6 jul. 2014

OS SUPERPODERES DE ANA PASTOR


Hoxe para coller o sono durante unha viaxe longa pensei que nada mellor que ler o BOE, que contiña o Real Decreto-ley 8/2014, de 4 de julio, de aprobación de medidas urgentes para el crecimiento, la competitividad y la eficiencia. O certo é que si que me valeu para durmir, logo de pasar por artigos tan xigantes coma inútiles que falaban de garantía xuvenil, e que non aportan nada interesante en relación coa documentación elaborada pola Comisión Europea. Tamén leín outros non menos prescindibeis de reforma da Lei de emprego. Esta Lei 56/2003 parécese cada vez máis ás vilas galegas e ao feísmo que introduciron os aparelladores dos anos 70 na nosa costa. É unha lei amorfa e inútil, sen ningunha vocación de cambio efectivo da realidade. Ben é certo que esta pendemia de reformala a menos lóxica e máis inútil xa nos afectaba na época de D. Valeriano, pero imos a peor. Bodrios como a “estratexia española de activación para o emprego”, ou “a carteira común de servizos do sistema nacional de emprego” mistúranse con longas diatribas verbo dos Plans anuais da política de emprego ou soportes informáticos indignos de ocupar rango de lei. Ao mesmo tempo, reaxústase a lexislación de empresas de traballo temporal, cunha inquietante habilitación ás mesmas para que desenvolvan actividades de formación, e o marco administrativo das axencias privadas de colocación, cun ánimo de derrubo da normativa do goberno anterior para non aportar nada novo. O mesmo que fan moitos alcaldes, que escachan as beirarrúas coa única intención de poñelas de novo sen ningunha mellora efectiva. E, por se non abondase atrapállase máis o tema das subvencións ao emprego, sen que queda claro que parte da torta aporta Europa coas partidas de garantía xuvenil e que parte cabe imputar a futuras rebaixas “responsables” da protección á Seguridade Social.

Nesas estaba cando acordei de súpeto, na flamante disposición adicional 15. A súa referenza a servizos mínimos, nunha época na que o Ministerio Fiscal propón, co seu principio xerárquico ben afiado, penas durísimas ás persoas que exercen o dereito fundamental de folga, chamoume a atención. Leína, pensei que toleara, pero non, non toleaba. A reproduzo, por se o que teño é un problema de entendemento:

“Disposición adicional decimoquinta. Servicios mínimos. “El Ministerio de Fomento determinará los servicios mínimos de carácter obligatorio para asegurar en los aeropuertos de interés general la prestación de los servicios aeroportuarios necesarios para el transporte aéreo en los supuestos de conflicto laboral o absentismo empresarial en dichas infraestructuras. En la determinación de los servicios mínimos en la red de aeropuertos de interés general de Aena, S.A. se atenderá al cumplimiento de los fines y obligaciones que le son exigibles como servicio económico de interés general”.

Unha Orde Ministerial regulando “en frío” o dereito de folga!!!! Agora un xa entende ben ao probiño Enrique López: hai que ter as arterias e as veas ben cheas de gin tonic para poder declarar constitucionais certas normas. Supoño que o debate da Lei 3/2012 produciulle unha necesidade imperiosa de abrevar para logo poder artellar unha xurisprudencia creativa e de lustre constitucional que declare consonte á constitución a arbitraxe obrigatoria en inaplicacións salarials, a preferenza incondicionada do convenio de empresa, o despedimento por inasistenzas…Pero agora, para os que quedan, máis brandy!!!

Non é que eu lle teña demasiada simpatía aos sindicatos de “bigotito ferrolano” que pululan nos servizos aeroportuarios, pero a disposición decimoquinta é de coña. Cando eu sexa grande, quero ter superpoderes, como lle dan a Ana Pastor para regular o dereito de folga. Iso si que é mandar!!! Por suposto, importándolle un carallo o que ten dito desde xa hai moitos anos o Tribunal Constitucional, que para iso está ocupado polos seus. Este gobernar sen complexos é o que lle ten tan amolado a Aznar, que el non se atreveu. Mesmo o seu ministro de Fomento Arias Salgado lles deu aos controladores aéreos todo o que eles quixeron. A que ninguén se lembraba xa? Menos mal que Ana Pastor, que daquela ía ser ministra de sanidade, coa vocación da monxa alférez, vainos meter en cintura. Regulando ela o dereito de folga. Que para iso é ministra de fomento.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Os comentarios son benvidos neste blog, xa que o seu obxectivo é ser un punto de encontro e de diálogo co autor. Podes deixar a tua opinión, que pode non coincidir coa miña, pero sempre con cabeza. Os comentarios destructivos ou que falten ó respecto dos participantes no blog serán eliminados.