9 jul 2020

ALCALDES E ALCALDESAS DA MARIÑA, APAÑÁDEVOS POLA VOSA CONTA




Dez das catorce persoas que rexen os Concellos da Mariña asinaron hoxe unha moi interesante declaración conxunta da que trascendeu particularmente o pedimento de que se adiaran as eleccións nos mesmos polo gromo de COVID19 que se está a espallar por esta zona de Galiza. Non vou entrar nesta polémica tan quente onte a hoxe, pero si noutras partes da declaración que teñen o mesmo nivel de interese.

En particular, quéixanse da deixación de funcións da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia e do desleixo que sufren por parte da Administración Autonómica, que unha vez máis non asume as súas responsabilidades legais, senón que fai unha delegación imposible de cumplir á vista das circunstancias por parte das Administracións Locais. Os e as rexedoras dos Concellos expresan a súa fonda preocupación por este abandono, no contexto dunha crise sanitaria de evidente carácter supramunicipal. É dicir, a única xestión que fai unha Consellería dirixida por un tal Vázquez Almuiña é pasarlles a pataca quente a uns Concellos que expresan a súa incapacidade e imposibilidade material para garantir a saúde e a seguridade dos seus cidadáns e cidadás. Pero claro, os membros da Xunta, “impasible el ademán”, como lles aprenderon no partido.

A verdade é que teño relación con algún deses Concellos. En particular, co de Viveiro, no que hai dous anos tiven a oportunidade de colaborar na elaboración da súa Relación de Postos de Traballo. Onte eu escoitaba na SER á súa alcaldesa María Loureiro e pensaba canta razón tiña nas súas queixas. Ela xa ten moita experiencia de como a Xunta non xestiona nada e logo os Concellos énchense de competencias impropias que non lles debían corresponder. Nas miñas reunións coa moi eficiente e xenerosa secretaria do Concello, María Luz Balsa, moito tivemos que reflexionar verbo de se incluír no cadro de persoal postos de traballo que en lóxica competencial debían ser responsabilidade da Xunta. Diversos servizos sociais, grupos de emerxencias supramunicipais, unidades de atención sanitaria, persoal de prevención de incendios e unha longuísima listaxe pon ás claras que os Concellos galegos teñen que suplir a inoperancia da Xunta. Como resultado, teñen cadros de persoal imposibles e dependen sempre de subvencións da Xunta, que non fai outra cosa que repartir cartos. Repartir cartos é moito máis doado que responsabilizarse dos servizos.

É dicir, o que está a pasar estos días coa sanidade é unha paráfrase do que son sempre as relacións entre a Xunta e os Concellos. Os Concellos, inzados de competencias impropias por mor dunha política de deixación de funcións da Xunta. Os Concellos, cangados de responsabilidades que non son súas, pero que teñen que desenvolver para que os seus cidadáns e cidadás non queden desasistidos. E logo hai que aturar este inmenso aparato de propaganda que fala da eficacia de Albertito Núñez! Hai que calar cando di que votar vai ser tan seguro como ir á farmacia. Será pola súa xestión!!! Se o domingo hai un chisco de seguridade nas mesas electorais da Mariña, será grazas á lealdade institucional dunhas rexedoras e uns rexedores locais, non pola traizón que lles fai a Xunta á xente destas comarcas do Cantábrico.

Por todo isto, hai que expresar toda a solidariedade nosa con estos dez alcaldes e alcaldesas. Eles representan o mellor do noso país e mándanos unha mensaxe de esperanza de que outra xestión é posible en Galiza. Mellor dito, é posible unha Galiza na que haxa xestión a prol da xente. A inoperancia da Xunta e a súa deslealdade co país non poden gañar. Nen o domingo nen nunca máis.

Poño en foto a Praia de Area, en Viveiro. Un  dos areais máis limpos e marabillosos do noso país. A Mariña pasará este pequeno andazo. Tamén pasará a crise de Alcoa por máis que a Xunta sega sen facer nada ao respecto. Pero hai sen dúbida unha débeda grande de investimentos con estas comarcas.

5 jul 2020

O PUBLIQUÍSIMO HOSPITAL ÁLVARO CUNQUEIRO: LEVAMOS CINCO ANOS DE “PAGANINIS”




Na páxina web do Servizo  Gelego de Saúde se expresa o seguinte:
A Xunta de Galicia construíu en Vigo un novo Hospital Público que presta asistencia sanitaria a máis de 600.000 veciños desta cidade e a súa área de influencia. Trátase da obra sanitaria pública de maior envergadura que se acometeu nos últimos tempos en España.
Con esta nova infraestrutura asistencial, que forma parte do sistema multihospital, dáse resposta con visión de futuro a unha necesidade histórica, e faise xustiza coa área sanitaria máis poboada de Galicia”. A área metropolitana de Vigo xa dispón dun hospital público dos máis modernos de Europa, situado na vangarda tecnolóxica, no que prestan asistencia os profesionais sanitarios do Servizo Galego de Saúde, e que ofrece as mellores condicións asistenciais para pacientes e profesionais
”.

