2 jun. 2011

Hai que deducir haberes, claro que si!

Hoxe leín algunhas mensaxes relativas á comunicación que nos está a mandar o sr. xerente polo descontamento de haberes derivado da participación na folga do pasado 29 de setembro 2010. Todas elas, con argumentos interesantes, críticas co procedemento. E, desde logo, semella que hai moito que mellorar. Non se pode disculpar que se lle remita comunicación a persoas xa xubiladas, que non se cotexen acaídamente as listaxes de sinaturas do día de folga ou, moi en particular, que se faga a xestión oito meses máis tarde, cos correspondentes problemas que conleva a compensación de retribucións correspondentes a dous exercicios económicos.
Sen dúbida, estas cuestión, e mesmo outras que non coñezo, merecen crítica. O que sucede é que o problema precisa dunha contextualización. Tradicionalmente, ao PDI da Universidade de Vigo non se lle practicaba o descontamento de haberes. É dicir, a súa participación na folga non impedía que se devengaran retribucións, en contravención das normas legais, tanto a Lei 30/1984 como máis tarde o Estatuto Básico do Empregado Público. Eu mesmo, que teño participado na meirande parte das convocatorias, xamais fun obxecto de deducción ningunha.
Na folga do 29 setembro si que participei. Non así na que se convocou contra o decreto lei de baixada de soldo aos funcionarios públicos nen na que se realizou contra a reforma da Seguridade Social. Hoxe recibín, por primeira vez na miña vida, un documento de deducción de haberes. E pareceume ben é lóxico. Pareceume digno.
Podemos criticar o procedemento. O sistema de sinaturas das persoas que non exercen o dereito de folga é na miña opinión a ferramenta de control máis razoábel e o menos lesiva do dereito fundamental de folga. A xente que non asinara, agás que teña permiso, baixa por enfermidade ou outra situación análoga debe ser sometida á deducción. Por suposto, tendo en conta que hai profesores a tempo parcial que seica non teñen obrigas no día da folga. Pode ser, pero para todos estes casos a xerencia abreu un procedemento de comprobación proporcionado.
No fondo, parece que alguén quere discutir a premisa maior: que hai que cumplir a legalidade vixente. Ou, aínda peor, entende que non é obriga dos servidores e servidoras públicos asistir aos seus centros de traballo. Por todo iso, sr. xerente, e sen que serva de precedente, parabéns pola deducción. E un pequeno tirón de orellas polos fallos administrativos, que hai que entender nesta a nosa primeira experiencia.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Os comentarios son benvidos neste blog, xa que o seu obxectivo é ser un punto de encontro e de diálogo co autor. Podes deixar a tua opinión, que pode non coincidir coa miña, pero sempre con cabeza. Os comentarios destructivos ou que falten ó respecto dos participantes no blog serán eliminados.