22 ene. 2013

HAI QUE DARLLE A RAZÓN A BALTAR!



Sempre me chamou a atención  que en Ourense haxa xente culta e ben informada que defenda a Baltar-pai. Máis dunha vez tiven que poñerme intranxixente e dicirlle ao meu interlocutor que meus castos ouvidos non podían escoitar unha defensa de semellante personaxe. Este engado do clan familiar é, desde logo, un andazo moi contaxioso, máis que as enfermidades invernais que estos días diezman á poboación. Xuro que, nos catro anos que vivín en Ourense, nunca sentín o máis mínimo síntoma desa pandemia, pero debo ser dos moi poucos.
As contratacións que está investigando a xustiza penal son propias do patio de Monipodio. Non é que non soubéramos que pasa en Ourense, pero non podemos deixar de sentir vergoña polo que se lle imputa a este anano moral de Xosé Luis Baltar e pola imaxe que está a dar Galiza nos xornais e nos medios de comunicación. O máis hilarante é que, no Congreso do Papo galego deste pasado fin de semana o seu inafable presidente Mr. Bean –e, para desgraza colectiva, presidente da Xunta-, diga que o seu partido é a “reserva moral de Occidente”, “o partido máis honesto de España”. Manda carallo de la Habana!
Xosé Luis Baltar e o seu sucesor dinástico están de noraboa, co lío de Bárcenas. O que lle está pasando ao PP é, como dí meu amigo Lourenzo Pastrana, “sobre-colledor”. Pero claro, quen se vai lembrar ou quen lle vai facer caso a este pequeno episodio ourensán de díxito-contratacións consanguíneas e afíns? Ao fin e ao cabo, o  latifundio de Salta é meirande que o latifundio de Nogueira de Ramuín. E o orzamento do extesoureiro do PP e amiguito del alma de Rajoy achégase ao da Deputación de Ourense. Tamén, por suposto, está de noraboa Ángel Currás, por moito que hoxe sexa obxecto de nova imputación. Outra parvada! O honestisimus partido está fora de toda dúbida. A fin de contas, Baltar pai non é militante activo do PP, Baltar fillo non está imputado de nada e Baltar Espírito Santo coida da leira de Ourense para que nada lle poida suceder.
Con todo, non é destas trouladas do que quero falar, que eu nada podo aportar ao respecto. O que si quero é darlle a razón nunha cousa a Baltar-neno, o unxido. Hoxe botoulle en cara ao presidente da Xunta Mr. Bean que non desenvolveu o Estatuto Básico do Empregado Público. E que por iso non ten ferramentas para avaliar o rendemento dos seus empregados públicos. Leva razón. Mr. Bean e o seu fidel escudiero o da Roda –non falo do inesquecible Fito, senón do secretario xeral do Partido máis  honesto de España e parte do estranxeiro- teñen desde hai moito tempo o labor pendente de proporlle ao Parlamentiño a normativa de desenvolvemento do EBEP. Iso ten bastante importancia nos tempos que corren. A función pública galega vive desde hai tempo instalada no surrealismo xurídico e no Dereito-ficción por mor de que o texto refundido do 2008 é unha peza de arqueoloxía xurídica que non da resposta a moitísmos problemas.
Claro, é máis doado que 41 autómatas voten uns orzamentos ridículos nos que se lle traba outro 5 por 100 aos empregados e empregadas públicas na economía máis saneada de España, xestionada polo partido máis honesto. Organizar a función pública e regular unha organización moderna da mesma que poña freno a prácticas irregulares non é algo que lle competa a estos “xestores”. Sempre se soubo que na Xunta se entraba por TRAGSA ou outras herbas, ou por unha contratación administrativa fraudulenta, ou por un contrato laboral irregular…O único urxente é regular o traspaso do persoal das fundacións fraguistas aos entes públicos instrumentais para consolidar así o seu inserimento definitivo na Xunta e, de paso, amortizar traballadores “excedentarios”.
Como Bean, Wheel, Bush, Abbot, Count e demáis conselleiros teñen as rendas da función pública galega, hai que lembralles seus deberes. En especial a esta muller da que depende Función Pública. Eleniña, ti tan ben disposta para outras historias, a ver se lembras que tes que arranxarlle un pouco as cousas ao nene! Non ves que non pode, coa súa honestidade pepera, mellorar o rendemento do persoal da Deputación de Ourense? Non sabes que se lle aplica supletoriamente a lexislación da Xunta?
Como sempre, amoso a miña boa vontade de axudar. Non teño ningunha dúbida das boas intencións deste modelo de honestidade e por iso estou certo de que van darlle ao nene o que necesita: unha normativa transparente, obxectiva, imparcial, igualitaria de función pública que lles garanta aos servidores públicos unha carreira profesional ortodoxa na que poidan mellorar o seu rendemento.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Os comentarios son benvidos neste blog, xa que o seu obxectivo é ser un punto de encontro e de diálogo co autor. Podes deixar a tua opinión, que pode non coincidir coa miña, pero sempre con cabeza. Os comentarios destructivos ou que falten ó respecto dos participantes no blog serán eliminados.