Seguro que desde o Alén D. Álvaro Cunqueiro chíscanos un ollo para que riamos a gargalladas, como cando se auto-proclamou gañador do inexistente premio Mark Twain. Porque o que aparece no párrafo anterior é unha fabulación máis grande das que escribía noso galego máis xenial. Nin a Xunta contruiu ese hospital nen é público. Polo que non se fixo xustiza ningunha. En realidade, o hospital xa abriu as súas portas hai cinco anos, en xuño do 2015. Desde aquela xa estiven dúas veces internado nel e, por moito que tentei racanear o máis posible e ser o máis ruín do mundo, o certo é que non puiden evitar que a Sociedade Concesionaria Novo Hospital de Vigo obtivese pingües beneficios por min e polos coitados e coitadas familiares meus que me viñeron visitar. De feito, como cheguei a urxencias e deixei o meu coche no parking de urxencias xa nos caeu tremendo calote que foi directiño á conta de beneficios da “galeguísima” empresa Acciona, principal titular da dita Sociedade Concesionaria.

É un tema xa pasado, alguén dirá. De feito, noso gran xestor sempre dixo que conseguira en época de crise construír un hospital “público”, cun proxecto que sería inabordable con finanzamento público. Xa se sabe: a inspiración na Comunidade Autónoma madrileña, gabinete Ignacio González, probo expresidente da dita Comunidade. A realidade é que nos deixou unha inmensa débeda que hoxendía arrostramos os galegos e as galegas da que, cando menos, nos quedan 15 anos, “y lo que te rondaré morena”. Teño a impresión de que con endebedamento ordinario a conta sería algo menor. Pero claro, desde que o Celta non da pelotazos e fai fútbol de autor, a que da pelotazos en Vigo –e en, xeral, en Galiza-, é a Xunta de don Alberto.

Os datos son abondo coñecidos e están a disposición de quen os queira comprobar: A Sociedade Concesionaria recibe un canon anual que para 2020 rolda os 75 millóns de euros, que haberá que pagar cando menos ata 2035. Ten a titularidade de todos os servizos non sanitarios do hospital Álvaro Cunqueiro. Pero, oh sorpresa! Tamén os doutros hospitais públicos de Vigo, como o Meixoeiro ou o Nicolás Peña. É dicir, esta “colaboración público-privada” é un cártel dos que abominaría o mesmo John Sherman, un pacto anti-competencia que lles debería dar moitísimo noxo ás xentes que se proclaman como liberais.

O máis “olímpico” é que algunha estupenda pepera desta comarca di que a Xunta inviste máis en Vigo que noutras partes de Galiza, porque á nosa área de Saúde lle consigna máis cartos nos orzamentos que a outras. Por suposto, namentres a Sociedade Concesionaria xa ten amortizada a metade dos custes de construción e puntualmente e con cadencia anual xera grandes beneficios. A cambio de que paguemos este fantástico canon e, ademáis, paguemos no hospital ate por respirar. Dito sexa  se paso, dita sociedade ten na actualidade dez persoas en nómina, grande empregadora!

En resumo, a xestión de don Alberto neste tema é que a Xunta non construiu nada, unicamente pechou un suculento negocio para esa sociedade instrumental. Non se levantou ningún hospital público e temos endebedamento para rato, aínda que camuflado de canon. Eu teño que darlle os parabéns a Acciona e a “Puente y Calzadas” –esta si, empresa de raigame galega, aínda que agachando a súa identidade con españolísimo nome- e as demáis titulares da Sociedad Concesionaria, polo ben que a Xunta colabora con elas. Por certo, desde o 2019 tamén o luxemburgués Fondo River Rock, oxalá que propiedade da colonia portuguesa no Gran Ducado, entrou no capital social.

Pensaba poñer en foto ao presidente de “Puentes y Calzadas”, sociedade que ostenta a presidencia do Consello de Administración da Sociedade Concesionaria. Mellor, sen dúbida, a portada dunha das máis desternillantes obras de don Álvaro.

1 jul 2020

“MARABILLOSA” XESTIÓN, PRESIDENTIÑO





Se alguén teclea en internet “Feijóo” e “xestión” case parecerían termos sinónimos. “Experiencia”, “solvencia”, “eficacia” son substantivos que fan pareado con “Galicia, Galicia, Galicia”, en cacofónico eslogan político. O que sucede é que todo este decorado ten o mesmo creto que as meigas: non acreditamos nelas, pero existen. Ninguén que teña unha migalla de seriedade pode acreditar na solvencia ou eficacia do presidentiño, pero a ten, coa mesma seguridade que as bruxas existen.

