29 ago. 2013

GALIZA NON TEN AUTORIDADE LABORAL

As mobilizacións do cadro de persoal de POVISA en Vigo por mor do estancamento na negociación do Convenio Colectivo deixan outra vez ás claras como entende o "Goberno" galego do Partido Popular o exercicio da súa acción política. Por suposto, eludindo toda responsabilidade e a máis pequena intervención. As declaracións evasivas da delegada da Xunta en Vigo non son máis que o reflexo da inanidade e inutilidade da Consellería de Traballo e Benestar, que deixa sempre que os conflitos se podrezan sen asumir as competencias e as obrigas que lles son propias. Xa dixen máis dunha vez que ao Executivo do noso Mr. Bean lle sobra a Consellería de Traballo...para o que serve. Neste caso conflúe o dato agravante de que se trata, ademáis, da xestión privada da asistencia sanitaria pública, co que se suman as culpas doutra Consellería ineficiente como é a de Sanidade. Parece que a ninguén lle preocupa que se prolongue unha folga nun servizo tan esencial e estratéxico, por máis que os servizos mínimos se estean a cumplir logo dun puntual acordo verbo dos mesmos entre as partes. Tampouco esta circunstancia perece atinxirlle ás persoas con "responsabilidade política" en materia de saúde. Desde logo, o desentendemento é outra vez sinal do pouco interese que ten a Xunta, mais as impostacións de estar ao servizo de galegas e galegos, polo benestar xeral. A parte empresarial remitiu ao 15 de setembro a reanudación das negociacións e o comité de empresa anunciou que non se vai sentar a negociar en tanto se manteña a aplicación do convenio provincial. Á espera de que se pronuncie o xuíz do social verbo desta última cuestión, a todas as persoas que teñen o Policlínico como centro referencial se lles pon cara de parvos cando non hai a medio prazo expectativas de pechar o conflito e os "responsables" da Consellería de Traballo están confortablemente sentados nos seus tresillos de San Caetano. Desde logo que a mediación da Xunta en conflitos, que é legalmente unha das súas máis importantes competencias laborais, non ten efectos miragreiros. Pero si que constitúe, como históricamente se ten amosado, unha das ferramentas máis eficaces para arranxar os conflitos. Sempre e cando haxa implicación real dos políticos, claro está. Por iso, outra vez hai que expresar ben claro e alto a incapacidade, inutilidade, incompetencia e deslealdade coa xente de Galiza do "Goberno" da Xunta. Denunciar que son unha manda de incompetentes e que os cargos políticos non deben estar ao servizo dos seus exclusivos intereses e miserias. Cunha Xunta eficiente non me cabe dúbida de que o conflito xa estaría resolto hai tempo. Antonte, ao saír da Inspección de Traballo en Vigo, falei con manifestantes da empresa Freire, entre outros co meu amigo Daniel, de CCOO. Era todo un símbolo que se manifestaran diante da Inspección de Traballo e non da Xunta. Porque a Xunta hai tempo que pechou a fiestra dos asuntos laborais. Os traballadores ben saben que a Xunta non lles vai resolver os seus problemas, porque os responsables da política laboral en Galiza non están para servir aos traballadores deste país, senón para servirse deles.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Os comentarios son benvidos neste blog, xa que o seu obxectivo é ser un punto de encontro e de diálogo co autor. Podes deixar a tua opinión, que pode non coincidir coa miña, pero sempre con cabeza. Os comentarios destructivos ou que falten ó respecto dos participantes no blog serán eliminados.