30 ene 2011

UNHA PEQUENA ACHEGA Á REFORMA DO SISTEMA DE PENSIÓNS

                O pacto de pensións ten suficiente enxundia como para merecer un longo comentario que non estou en condicións de abordar un domingo á noite. Se teño folgos, algo vou escribir nos próximos días. Hoxe unicamente quero formular tres ideas introdutorias que penso que son fundamentais como premisas de análise.
                A primeira delas refírese aos sistemas de intercambio de información no ámbito da Unión Europea e ao Método Aberto de Coordenamento. Moito se fala –con razón- da necesidade que ten o Goberno español de atender aos requerimentos de Bruselas, desde logo esixentes no que ten que ver coas liñas xerais de política económica. Pero habería que abondar máis na evolución dos sistemas europeos de Seguridade Social, cada un deles fillo da súa propia historia e moi diverxentes entre si. Tanto máis diverxentes se se ten en conta a aposta por sistemas de capitalización que veñen formulando os Estados Membros do Leste. Con todo, xusto é recoñecer que as grandes liñas de reforma que anuncia o pacto –incremento da idade mínima de xubilación, toma en consideración de máis anos da vida activa no cálculo da pensión e desincentivo da xubilación anticipada, fundamentalmente- son orientacións común a outros Estados pertos do noso, como son os casos máis evidentes das Repúblicas de Francia e Alemaña. Quero dicir que as críticas hainas que contextualizar.
                A segunda, e precisamente con base na súa contextualización, debe recoñecerse que meter as tesoiras ás pensións públicas ten máis pegada no Reino de España da que ten noutros Estados europeos. Isto é así porque o noso sistema público xermolou nos anos sesenta do século pasado sobre as cinzas do mutualismo laboral. Isto é, esmagou os sistemas profesionais de Seguridade Social. Hoxendía, na nosa realidade apenas hai traballadores coa cobertura de sistemas profesionais, a diferenza do que sucede nos Estados cos que sempre se nos compara. É dicir, a clase traballadora na nosa realidade é moito máis dependente da pensión pública. Está moi ben que se promovan e fomenten os sistemas privados de pensións. Pero a mensaxe fundamental debería ser que se establezan sistemas profesionais con dobres aportacións das empresas e das persoas traballadoras. No entanto, e dada a desprotección xeral neste ámbito, as reformas á baixa das pensións deberían ser especialmente prudentes.
                E a terceira refírese ás fontes de finanzamento e á teima tan “patria” de que as pensións contributivas únicamente se deben soster con contribucións de Seguridade Social. Esta lexitimación do sistema baseada na súa autosuficiencia é moi perigosa porque supón o anuncio evidente de novas, futuras e non tan lonxanas medidas de recorte. O Método Aberto de Coordenamento amósanos que os Estados Europeos admiten as achegas orzamentarias para o finanzamento dos sistemas públicos de Seguridade Social, sen que iso supoña afastarse da ortodoxia financieira. Os Pactos de Toledo, desde o ano 1995, compartimentalizaron a solidariedade intrínseca aos sistemas públicos de Seguridade Social. Probablemente, a separación das fontes de finanzamento foi estratéxicamente necesaria. Pero debe recoñecerse que a estratexia non é un fin en si mesmo e que, ao mellor, haina que revisar logo de quince anos. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Os comentarios son benvidos neste blog, xa que o seu obxectivo é ser un punto de encontro e de diálogo co autor. Podes deixar a tua opinión, que pode non coincidir coa miña, pero sempre con cabeza. Os comentarios destructivos ou que falten ó respecto dos participantes no blog serán eliminados.