Hoxe sucedeu algo no DOG que unicamente pode pasar nos países máxicos, unha xogada tan xenial como o gol de Maradona a Inglaterra no 1986, fin oficioso da Guerra das Malvinas. Ou como os sonos de Bolívar no Labirinto de García Márquez. Mesmo algo digno dos mellores conselleiros de Fraga Iribarne dos anos míticos do inesquecible Pepe Cuiña. Unha Orde Ministerial que regula as axudas para persoas traballadoras en ERTE total e parcial e para empresas nas ditas situación. Unha Orde que ademáis expresa que se dita no contexto derivado da Covid e á vista das novas demandas.

O xenial da Orde é que se dirixe unicamente a ERTES por causas económicas, técnicas, organizativas ou de produción sempre que se produzan logo de acordo en fase de consultas. O que quere dicir, por suposto, que a inmensa maioría das persoas en ERTE por forza maior quedan fóra. Canto ás empresas, só se lles axuda para asumir custes de formación das persoas en ERTE polas ditas causas contempladas na Orde. Todos os ERTES de forza maior, nos que non hai fase de consultas, quedan fora. Seguramente, para que non se gaste máis do que se tiña pensado gastar, que xestionar vai de aforrar, como ben sabemos os que temos unhas vacacións fiscais autonómicas longuísimas e caralludas grazas á “xestión” de Don Alberto.

A xustificación é ben sinxela: o 10 decembro do 2019 houbo un Acordo de Diálogo Social –asinado por CCOO e por UXT, pola CEG e pola Xunta, non por CIG, porque á Xunta iso tanto lle ten, a CIG seica non é unha organización máis representativa- no que únicamente se facía referencia aos ERTES por causas económicas, técnicas, organizativas e de producción. Claro, daquela a COVID-19 aínda era clandestina por estas terras. E, por suposto, como non está no acordo social axudar por ERTES por forza maior, punto pelota.

A “populista” de Yolanda Díaz leva meses e meses negociando coas partes sociais pactos relativos a ERTES, que asinan tamén CEOE e CEPYME, pero a capacidade de xestión está na Xunta, que non vai perder o tempo negociando con sindicatos e patronal unha actualización dos acordos de decembro do 2019. Prefire publicar no DOG unha “eficacísima” Orde que non vai a ningures, pero sae publicada no medio da campaña electoral e, de non ser por un ruín coma min, ninguén se entera. Pactar unha axudas eficaces non é xestión, é perder o tempo, segundo a doutrina Feijóo. E a que xente traballadora van destinados os cartos é un asunto intrascendente. Como se se perden, como tantas partidas orzamentarias da Consellería de Economía, Industria e Emprego, que quedan sen estrear, virxes como a de Covadonga.

Aínda haberá algún fenómeno capitán a posteriori que diga que a medida é caralluda porque fomenta que se transite de ERTES por forza maior a ERTES polas outras causas e ademáis facilita os acordos en fase de consultas. O que pasa é que nada no RD-lei 24/2020 fomenta o tránsito duns ERTES a outros e, ademáis, nos de forza maior non hai fase de consultas. Quizáis aos e ás traballadoras en ERTE por forza maior sen máis achegas que a prestación pública si que lles importe saber que a Xunta os esquece.

Aínda que, ben mirado, a eficacia está na formación. Sempre chegamos ao mesmo punto: os amiguiños do presidentiño pasándolle facturas á Xunta, por docencia telemática, que deixará aprendizaxes a cachón entre “millóns e millóns” de persoas en ERTES por causas económicas, técnicas, organizativas e de produción. É dicir, vainos saír carísima a formación dun colectivo reducido de persoas. Pero todo vai para o convento da maioría absoluta dese misterioso partido polo que se presenta Feijóo.

Mensaxe ás persoas en ERTE por forza maior: non sodes merecentes da preocupación do presidentiño. Non sodes parte desa máxica Galicia, Galicia Galicia! na que apenas se divisa unha gaivota. Marchou porque xa chega o voitre da formación.

Hoxe a foto ten que ser para un dos Conselleiros máis inesquecibles de Fraga, don Vítor Vázquez Portomeñe. Aínda o lembro xogando ao tute no Alpes, a ese si que non o enganaba ninguén!!

