29 nov. 2013

ULTRAXES, INXURIAS E OFENSAS A ESPAÑA E AOS SEUS SÍMBOLOS

A min me amolan máis da conta os sinais identitarios que tanto lle apaixoan a outros. Manteño desde hai anos unha xorda liorta familiar por non queder que ondee o “pabellón español” na lancha de lecer que teño en copropiedade cos meus cuñados. Sempre lles dixen que a min non me compesaba ter a bandeira de Galiza e a do Reino de España ao mesmo tempo, que a de Paternina-Banda Azul unicamente queda ben nas botellas de viño. Pero o certo é que cada vez que chega a procesión mariña da Virxe do Carme en Ribadeo hai unha pulsión roxi-gualda que satisfaría ao mesmo Federico Trillo. Ás veces mesmo ando acollonado de que a Benemérita me poña unha sanción administrativa pola miña pouca reverencia ao símbolo nacional. Do mesmo xeito, levo tempo percurando que meu fillo sexa siareiro da selección uruguaia de fútbol, a única na que uns poucos galegos levantaron a copa Jules Rimet, maracanazo polo medio. Así non teño a vergoñenta imaxe do meu fillo como abandeirado da enseña patria. Logo, cando un sae cear cos amigos e coñecidos, sempre asoma nos t-shirt un ribetiño amarelo e bermello, logo reflectido na gomina e na raia do ufano propietario desta patriótica prenda. Cando vou a un congreso internacional, particularmente os que se celebran en Latinoamérica, meus agradecidos anfitrións sempre me reciben, para miña honra, coa enseña española ondeando rexamente nun lugar privilexiado. E os poucos días que poido coller a bici e paso polas parroquias en festas, me decato que todos os párrocos entenden co xubilado forzoso, meu amigo Rouco Varela, que España é un ben moral. E reparten ben moral a esgalla, poñendo bandeiras mesmo nos camposantos parroquiais, para cachondeo xeral dos fieis difuntos. Digo isto porque a bandeira non está en desuso, para nada. Mesmo os inmigrantes irregulares, antes de seren expulsados de territorio nacional por aplicación do Dereito Natural español, pasan case sempre unha tempada vendendo pegatiñas roxi-gualdas, fornecendo un mercado puxante dun xénero tan necesario. E toda esta profusión téxtil e adhesiva era ata hoxe ben soportábel cando se lle permitía a un, sen risco de ser sancionado, largar un “aturuxo-blasfémico”. Pero hoxe o Consello de Ministros nos deixa sen este saudábel desafogo, porque nos vai costar un collón. Para nosa seguridade xurídica eu lle pediría aos diputados, en trámite parlamentario, que inclúan na Lei de Seguridade Cidadá un articuliño de definicións para que nos deixen claras algunas cousas. Ou cando menos, nos resolvan dúbidas. Por exemplo, se as inxurias e ultraxes teñen que ser expresos ou tamén se poden sancionar os tácitos. Se cabe sanción a título de neglixencia ou con responsabilidade obxectiva ou únicamente cando a inxuria é dolosa. Cómpre saber, asemade, se cabe a ultraxe por omisión, posibilidade que no meu caso me situaría nunha posición moi feble na liorta cos meus cuñados. E cal vai ser a vacatio legis. Pediríalles que se respectaran os vinte días logo da publicación no BOE, para podermos desafogar unha vez máis.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Os comentarios son benvidos neste blog, xa que o seu obxectivo é ser un punto de encontro e de diálogo co autor. Podes deixar a tua opinión, que pode non coincidir coa miña, pero sempre con cabeza. Os comentarios destructivos ou que falten ó respecto dos participantes no blog serán eliminados.