios de comunicación fanse eco de situacións onde houbo discriminación sexista que son noticia habitual pero non así de procesos que se refiren a unha práctica que teñen que ver con despedimentos por ter unha idade non conveniente para un posto por parte do empresario ou dirección dunha organización.

30 sept 2009

As arroutadas dun reitor

Subo ó blog o recorte do artigo de opinión que saiu publicado en prensa esta mañá.