9 oct 2012

CASTELAO BRAGAÑA: O PARTIDO POPULAR ACUBILLA A UN ACOSADOR




Levo dous días querendo redactar unhas liñas verbo do comentario deste personaxe. Pero o noxo xigante que me produciu seu comentario aconselloume agardar un pouco, para non incurrir no insulto, que é o único que merece, desde logo, Castelao Bragaña, que non é quen, desde logo, de que se lle chame “señor”, nen “home”, nen “persoa”. O asunto é que o seu comentario ten o cheiro indecente de ser mainstreaming no partido que, para desgraza colectiva, nos Goberna. Onte, noso presidente interino, Mr. Alberto Bean salientou, en defensa de Castelao Bragaña, que “dimitiu ás horas”, en tanto que “xente imputada do PSOE paséase polos mítines imputados ou procesados”.

Afórrolle á xente que lea estas liñas a penalidade de ter que ler outra vez a expresión proferida por Castelao Bragaña. Unicamente lembro que é un dos máis paradigmáticos casos de acoso sexual e de acoso por mor de sexo. Que alguén lea o art. 7 da Lei Orgánica de Igualdade para comprobalo. En España e en toda Europa, a expresión de Castelao Bragaña constitúe un exemplo agravado de acoso sexual e sexista. A comparación que fai Mr. Bean presidente da Xunta entre o comportamento de C.B. e o doutros imputados do PSOE é unha agresión á dignidade das mulleres. Sen máis e sen atenuantes.

O máis salientable do caso é que a Castelao Bragaña, que se saiba, non o expulsaron do Partido Popular, nen lle abriron expediente. É dicir, os seus comentarios encaixan perfectamente no ideario do Partido Popular. A conduta omisiva dos seus órganos internos así o expresa sen marxe de dúbida. Os líderes deste partido discriminatorio coas mulleres non fixeron senón aplaudir a súa conduta de dimitir. Xa está, segundo os seus comentarios, alén dunha reprobación tópica do comentario. É dicir, o castigo que merece C.B. é ningún.

Nestas condicións, o único que lle queda a alguén é facerlle ás mulleres, pero sobre todo aos homes galegos, unha súplica: que amosen co seu voto o seu desprezo por Castelao Bragaña e polo partido no que milita. A expresión do Partido Popular posta en boca deste suxeito é a discriminación máis indignante que sufriron as mulleres nos últimos tempos. Os galegos somos, desde logo, un pobo decadente, que perdeu a banzos xigantes a súa identidade, en particular nos últimos catro anos. Que perdeu o rumo da historia da man dun goberno mesquiño. Pero debemos ser un pobo que manteña a súa dignidade. Que desaparezan do espazo público os acosadores sexuais é unha cuestión de hixiene pública. Pensar que Castelau Bragaña foi o noso representante non pode ser senón a lembranza repugnante dunha historia que non se pode repetir xamáis.

Galegos e galegas: temos o perigo de renovar como presidente da Xunta a alguén cómplice de acoso sexual e sexista.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Os comentarios son benvidos neste blog, xa que o seu obxectivo é ser un punto de encontro e de diálogo co autor. Podes deixar a tua opinión, que pode non coincidir coa miña, pero sempre con cabeza. Os comentarios destructivos ou que falten ó respecto dos participantes no blog serán eliminados.