24 jun 2020

POLÍTICA INDUSTRIAL EN GALIZA: PARA CHORAR, SEÑOR FEIJÓO







Non falemos de Alcoa. Os feitos van poñendo a cada un no seu sitio e hoxe a Xunta e o seu presidente parecen a Procesión dos Caladiños, do pouco que queren saber deste tema. Como nunca van asumir as súas responsabilidades, o único que cabe como esperanza é que os Xulgados e Tribunais reparen un pouco a desfeita que vai facer esta empresa coa complicidade e a inutilidade de Feijóo e o seu enxame de abellóns. Hai que expresarlle a nosa solidariedade á xente da Mariña Occidental, da que unicamente cabe esperar que lle dea as costas o 12 de xullo a ese partido que é a praga máis grande de Galiza dese xa hai demasiados anos. E, ademáis, que poida construír un futuro para a comarca desde as cinzas nas que a deixa a cobiza duns e a deixación de funcións doutros.

Pero falemos do naval de Vigo para contar outra serie de historias. Por exemplo, os turbios negocios do noso presidentiño con Pemex. Como xa se sabe, Pemex é unha empresa estatal mexicana á que se achegou Feijóo da man dos “mexicanos” do Clan de Avión xa na época en que en México gobernaba o PAN. Pero a relación importante foi con Peña Nieto e o Partido Revolucionario Institucional –por certo, o máis parello en transparencia e dación de contas ao Partido Popular de Galicia-. Apareceu na prensa no mes de febrero a detención dun prófugo de nome intrascendente pero que dirixira dita compañía pública nos negocios con Feijóo. Daquela, en época preelectoral no 2012, prometeu contratos a manchea para os asteleiros vigueses, en número incontable e que garantía para sempre o futuro da ría de Vigo.

Que sucedeu? Que hoxe Feijóo non ten nada que ver con este prófugo –vella historia: Feijóo esquece aos seus amiguiños moi cedo-. Que Pemex liscou de Vigo pero quedou nas gradas de Barreras un inmenso calote: un cruceiro da empresa navieira Ritz Carlton. Esta empresa ven de tomar o control de Barreras –afortunadamente, sen que polo medio aparecerán as sucias mans do PP, como mellor esperanza para os traballadores da construcción naval-, logo de desprazar da presidencia do asteleiro a don José García Costas, outro amiguiño do presidentiño e persoa especialmente “querida” polas empresas auxiliares do naval e os seus traballadores. É dicir: de novo Feijóo e os seus amigos como azoute do emprego na ría de Vigo. Se hai futuro para os asteleiros de Vigo, é moi a pesar deles.

Abondemos máis: Vulcano, outro exemplo da política industrial da Xunta. Xa mellor non mirar cara atrás para non afondar nas miserias da Xunta: o pobriño de Francisco Conde –nominalmente, Conselleiro de Industria- expresando hai poucos meses que a actividade naval ten que continuar no estaleiro de Guixar. Pero a actualidade é que o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo –outro conspicuo e locuaz pepero, don Enrique López Veiga- “torpedea” a venda xudicial dos terreos de Vulcano dicindo que non teñen que estar afectos á concesión administrativa de construcción naval. É dicir, o PP de novo derrubando calquera posibilidade de futuro, neste caso dun dos máis senlleiros exemplos da construcción naval viguesa. Logo de anos contemplando lánguidamente como agonizaba o asteleiro sen facer absolutamente nada, a Xunta entende que o mellor é que nos terreos de Guixar se produza un suculento negocio do que, seica, saberemos algo despois do 12 de xuño.

Outra vez, cabe esperar que os traballadores do naval teñan a conciencia de clase que sempre tiveron e voten en consecuencia. Cabe esperar tamén que as empresas do sector, agrupadas nunha das máis dinámicas e interesantes asociacións empesariais, tomen nota asemade. O frustrante, indecente e inmastigable é que se nos apareza a Xunta como un aparello eficaz. Levamos doce anos na antipolítica e así nos vai. É urxente e inaprazable limpar as nosas institucións de tanta ineficiencia, e é posible.

Poño en foto o cruceiro da Ritz Carlton como estaba hoxe á mañá. É a viva imaxe da vergoña que temos que soportar cada día a xente de Vigo: o que puideron levantar as mans dos nosos traballadores aínda sen rematar, grazas á eficacia de tantos Feijóos, Condes, García Costas e amigos do clan de Avión, entre outros personaxes.

18 jun 2020

FALANDO DAS COUSAS DE COMER









Hai en Galica unha Consellería de Política Social, cando menos iso di o Diario Oficial de Galicia. Á fronte da mesma hai unha enigmática conselleira, Dª Fabiola García, da que case nada se sabe. É un asunto ben curioso porque, con todo o debate que houbo estos meses en relación co impacto da COVID19 nas residencias da terceira idade, seu nome non aparecen nos medios de comunicación, agás que compareceu no Parlamento para exculparse de todos os fallos, que son responsabilidade do vicepresesidente do Goberno español, Pablo Iglesias. Nada que se distinga da praxe do seu presidentiño Feijóo. As desgrazas son culpa dos de fóra, aínda que a Xunta teña as competencias todas. En fin, non quero falar de Dª Fabiola, da que case nada sei, como me sucede coa meirande parte dos membros da Xunta, figuras decorativas e mariachis de Feijóo. Do que quero falar é das políticas sociais en Galicia.

