7 abr. 2013

A CLÁUSULA SOCIAL NA CONSTITUCIÓN PORTUGUESA



Non cabe dúbida de que a Constitución do 1976 non ten o estigma de pactos vergoñentos coa ditadura de Marcelo Caetano. Isto confírelle unha lexitimidade que, desde logo, non ten a nosa de 1978, por moi ben que a queiramos e por moito que respectemos a súa declaración de dereitos fundamentais e liberdades públicas. Digo isto cando asisto, abraiado, á mesquiñenta intervención de Passos Coelho nunha crítica ao “irresponsábel” Tribunal Constitucional portugués. Hoxe quero falar, evidentemente, da sentenza do pasado venres, da Acórdâo nº 187/2013. Xa son chegados os tempos nos que poidamos dicir que os irresponsabeis son el mesmo, Oli Rehn, Wolfgang Schaeuble, De Guindos & Cía, Inc.

A cláusula social do Estado é unha desas afirmacións de estilo baldeiras de contido, no entendemento dos gobernantes ben-pensantes. Ata que un órgano constitucional, convencido dos alicerces democráticos do seu texto fundamental, nos lembra a todas as persoas que temos case esquecido o modelo social europeo, que algún día acreditamos nel. O incríbel, o demagóxico e o moralmente rexeitábel é que se difame e estigmatice aos órganos xudiciais que non fan deixación do seu deber fundamental de protexer o cadro de valores no que se sustenta a convivencia cidadá. Un cadro de valores no que turran ata o seu total esmagamento os detentadores do poder executivo das dereitas predominantes en Europa.

Xa finalizou o exabrupto do primeiro ministro portugués. Vai meter as tesoiras en sanidade, seguridade social e educación. Semella que quere castigar ao Tribunal Constitucional pola “infamia” do seu fallo –cóllolle prestada a expresión do noso presidentiño Mr. Bean, ao que hoxe non me vou referir máis-. Por suposto, nen a máis mínima crítica á troika, coa que hai que trasacordar un adiamento dos obxectivos do déficit. Esta troika erixida en Santísima Trinidade dona dos destinos e das vidas de cidadáns e cidadás dunha República que en abril do 1974 acreditara na súa liberdade. Que máis da o sofremento e a perda de dignidade de milleiros de homes e mulleres? É a inversión das garantías dun Estado democrático: un poder executivo rifándolle a un Tribunal Constitucional polos mandados dun órgano de dubidosa raizame democrática como é a troika.

Con todo, a sentenza do TC portugués sementa a esperanza no Sur de Europa. Por máis que o Goberno do Reino de España teña na axenda máis inmediata domesticar ao noso “díscolo” Tribunal Constitucional. Non é que haxa que volverlle as costas ao problema do déficit público, é que hai que contelo con obxectivos razonabeis, proporcionados e con estratexías de ingreso e de gasto redistributivas e que non amolen sempre ás clases populares.

O fallo do TC portugués é complexo e a súa fundamentación xurídica longa. Non é que se poida calificar como especialmente garantista de dereitos. De feito, desbota a teoría da irredutibilidade de dereitos salariais e tampouco considera infrinxido o dereito de negociación colectiva –por certo, con total esquecemento da doutrina do Comité de Liberdade Sindical de OIT-. E entende que a creba do dereito de igualdade entre os esforzos dos empregados públicos e os demáis traballadores está xustificada. Onde conclúe que non se pode defender a constitucionalidade da lei de orzamentos é no carácter desproporcionado da medida. Como expresa a sentenza,

“O que não faz sentido é que se convoque a vinculação ao interesse público dos trabalhadores da Administração Pública, caracterizada pela referida situação estatutária ou pelo estatuto legal do contrato, como fundamento para a imposição continuada de sacrifícios a esses trabalhadores por via da redução unilateral dos salários, quando assim não se pretenda mais do que um objetivo de caráter geral em vista ao cumprimento das metas de redução do défice”.

É dicir, chove sobre mollado. Sempre se perxudica aos mesmos, sen adoptar outras medidas estruturais de reducción do gasto ou de incremento das achegas. O TC portugués admite que, como resposta a curto prazo, é lexítima a reducción salarial, como técnica máis rápida de contención das contas públicas. Pero cando a mesma solución se emprega ano tras ano, pasa a ser desproporcionada. No caso da lei orzamentaria portuguesa, establecíanse reduccións salariais ordinarias para salarios iguais ou superiores a 1500 euros. Pero tamén se lles suspendía unha paga extraordinaria a todos os empregados públicos que chegaran aos 600 euros ao mes.

Por suposto, as mesmas argumentacións caberían nunha hipotética sentenza do TC español. A análise que fai o portugués do principio de igualdade é, obviamente, concomitante coa nosa análise do art. 14. Porén, un dubida de que a resposta vaia ser a mesma. A doutrina constitucional fronte a excesos sen conto das leis de presupostos foi sempre meliflua, condescendente e chafalleira. Por iso sinto unha certa envexa do noso país irmao. Cando menos, o seu TC fixo un eloxio da dignidade. Como sen dúbida querería Saramago.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Os comentarios son benvidos neste blog, xa que o seu obxectivo é ser un punto de encontro e de diálogo co autor. Podes deixar a tua opinión, que pode non coincidir coa miña, pero sempre con cabeza. Os comentarios destructivos ou que falten ó respecto dos participantes no blog serán eliminados.