19 abr 2014

OUTRA TRAXEDIA NO MAR: O MAR NOSSO


Realmente o mar Cantábrico é moito mar. Onte achegueime á illa Pancha, en Ribadeo, para enxergar ese mar no que traballan arreo tantos mariñeiros de tantas nacións do mundo: galegos, vascos, portugueses, caboverdianos, irlandeses, filipinos, galeses…Tanto ten a súa nación. O que importa é o número de naufraxios insuficientemente explicados nos que morren de cotío homes rexos traballadores, por circunstancias que, desde logo, teñen que ver coa natureza, pero tamén co desleixo do sector e dos armadores.

As cifras non son casuais. Ninguén dubida de que o traballo no mar é moi perigoso. O que sucede é que parece que a única responsabilidade das Administracións públicas é o consolo das familias, como dicía estúpidamente noso presidentiño galego Mr. Bean. Disque a Conselleira de Medio Rural e Mar, Rosa Quintana, é unha muller con gran coñecemento do sector. Xa demostrou que de vacas non sabe moito, pero non dubido que saiba máis de peixes. Se é certo, esíxolle que poña remedio a esta situación tan calamitosa xa. A ela e a Consellería de Traballo, a ver se nesa consellería hai alguén que saiba de prevención de riscos laborais.

Segundo as novas que chegan dos medios, a obra viva que levaba “O Mar Nosso” era excesiva. Non o sei. Tampouco sei se se respectaron as medidas de seguridade no buque. Non me consta se se respectaron os tempos de descanso . Non teño nen idea dos equipos de traballo nen dos equipos de protección que levaban. Aparentemente, o buque afundiuse nun intre, sen dar tempo á reacción. Quizáis. Desta, o naufraxio foi perto da costa de Navia, no Occidente de Asturias. Tanto ten, que investigue quen teña que investigar. O porto base é en Marín. Hai que buscar responsabilidades, e facelo de xeito reivindicativo. Non pode ser que tantos mariñeiros morran de balde, sen que as empresas armadoras sexan suficientemente responsabilidas de tanta desgraza.

Tanta morte non é casual. O noso mar é perigoso. O mar infindo, como dicía o noso irmao Fernando de Pessoa ten estas cousas, e os galegos, entre outros, seguro que seguiremos a morrer no mar. Pero que pasen estas cousas tan frecuentemente ten que interpelar á Administración Pública e levar á conclusión de que as cousas se están a facer moi mal. Esíxolle á Inspección de Traballo, ao Consello Nacional de Seguridade e Hixiene no Traballo, ás Consellerías Implicadas, aos actores sociais e, en xeral, a toda a sociedade implicada, que isto pare. Eu tamén choro aos mortos, pero cada día choro cun pouco máis de xenreira.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Os comentarios son benvidos neste blog, xa que o seu obxectivo é ser un punto de encontro e de diálogo co autor. Podes deixar a tua opinión, que pode non coincidir coa miña, pero sempre con cabeza. Os comentarios destructivos ou que falten ó respecto dos participantes no blog serán eliminados.