Quero preguntar por que a pobreza –índice AROPE- creceu en Galicia nos últimos anos, ata 2018 (do 2019 non teño datos oficiais). En Galicia hai menos pobres que no Estado, por razóns obvias, pero a diferenza diminuiu desde a saída da crise do 2008. O máis grave é que nunha época de crecremento sube a pobreza. Iso é inxustísimo e insorportable nunha sociedade democrática e profundamente reaccionario. Cando a nivel estatal baixa consistentemente a pobreza, sube en Galicia. Algunha responsabilidade ten a Xunta. Ou é culpa de Madrid?

Neste contexto, o Goberno estatal ven de aprobar o ingreso mínimo vital. O que obriga a preguntar que vai pasar coa Renda de Inserción Social de Galicia. O IMV é compatible con axudas autonómicas, pero a RISGA non o é con calquera outro tipo de subsidio. Era lóxico no seu contexto. Pero iso obriga a preguntarse como se vai reformar a RISGA e, en Xeral, a Lei de Inclusión Social, aprobada no Hórreo en 2013, para que non haxa duplicidades nen lagoas de cobertura. Unha lei que, coñecida polos seus feitos, é unha norma fallida, porque produciu un incremento da pobreza en Galicia. Por dicir a verdade, teño a impresión de que o problema non estaba tanto na lei canto na ineptitude da Xunta. Pero obriga a preguntarse como debe cambiar a acción social en Galicia a entrada en vigor do IMV. Non escoitei nada do PP neste debate, e menos da Xunta. É un asunto fundamental en época electoral, pero que evidentemente lle queda grande ao candidato pepero.

O asunto das residencias é clave. Non teño elementos de xuízo para responsabilizar a ninguén da traxedia que sucedeu e que ten evidentes puntos escuros na xestión da Xunta. O que quero salientar é que, ata hoxe, ingresar nunha residencia é un artigo de luxo para as persoas da terceira idade. Moitas viuvas neste país que cobran máis da pensión mínima non teñen rendas suficientes para paga unha residencia e viven e morren soas e ailladas pola neglixencia da Xunta. É dicir, a Xunta ten unha débeda previa para a cidadanía galega, que é a accesibilidade a residencias para persoas da tercera idade sen recursos abondos. É fundamental subliñar esta carencia cando hai que reformular a asistencia social e os servizos socias nesta encrucillada entre Seguridade Social e Asistencia Social.

Finalmente, hai que falar de dependencia. A Lei de depedencia está subdesenvolvida en Galicia. Segundo o dictame do 2019 do Observatorio da Asociación estatal de directores e xerentes en servizos sociais, Galicia é a terceira Comunidade Autónoma con menos gasto público por persoa dependente, únicamente superando a Valencia e a Canarias. Se o gasto medio a nivel estatal é de 625,63 euros, en Galicia é de 480,68. Claro que, no entanto, hai vacacións fiscais en Galicia estos meses. A atención a dependencia é claramente o cuarto piar do Estado do Benestar e neste asunto tamén a Xunta fracasa estrepitosamente.

En fin, esta é a eficacia da Xunta de Galicia. Poño en foto a doña Fabiola, non para botarlle responsabilidades, non. Ela simplemente é unha xestora á que non se lle deu capacidade política ningunha. É para que a xente da terceira idade e dependente poña cara á persoa que asina as denegacións de axudas ou as axudas ruíns que perciben. Xa sabemos que o único responsable de todos os males que hai en Galicia, e en particular en política social, é Pablo Iglesias…

13 jun 2020

HAI POLÍTICA ADEMÁIS DE REPARTIR SUBVENCIÓNS!






Hoxe saiu publicada no Diario Oficial de Galicia a ORDE do 28 de maio de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións a empresas privadas, en réxime de concorrencia non competitiva, para a loita contra as enfermidades profesionais, en especial as derivadas da exposición ao po e ao ruído, no sector mineiro en Galicia, e se convocan para o ano 2020. Un millón de euros, de fondos propios da Xunta, vanse repartir entre as empresas do sector mineiro para un fin ben útil socialmente, a loita contra as hipoacusias e, fundamentalmente, contra a silicose. Por suposto, hai que celebrar unha convocatoria necesaria. Unicamente hai que desexar que se produza un gasto eficiente que contribúa á diminución de enfermidades profesionais que son un andazo en comarcas como A Louriña ou Valdeorras. Mesmo é unha mágoa que o orzamento sexa bastante limitado, cando menos en relación con outras iniciativas de máis dubidosa finalidade.

