23 oct. 2013

ALEGATO

Mañá hai que acudir á folga. Desde as miñas pequenas capacidades, chamo á xente de ben, compañeir@s e amig@s do sector da educación a que mañá fagan un pequeno esforzo e expresen co exercicio dos dereitos fundamentais á folga e á manifestación, o seu rexeitamento e resistenza a unha política educativa despreciábel e inmoral. Sumarse ás mobilizacións de mañá é unha obriga de cidadanía, de democracia e de civilización. Ben me consta que as dificultades económicas van minguar a participación activa de moita xente, imposibilitada de feito no exercicio dos dereitos fundamentais por esta canalla que hoxe nos goberna. Pero tamén que hai unha manda de esquirois, free riders que non merecen máis que o noso desprezo. Que logo non se laien de que as leis turren neles, ben o terán merecido! Nestes días de escarnio, cómpre facer profesión de fe dunha educación que parta do dogma liberal da igualdade de oportunidades. Non do principio estamental, propio do antigo réxime, que os proxectos lexislativos queren implantar. Hai que dicir “non” a unha lei que quere voltar aos tempos previos ás reformas do PSOE dos anos 80, cunha política de bolsas na que os estudantes sen recursos non teñen máis que unha oportunidade na vida. Acredito nun sistema no que hai que garantirlles o acceso ás bolsas ás persoas con rendementos académicos positivos, e non nun sistema de headhunters no que únicamente os ricos privilexiados teñen garantido o estudo ordinario dos seus graos e posgraos universitarios e se concecan esmolas aos CV máis brillantes. Hai que defender un modelo de acceso igualitario á Universidade, cun exame de Estado coas garantías propias da selectividade. Un modelo que manteña como obriga curricular o estudo dos valores democráticos de convivencia, diversidade, tolerancia e cidadanía. Que non discrimine polas crenzas relixiosas duns e doutros. Un modelo que non privilexie institucións educativas de tendenza en perxuízo da educación pública. Que non volte a unha confesionalidade católica de Estado. Que promocione a Igualdade entre sexos sen segregacións entre nenos e nenas É un deber moral a defensa das linguas minorizadas. Quero que os meus fillos non sexan diglóxicos, que teñan as mesmas competencias en galego que en castelán. Que non se lles inculque a patraña de que saberen galego vai en perxuízo de dominaren o inglés. Quero que se lles aprenda onde está o Monte Pindo, o río Sor ou os Montes do Invernadoiro, porque iso non lles impide saber onde están os Apalaches ou o río Texo. Que poidan disfrutaren e coñeceren a poesía de Manuel María tanto como a de Luis Cernuda ou a de William Yates. Por todo iso fago folga, en defensa dunhas competenzas autonómicas que o noso goberniño non quere exercer. Quero unha Universidade que poida ser útil á sociedade. Mañá tamén me manifesto en defensa dos meus compañeiros os profesores sen consolidar, vítimas dunhas políticas aberrantes do Estado, da Xunta de Galicia e tamén dunha Universidade de Vigo absolutamente servil aos ditados de San Caetano. Porque mañá tamén fago folga contra o meu goberno da Universidade de Vigo, pola súa insensibilidade cos máis febles, a súa docilidade coa dereita e a súa incapacidade de endereitar o rumo en tempos difíciles. Por todo iso vou a folga. Pídoche que vaias tamén ti.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Os comentarios son benvidos neste blog, xa que o seu obxectivo é ser un punto de encontro e de diálogo co autor. Podes deixar a tua opinión, que pode non coincidir coa miña, pero sempre con cabeza. Os comentarios destructivos ou que falten ó respecto dos participantes no blog serán eliminados.