28 abr. 2020

ANTICIPO DA PRESTACIÓN POR DESEMPREGO

Pipi Estrada dice que Michael Robinson ha muerto y no es cierto ...


Onte se publicou no DOG a “Orde do 24 de abril de 2020 pola que se regula o procedemento e se aproba e se dá publicidade ao modelo de comunicación dos anticipos regulados no Convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria, e diversas entidades financeiras para a formalización de anticipos de prestacións por desemprego con orixe en expedientes de regulación temporal de emprego consecuencia da crise económica provocada polo COVID-19”. Do mesmo xeito que case sempre critico á Xunta de Feijóo, teño que valorar hoxe positivamente esta norma, como un bo exemplo de colaboración interinstitucional, lonxe da confrontación que outras veces practica.

O SEPE está afrontando estas semanas unha tensión excepcional dirixida ao recoñecemento e pagamento dunha vaga de prestacións producidas polos ERTES derivados do estado de alarma como endexamáis sucedeu. Mágoa que o fai con medios personais e materiais moi limitados, por mor dos inmensos recortes que as tesoiras do Goberno Rajoy lles practicaron aos servizos públicos de emprego. Aínda hai que escoitar estos días á xente queixarse da incompetencia do SEPE e do Ministerio de Traballo dos retardos no recoñecemento e pagamento da prestación. Ben se entende a tensión da xente desempregada, pero moito peor a postura dalgúns políticos.

Teño a seguridade desta volta de que a Orde non ten a pretensión de contrastar unha Xunta eficaz cun Ministerio ineficaz. De feito, mesmo a Xunta tivo que ampliar o prazo da resolución dos ERTES en cinco días na famosa Orde publicada no DOG do 2 de abril. Sen que, por certo, se me alcance a entender que valor engadido tivo esa disposición en termos de eficacia e de comprobación de ERTES non axustados a Dereito. Desde logo, a Consellaría lle debería unha explicación por iso a toda a clase traballadora afectada.

Con todo, que se implique ás entidades financieiras neste labor de anticipo é o mínimo que se lles pode esixir ás mesmas, desde unha perspectiva da súa responsabilidade social. Por iso hai que felicitarlle ao Conselleiro de Economía, Emprego e Industria. Así mesmo é acaído que lles corresponda ás empresas facer a declaración responsable, para simplificar a xestión e darlles ás persoas afectadas máis seguridade xurídica. O mesmo que foi acaído que se lles impuxera ás empresas tramitar a prestación de desemprego por ERTES no art. 3 do Real Decreto lei 9/2020. Agardo que as empresas se queixen menos do que se queixaron daquela.

O que non se entende e expresa a preguiza da Xunta de Galicia é que non se lles concedesen os anticipos ás empregadas do fogar, aínda pendentes do subsidio extraordinario por falta de actividade previsto no art. 30 do RD-lei 11/2020, máxime estos días nos que se esgota o prazo dun mes para que o SEPE dea canle á súa tramitación. Sen dúbida que sería máis complexo esixirlles colaboración necesaria ás e aos cabezas de familia, pero desde logo que se poderían articular sistemas alternativos. Pero iso é demasiado pedirlle a esta Xunta. O problema é que estas mulleres si que poden estar nunha situación de necesidade máis forte, en moitas circunstancias. Con todo, valan estas letras para pedirlle á Xunta unha ampliación da cobertura a estas mulleres.

En foto non pode ir alguén que non deixe pegada para a historia. Hoxe é obrigada, para alguén que nos deu tanta ledicia.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Os comentarios son benvidos neste blog, xa que o seu obxectivo é ser un punto de encontro e de diálogo co autor. Podes deixar a tua opinión, que pode non coincidir coa miña, pero sempre con cabeza. Os comentarios destructivos ou que falten ó respecto dos participantes no blog serán eliminados.