Dito isto, habería que engadir, dúas cousas, que entran de cheo nas competencias dunha Consellería que teóricamente ten moitas, aínda que non as exerce. Dunha banda, hai que preguntar cando se vai tomar en serio a Xunta a protección das persoas que son diagnosticadas con silicose de grao 1 e que, en moitas ocasións, non ven recoñecida unha incapacidade permanente. Persoas na metade das súas vidas activas, pero con enormes dificultades de readaptación profesional e con situacións sociais realmente en risco de pobreza, cando son despedidas das canteiras porque non son aptas para o seu traballo, como expresan as certificacións dos servizos médicos correspondentes. É unha demanda constante que se lle fai á Xunta pero para a que a Xunta e o conselleiriño teñen unha inmensa hipoacusia. Debe ser que para isto tamén se pode buscar a un culpable no Ministerio de Traballo e Economía Social que agache as miserias do Goberno galego.

Por outra banda, habería que preguntar cando vai a haber unha auténtica Inspección de Minas. Na miña vida non me foi dado ver unha proposta de recargo das prestacións en canteiras e tampouco un acta de infracción ás empresas que as explotan. Debe ser que sempre cumpriron escrupulosamente coas súas obrigas preventivas. Pero, se é así, non se entende o porqué das subvencións que agora se convocan. Debe ser que ningunha empresa mineira mereceu nen sancións nen recargos. Ou que lle pregunten aos traballadores trasplantados de pulmón ou en proceso de trasplante, que xa van sendo un pequeno exército. Claro que iso non lle merece á Xunta a menor atención.

O tema é moi serio. A silicose non se pode agachar. Durante lustros e lustros as empresas que explotaban as canteiras incumpriron flagrantemente as súas obrigas preventivas. A seguridade colectiva e individual dos traballadores foi obxecto de absoluto desprezo. O resultado é que barrenistas, perpiaños e, en xeral, todas as persoas que traballan en canteiras padecen desta brutal enfermidade logo de traballar uns cantos anos, non moitos.

No sector da pedra a situación é parella, ou aínda pior con este auténtico veleno que é o silestone. Pero, cando menos, está a Inspección de Traballo e existen procedementos máis normalizados. Ademáis, non sucede como nas canteiras, nas que os traballadores pasan dunha a outra traballando para pequenos autónomos que logo desaparecen. De tal xeito que, moitas veces, as sentenzas de recargos ou de indemnizacions civís son papel mollado porque as empresas non son solventes.

Sí, señores e señoras da Xunta. Claro que nas canteiras hai un grave problema. Pero non chega con liñas de subvencións para dicir que se fai algo. Hai que ter a vontade de facer unha política real de protección a uns traballadores que aínda hoxe son vítimas das condutas máis irresponsables. Non chega coa política da cenoria. O pao tamén debe existir. E, ademáis, protección social para os traballadores máis vulnerables, que son máis dos que pensan na Xunta.


6 jun 2020

IRRESPONSABLE, FEIJÓO!!!!!!!!!




A couza da decrepitude da Xunta Feijóo avanza imparable. Onte non o crín, pero hoxe aparace na páxina institucional desta “Administración” territorial: “en Galicia haberá vacacións fiscais ata o 1 de novembro deste ano 2020”. Explica máis adiante que iso suporá beneficiar a máis de 32.000 familias e deixar de ingresar ao redor de 35 millóns de euros cada mes, correspondentes ao imposto de transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, do imposto de sucesións e doazóns  e dos tributos do xogo. Todo isto no contexto do Plan de Reactivación e  Dinamización de Galicia.

Aparentemente, do que se entende da páxina “institucional” da Xunta, trátase dun aprazamento do imposto, non dunha exención do mesmo. É dicir, que haberá que pasar por caixa máis tarde. Iso espero, aínda que deste circo xa se pode pensar calquera cousa. Eu non son un experto en tributación, pero isto ten toda a pinta de ser pouco compatible co máis elemental principio de corresponsabilidade fiscal. É dicir, anúnciase unha regadura de cartos públicos en concepto de subvención ou de préstamo sen xuro e, ao mesmo tempo, vacacións fiscais.

Haberá algún sesudo economista dicindo que é moi importante adiar o pagamento de transmisións patrimoniais para dinamizar o mercado inmobiliario. Seica, pero probablemente non debería de ser unha das prioridades deste ano, cando menos con xustificación suficiente para adoptar unha medida que repercute nos ingresos autonómicos. Sería case o mesmo que criticar a exoneración dos tributos do xogo, porque sen dúbida inclina á ludopatía. Por outra parte, os tributos dos que teremos vacacións non son os que teñen máis trascendencia na reactivación da actividade económica. Mellor faría a Xunta recadando eses cartos para incrementar o investimento público na mesma.

