O tema da elección de docencia nos Consellos de Departamentos vai xerando unha polémica recorrente da que eu non quero deixar de dar a miña opinión, que enuncio a título estritamente persoal. En campaña, o noso grupo únicamente expresou a necesidade de que desde o Goberno da Universidade se impulsara un proceso de estabelecemento de criterios obxectivos e transparentes en cada Departamento, sen que sexa doado propor reglas con vocación de xeralidade.
Alén deste criterio, insisto, o que engado é miña opinión persoal, nun tema no que sempre é mellor un mal acordo que unha boa resolución. O que sucede é que nas negociacións informais non sempre todo o PDI ten a mesmoa forza.
Levo tempo expresando que rexeito o criterio de xerarquía e antiguidade por obsoleto e inxusto. O rexeito case ao mesmo nivel que as votacións nas que non se esgrime máis argumento que o desexo de beneficiar ou perxudicar a certas persoas. E engado que a doutrina xudicial non o valida como o que se ten que impor. O que expresa dita doutrina é que, a falta doutro criterio, o de xerarquía e antiguidade é obxectivo e vinculado co mérito e a capacidade. Nada máis.
Na miña opinión, a imposición universal que moita xente quere facer destas “xerarquía e antiguidade” é unha das mostras máis evidentes da pouca vocación democrática que aniña no pensamento dalgúns. A autoridade que deberían reflectir ditas cualidades obrigaría á busca de criterios máis académicos, que sen dúbida os hai. Desde logo, non son eu quen para coñecer todas as realidades, pero cabe apuntar o feito de levar tempo impartindo certas disciplinas, o feito de ter elaborado materiais docentes ou programáticos da mesma ou, pola contra, a necesidade de reorientar o labor docente. Ás veces, un criterio de idade pode ser obxectivo –vg., a proximidade á xubilación- ou a propia cualidade do profesor –unha persoa asociada a tempo parcial debe coller disciplinas con orientación máis profesional-.
E, por suposto, están as necesidades dos centros, que tamen deben ser tomadas en consideración.
Desde logo, a asignación de docencia é un dos aspectos que require posturas máis transaccionais. O meu grupo non é exemplo de nada. Pero a nosa experienza é a de persoas que percuramos certa polivalencia dentro da nosa área de coñecemento e que evitamos sempre unha asignación por elección sucesiva.
A xerarquía e a antiguidade me lembran, como xa tiven ocasión de expresar en Consello de Goberno, os criterios que propugnaba certo pensamento da Administración Pública que cabe personalizar en López Rodó ou Villar Palasí, entre outros.