4 ene 2013

FOLGA NO METRO DE MADRID



Que haxa que negociar o convenio colectivo dunha empresa pública non ten nada de particular, como tampouco o ten que se convoque unha folga en soporte das teses sindicais. Vai de seu que esta folga ten que afectar aos dereitos á mobilidade dos usuarios do  servizo. É por iso que o noso sistema xurídico contempla o estabelecemento de medidas de ponderación dos dereitos fundamentais e bens xurídicamente protexidos en xogo que se concretan normalmente na fixación de servizos mínimos.

Hai que lembrar estas nocións básicas, e hai que lembrarllas especialmente aos facinerosos que dirixen a Consellería de Transportes da Comunidade de Madrid. Que para a cabalgata de reis se establezan ditos servizos nun 80 por 100 a moitos nos parece abusivo, pero iso o terá que dicir un órgano xudicial. O que é unha absoluta tolemia é que se lles pretenta responsabilizar aos sindicatos convocantes dos incidentes que poidan suceder. Toda unha provocación para que mañá poida suceder algo!

Que da Comunidade Autónoma dependa o Consorcio Rexional de Transportes de Madrid non é argumento abondo para que os mequetrefes dos “gobernantes” desta Comunidade Autónoma profieran expresións tan impertinentes. Este viveiro de pijos-peperos que é o goberno de Ignacio González estase a converter no maior xenerador de conflitividade social. Alguén tería que porlles un bozal a Pablo Cavero e a Borja Carabante, entre outros. Alguén tería que aprenderlles as gravísimas competencias e responsabilidades que as administración autonómicas teñen na composición de conflitos, con funcións mediadoras para as que o Goberno madrileño está absolutamente desacreditado.

Vai de seu que a prensa da caverna madrileña, co seu pestilente estilo de confrontación social, queira poñer á cidadanía contra os traballadores do Metro. Pero que fagan o mesmo os responsables políticos é gravísimo. Aínda teremos que escoitar como estos personaxes, auténticos falanxistas que enxergan con desprezo os dereitos fundamentais, se atribúen a etiqueta de “liberais”!

O que é peor é que este estilo de confrontación e desprezo dos dereitos individuais e colectivos dos traballadores é unha moda que crece. Confrontación co suxeito sindical e cos seus medios de acción máis elementais. Que o voceiro desta manda de politicastros queira regular a folga é para tremer. O que quere, sen máis, é laminar o dereito de folga. Ubicarse mesmo á dereita do goberno español nos tempos que corren é un exercicio dificilísimo, pero que, con incredulidade, comprobo que hai quen o logra.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Os comentarios son benvidos neste blog, xa que o seu obxectivo é ser un punto de encontro e de diálogo co autor. Podes deixar a tua opinión, que pode non coincidir coa miña, pero sempre con cabeza. Os comentarios destructivos ou que falten ó respecto dos participantes no blog serán eliminados.