Ben está que se aproben investimentos nos distintos ámbitos nos que a Xunta ten capacidade de incidir. Hai que ter moita fe para acreditar na súa eficiencia, vistos os precedentes dos últimos once anos. Certamente, do que hoxe se publicou non hai datos suficientes como para coñecer aspectos máis técnicos. O que si cómpre destacar é a irresponsabilidade do presidente cando anuncia as “vacacións fiscais”. Este termo non é especialmente acaído para manter entre a poboación certa disciplina no pagamento dos imposto. Máis ben lanza unha mensaxe pouco construtiva, máxime cando estamos de cheo na campaña da declaración da Renda.

Alén diso, o anuncio do presidentiño non ten outra adxectivación posible que a de populista. Ten graza que a algúns nos queiran atribuír esa condición cando ao mesmo tempo lanzan a mensaxe do gasto irresponsable. Falta de responsabilidade e populismo son dúas características dun guberno polo demáis ineficiente. Os que acreditamos no sector público temos claro que hai que ter disciplina fiscal e que sen sostibilidade nos ingresos non pode haber unha autonomía políticamente capaz e autónoma. Pero o único que lle importa as sr. Feijóo é detentar o poder. Máis nada. Facer política é algo que non lle foi dado.

Poño en foto o casino da Toxa, un dos principais beneficiados da medida de Feijóo. Dubido que estea entre as entidades máis necesitadas de Galicia. Nese casino perdín 2000 pesetas no 1999, por fiarme do criterio do meu amigo Miguel Puime a apostar ao bermello. Tempos!!

28 may 2020

ALCOA, INDUSTRIA: OBRIGAS E RESPONSABILIDADES








O anuncio de que se perden 534 empregos en Cervo polo ERE que inicia Alcoa é unha nova moi negativa. Sen dúbida ten efectos devastadores para a comarca da Mariña Occidental, unha das máis esquecidas polas diversas Administracións territoriais. Teño que coincidir, desde logo, co conselleiro de Economía, Emprego e Industria en que o problema se vía vir e que as rebaixas dos cánones para as empresas electrointensivas eran necesarias e urxentes. A responsabilidade do Goberno do Estado e, en particular, do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo é innegable. Agora ben, neste punto comezan e rematan as miñas coincidencias con don Francisco Conde.

Que o estatuto das electrointensivas estaba xa en fase de anteproxecto de lei é ben coñecido, abonda con visitar a web do Ministerio de dona Reyes Maroto. Desde que botou a andar o Goberno, os adiamentos non son consecuencia do desleixo do actual executivo, senón doutras circunstancias ben coñecidas. E iso sábeo tamén a empresa. A empresa actúa con hipocrisía cando xustifica no prezo das subministracións o despedimento de tanta xente traballadora. Sabe perfectamente que os procesos son longos. A pregunta é se a situación está tan deteriorada como para non poder superar o período de tempo necesario para que se arranxe normativamente o problema. Seica non.

Por iso é tan repulsiva a actitude de don Francisco Conde, aliñándose contra o Goberno e utilizando a páxina institucional da Xunta para bater contra el. A confusión Xunta-PP eterna ten neste caso perfís particularmente miserabeis, como parte dunha campaña institucional que quere agachar a ineficacia e deslexitimación total da Xunta de Galicia. Porque, que eu saiba, el é Conselleiro tamén de Industria, o que obriga a se preguntar que aportou el para solucionar o problema ademáis de pór paos nas rodas. Fago revisión de prensa e a resposta é evidente: ren. Bah, si, regar copiosamente con cartos públicos. É a única política da que ten coñecemento. Non era hoxe a hora de ter toda a solidariedade institucional e prantexar un plan de finanzamento ponte ata que se poidan aplicar as normas do futuro estatuto? Non pode –ou podía- establecer un plan de condicionalidade críbel de axudas que se baseara nun mantemento no emprego? Alén desta pregunta, que fixo en todos os anos que leva de Conselleiro para diminuír a dependencia que a Mariña Occidental ten de Alcoa?

Sería un bo exercicio auditar a eficiencia social das axudas da Conselleiriña de Economía, Emprego e Industria. Non son un experto, pero alguén o terá que facer. Porque cartos, cartos…se teñen gastado a esgalla…tamén en Alcoa. Entrementres, hai que pedirlle a don Francisco que axude e non estorbe. Que non sexa tan desleal. Que non se poña de parte da empresa cando sabe que está actuando de xeito malicioso. Se a xustificación é o prezo dos subministros, hai un compromiso claro de que ese tema se vai arranxar. Sería boa cousa saber se don Francisco chamou hoxe a dona Reyes para percurar xuntos solucións, antes de opinar irresponsablemente polas canles de comunicación da Xunta de Galicia.

