O
Reino Unido entrou na CEE na primeira ampliación, no 1973, xuntamente con
Irlanda e Dinamarca. A historia da súa pertenza é sinuosa e complexa e reflicte
sempre certa imaxe de desapego ao proxecto de construción europea. Xa ás portas
do referéndum do 23 de xuño, o debate político para convencer aos votantes
apela a consideracións máis racionais e de utilidade que afectivas e
ideolóxicas, cando menos no bando da oposición á saída da UE.
Desde
o outro lado do espello, dos que non votamos, habería tamén argumentos
racionais, mesmo para desexar o Brexit.
Moitos deles están reflectidos no acordo de entendemento do Consello da Unión
Europea de febreiro do 2016: a súa aposta por ficar fóra da Unión Monetaria, de
non dar banzos na integración fiscal, de non pertencer ao espazo Schengen, de
non se vincular pola Carta de Dereitos Fundamentais, pola súa alerxia ao empuxe
de políticas sociais comúns e á libre circulación de persoas…En termos xerais,
a postura británica nas institucións da UE case sempre foi a de atrancar os
proxectos máis ambiciosos de desenvolvemento político. Por suposto argumentos
hainos, e máis, para querer que siga como Estado membro desde unha perspectiva
racional.
Pero
quizáis haxa que pór maior énfase nos elementos máis subxectivos do debate. É
certo que a Unión Europea non é Europa, aínda que moitas veces incurramos nesa
sinécdoque e falemos, sen máis, de Europa. Pero tamén o é que unha integración
intensa está na idea orixinaria dos pais fundadores. E moi en particular, de
Winston Churchill. Habería que lembrarlles aos tories que o seu líder
carismático foi o máis egrexio defensor dos Estados Unidos de Europa, moi alén
dos cativos horizontes de unidade de mercado que hoxendía defenden os euro-realistas
capitaneados por David Cameron.
Aínda
que haxa que aturar unha rebaixa dos dereitos de libre circulación de persoas
ou certa perda de entidade da cidadanía europea. Por máis que teñamos que
renunciar cara ao futuro a exportar as prestacións familiares dos emigrantes
galegos que van traballar ao Reino Unido ou a outro país da Unión Europea, agora
que á[U1]
nosa mocidade lle toca outra vez marchar. Por moito que o Goberno británico
sempre manteña a ollada crítica ás perspectivas federais. Os que aínda cremos
na capacidade integradora do proxecto do 1957 non podemos desexar que ninguén
marche. É certo que Cameron xa gañou coas cesións do Consello de febreiro 2016,
por máis que nas Illas parezan moi cativas. Pero tamén o é que todos os demáis
gañaríamos cunha mensaxe de reforzo da UE nesta época de crise do seu modelo.
(publicado no diario Atlántico o 12 xuño 2016)
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Os comentarios son benvidos neste blog, xa que o seu obxectivo é ser un punto de encontro e de diálogo co autor. Podes deixar a tua opinión, que pode non coincidir coa miña, pero sempre con cabeza. Os comentarios destructivos ou que falten ó respecto dos participantes no blog serán eliminados.