20 abr 2020

A DOBRE MORAL



Falar de Feijóo e dobre moral é unha redundancia. Eiquí outro exemplo.

Como é ben coñecido, a disposición adicional séptima do RD-lei 11/2020 supuxo a desafección das cotas de formación profesional para que se poidan dedicar a prestacións e accións do sistema de desemprego. Na Conferencia sectorial de asuntos Laborais, as CC.AA. gobernadas polo PP puxeron o grito no ceo porque iso implicaba a sustracción de cartos que lles correspondían ás Comunidades Autónomas. Unha recidiva do “España nos rouba”, desta volta expresada por “auténticos patriotas”. Ao día seguinte, o noso presidentiño se alporizaba por tamaño agravio. Aos e ás traballadoras galegas se lles impedía ter acceso á formación profesional.

A realidade é moi outra: o que sucedía é que se lle sustraía á Xunta a capacidade de repartir cartos de formación entre os seus amiguiños. Un tópico do que hai bastante literatura na prensa escrita como para esquecerse del. A única política laboral que eu podo recordar da Xunta de Galiza desde o 2009 é o repartimento a esgalla de subvencións e cartos públicos. En realidade, é toda a capacidade de gasto que ten a flamante Consellaría de Economía, Emprego e Industria, como xa demostrou abondo.
No fondo é outro episodio máis do ananismo moral de Mr. Bean. Como o caso de laiarse polo retraso no pagamento da prestación á xente desempregada do noso país logo de que a Xunta decidise alongar o prazo de resolución dos ERTES, nunha decisión que, seica fose legal, pero que era claramente perxudicial para a clase traballadora.

Falo de dobre moral porque hoxe 20 abril, no DOG, “noutras disposicións” sae publicada unha Resolución do 8 abril “pola que se fai público o Acordo do Consello Galego de Cooperativas do 7 de abril de 2020, polo que se autorizan as cooperativas galegas a destinaren o Fondo de Formación e Promoción Cooperativa á promoción social da comunidade para atender necesidades derivadas da pandemia ocasionada polo COVID-19”. É dicir, nos mesmos días nos que Feijóo choraba con desconsolación por esta nova afrenta de Corpes, un órgano presidido polo seu Conselleiro e dominado por un penetrante arrecendo pepero facía exactamente o mesmo no ámbito das cooperativas.


A verdade crúa é que a Consellaría de Economía, Emprego e Industria xamáis soubo como investir os cartos de formación e emprego. Diso hai moitos exemplos. Por suposto que as traballadoras e os traballadores galegos necesitan cartos para se formaren. Pero iso precisaría dunha executoria transparente e clara, dous adxectivos que non cualifican á política da Xunta de Galiza.

Poño en cabeceira a foto de D. Gerardo Crespo, acae moi ben neste comentario.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Os comentarios son benvidos neste blog, xa que o seu obxectivo é ser un punto de encontro e de diálogo co autor. Podes deixar a tua opinión, que pode non coincidir coa miña, pero sempre con cabeza. Os comentarios destructivos ou que falten ó respecto dos participantes no blog serán eliminados.