O anuncio de que se perden 534
empregos en Cervo polo ERE que inicia Alcoa é unha nova moi negativa. Sen
dúbida ten efectos devastadores para a comarca da Mariña Occidental, unha das
máis esquecidas polas diversas Administracións territoriais. Teño que coincidir,
desde logo, co conselleiro de Economía, Emprego e Industria en que o problema se
vía vir e que as rebaixas dos cánones para as empresas electrointensivas eran
necesarias e urxentes. A responsabilidade do Goberno do Estado e, en
particular, do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo é innegable. Agora
ben, neste punto comezan e rematan as miñas coincidencias con don Francisco
Conde.
Que o estatuto das
electrointensivas estaba xa en fase de anteproxecto de lei é ben coñecido,
abonda con visitar a web do Ministerio de dona Reyes Maroto. Desde que botou a
andar o Goberno, os adiamentos non son consecuencia do desleixo do actual
executivo, senón doutras circunstancias ben coñecidas. E iso sábeo tamén a
empresa. A empresa actúa con hipocrisía cando xustifica no prezo das
subministracións o despedimento de tanta xente traballadora. Sabe perfectamente
que os procesos son longos. A pregunta é se a situación está tan deteriorada
como para non poder superar o período de tempo necesario para que se arranxe normativamente
o problema. Seica non.
Por iso é tan repulsiva a
actitude de don Francisco Conde, aliñándose contra o Goberno e utilizando a
páxina institucional da Xunta para bater contra el. A confusión Xunta-PP eterna
ten neste caso perfís particularmente miserabeis, como parte dunha campaña institucional
que quere agachar a ineficacia e deslexitimación total da Xunta de Galicia.
Porque, que eu saiba, el é Conselleiro tamén de Industria, o que obriga a se
preguntar que aportou el para solucionar o problema ademáis de pór paos nas
rodas. Fago revisión de prensa e a resposta é evidente: ren. Bah, si, regar
copiosamente con cartos públicos. É a única política da que ten coñecemento.
Non era hoxe a hora de ter toda a solidariedade institucional e prantexar un
plan de finanzamento ponte ata que se poidan aplicar as normas do futuro
estatuto? Non pode –ou podía- establecer un plan de condicionalidade críbel de
axudas que se baseara nun mantemento no emprego? Alén desta pregunta, que fixo
en todos os anos que leva de Conselleiro para diminuír a dependencia que a
Mariña Occidental ten de Alcoa?
Sería un bo exercicio auditar a
eficiencia social das axudas da Conselleiriña de Economía, Emprego e Industria.
Non son un experto, pero alguén o terá que facer. Porque cartos, cartos…se
teñen gastado a esgalla…tamén en Alcoa. Entrementres, hai que pedirlle a don
Francisco que axude e non estorbe. Que non sexa tan desleal. Que non se poña de
parte da empresa cando sabe que está actuando de xeito malicioso. Se a
xustificación é o prezo dos subministros, hai un compromiso claro de que ese
tema se vai arranxar. Sería boa cousa saber se don Francisco chamou hoxe a dona
Reyes para percurar xuntos solucións, antes de opinar irresponsablemente polas
canles de comunicación da Xunta de Galicia.
Por iso, esíxolle que actúe de
xeito proactivo, non contra-activo. E, ademáis, hai que poñerlle deberes,
porque, que eu saiba, tamén é o titular das competencias de execución da
lexislación laboral –aínda que ninguén o sabe, porque non as exerce-. Poden
pasar dúas cousas: a primeira, que, no fondo, Alcoa o que quere é amagar con
despedimentos masivos para obter otra enchenta de cartos públicos. Outra, que
quere as dúas cousas ao mesmo público: despedir e mamar. Con todo, se despide a
536 traballadores, a evidencia sería que a decisión estaba tomada sen ningún tipo
de alternativas antes da fase de consultas. Iso sería un fraude de lei que
tería que levar a unha declaración de nulidade do despedimento colectivo, como
ordena o Tribunal de Xustiza da Unión Europea. Pero habería que esixirlle á
autoridade laboral –é dicir, a don Francisco Conde- que prantexase as oportunas
demandas de oficio. É dicir, que se poña de parte da legalidade, non de parte
da empresa.
Por outra banda, se a empresa
recibiu bonificacións por ERTE por forza maior e comunica despedimentos, a mera
comunicación fai que teñan que devolvelas. Iso xa será misión da TXSS. Pero
deixaría craro que tamén por esta vía a empresa actuou en fraude de lei. De
xeito que a Xunta debe tamén exercer as súas competencias sancionadoras. Hai
que esixirlle á Xunta que, no seu caso, exerza estas competencias. Aínda que
seica é tanto come perdirlle ao raposo que coide as galiñas.
En resumo, é indecente a toma de
postura de hoxe do Conselleiro de Economía, Emprego e Industria. Unha toma de
postura coherente coa indecencia que é hoxendía a non-política da Xunta. Don
Francisco non é máis que unha peza desta desengranaxe.
Non poño en fotografía ao Conselleiro,
non o merece. Poño ao meu querido Viveiro, hoxe cheo de bágoas e de desesperanza.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Os comentarios son benvidos neste blog, xa que o seu obxectivo é ser un punto de encontro e de diálogo co autor. Podes deixar a tua opinión, que pode non coincidir coa miña, pero sempre con cabeza. Os comentarios destructivos ou que falten ó respecto dos participantes no blog serán eliminados.