26 ene 2011

FOLGA XERAL 27 XANEIRO: INOPORTUNA



Non vai ser políticamente o máis correcto a día de hoxe, pero quero amosar o meu rexeitamento á convocatoria feita mañá, en Galiza, pola Confederación Intersindical Galega e apoiada, entre outros colectivos, polo Bloque Nacionalista Galego. Non me vou sumar á folga por varios motivos, fundamentalmente porque penso que non é o máis aconsellábel facer folga xusto mañá.

Estamos –xa o sabía CIG cando preavisou- na recta final do diálogo social na materia de reforma das pensións. Eu non concordo con parte das medidas que ten publicitado o Goberno que quere encetar, básicamente no adiamento en dous anos da idade mínima de xubilación. Non me parece que sexa un tema que debamos adoptar sen máis no ano 2011, senón que sería máis aconsellábel estudar devagar a experienza doutros Estados Europeos que afrontan o baby-boom antes de nós e tirar conclusións. Probablemente haxa que subir a idade dentro duns anos, pero non xusto agora.

O que sucede é que estamos de cheo na onda reformista que provocou o executivo Zapatero. E eu pregúntome se CIG vai convocar outra folga xeral a resultas da reforma da negociación colectiva, cousa que con tota probabilidade vai suceder en abril. Pregúntome tamén se ten a seguridade de que o Goberno non vai ceder en parte das súas pretensións anunciadas. Estratéxicamente lle pregunto que sucedería se logo CCOO e UGT conseguiran un bo acordo co Goberno. Alguén pensaría en serio que foi grazas á folga de CIG, ELA e LAB? Ou é que o acordo non pode ser bon, por razóns metafísicas que eu descoñezo?

Desde outra perspectiva, soster a folga de mañá vai supor un sacrificio inmenso para a militancia de CIG e un esforzo desproporcionado, no que, ademáis, se xoga moito. Dubido que CIG teña ben calculado dito risco. E, por suposto, o sacrificio que CIG lle pide á clase traballadora non é xusto. Non se pode recurrir cada pouco tempo a unha folfa xeral. A folga xeral debe ser un recurso extraordinario para que sexa eficaz e teña o prestixio dunha acción necesaria cívica de exercicio de dereitos fundamentais. Xa fixemos unha folga xusta e exitosa en setembro.

Xa para rematar, a competitividade coas centrais sindicais máis representativas CCOO e UGT debe manterse no espazo electoral, non noutros. Ben acepto que as centrais estatais xogan a pecharlle espazos ao sindicalismo de clase nacionalista, nunha estratexia cortoplacista e miope. Pero, con todo, a unidade de acción sindical é básica nestes tempos. Non xoguemos á división, para ledicia dos think tanks do pensamento financieiro. Por máis que CCOO e UGT non admitan o dereito lexítimo de CIG, ELA e LAB de se sentar nas mesas estatais de concertación social.

Isto o expreso, claro, desde o agarimo e implicación persoal máis fonda co sindicalisto representativo de clase. Desde a miña implicación persoal.

1 comentario:

  1. Concordo no tocante ao esforzo dos que fixemos folga hoxe. Sabiamos de antemán que a incidencia sería mínima, certificámolo onte nas reunións cos compañeiros de traballo dando imaxe de Robespierres de salón e facendo incómoda a relación cos outros. Concordo tamén que esta acción podería terse substituído por outras capaces de ter máis eco con menor custo, sabido que non seriamos quen de mover nada.
    Sen embargo, cando os sindicalistas viñeron ao colexio facer o chamamento á folga, creo que todo o claustro comprendeu o que estabamos xogando (e perdendo).
    Reflexión para ver a escasa forza de convocatoria do sindicato, convertido "grosso modo" en forza electoral.

    ResponderEliminar

Os comentarios son benvidos neste blog, xa que o seu obxectivo é ser un punto de encontro e de diálogo co autor. Podes deixar a tua opinión, que pode non coincidir coa miña, pero sempre con cabeza. Os comentarios destructivos ou que falten ó respecto dos participantes no blog serán eliminados.