Por iso, esíxolle que actúe de xeito proactivo, non contra-activo. E, ademáis, hai que poñerlle deberes, porque, que eu saiba, tamén é o titular das competencias de execución da lexislación laboral –aínda que ninguén o sabe, porque non as exerce-. Poden pasar dúas cousas: a primeira, que, no fondo, Alcoa o que quere é amagar con despedimentos masivos para obter otra enchenta de cartos públicos. Outra, que quere as dúas cousas ao mesmo público: despedir e mamar. Con todo, se despide a 536 traballadores, a evidencia sería que a decisión estaba tomada sen ningún tipo de alternativas antes da fase de consultas. Iso sería un fraude de lei que tería que levar a unha declaración de nulidade do despedimento colectivo, como ordena o Tribunal de Xustiza da Unión Europea. Pero habería que esixirlle á autoridade laboral –é dicir, a don Francisco Conde- que prantexase as oportunas demandas de oficio. É dicir, que se poña de parte da legalidade, non de parte da empresa.

Por outra banda, se a empresa recibiu bonificacións por ERTE por forza maior e comunica despedimentos, a mera comunicación fai que teñan que devolvelas. Iso xa será misión da TXSS. Pero deixaría craro que tamén por esta vía a empresa actuou en fraude de lei. De xeito que a Xunta debe tamén exercer as súas competencias sancionadoras. Hai que esixirlle á Xunta que, no seu caso, exerza estas competencias. Aínda que seica é tanto come perdirlle ao raposo que coide as galiñas.

En resumo, é indecente a toma de postura de hoxe do Conselleiro de Economía, Emprego e Industria. Unha toma de postura coherente coa indecencia que é hoxendía a non-política da Xunta. Don Francisco non é máis que unha peza desta desengranaxe.

Non poño en fotografía ao Conselleiro, non o merece. Poño ao meu querido Viveiro, hoxe cheo de bágoas e de desesperanza.

21 may 2020

DERROGAR…A REFORMA LABORAL






No día de hoxe, houbo liorta grande no Goberno, entre o Goberno e  as partes sociais e entre o Goberno e os partidos da oposición. O motivo: o pacto asinado onte entre os dous partidos do Goberno e E H Bildu relativo á derrogación “de maneira íntegra” da reforma laboral do ano 2012. Logo, matizacións, posición “cristalinas”, desplante de CEOE pola agresión que sofreu, ilexitimidade de calquera pacto “cos herdeiros de ETA”...

A derrogación deberá ser efectiva antes da finalización das medidas extraordinarias adoptadas polo Goberno en materia económica e laboral derivadas da crise orixinada polo Covid 19”, asinaron Adriana Lastra, Pablo Echenique e Mertxe Aizpurua e leeu con moita consternación hoxe Gerardo Cuerva, presidente de CEPYME. Como resposta inmediata, transmitiu a suspensión do diálogo da patronal co Goberno. Pola súa banda, Nadia Calviño expresaba a súa disidencia pública co que literis verbis asinou onte a voceira do grupo parlamentario do PSOE no Congreso, porque “sería absurdo derrogar a reforma laboral na maior recesión da nosa historia recente”.

Neste contexto, hoxe houbo opinións para todos os gustos. Pero, en realidade, o de onte non foi para tanto. O único novo é a perentoriedade que se lle deu á derogación, polo demáis comprometida e expresada reiteradamente por PSOE e Unidas-Podemos, coas cadansúas matizacións. A derrogación íntegra implica unha revisión a fondo dos contidos de todas as modificacións que produciu primeiro, en febrero do 2012, o Goberno de Mariano Rajoy e, máis tarde, en xullo, a maioría absoluta do Partido Popular. O que, ao meu xuízo, non é únicamente lexítimo, senón que ademáis é proporcionado e conveniente. Non implica darlle as costas ao diálogo social –como claramente expresaban hoxe Unai Sordo e Pepe Álvarez- e como sabe perfectamente Antonio Garamendi, ao que non lle quedaba outra que practicar un teatriño organizativo para consumo da súa parroquia.

Máis ben habería que dicir algo máis, e positivo: de novo se constata o compromiso do mundo nacionalista coa gobernabilidade do Estado e coa cuestión social alén dos límites xeográficos, neste caso de Euskadi. Mesmo cabe salientar a prudencia de hoxe do PNV, por máis que o pacto lle perxudica notablemente na súa confontación electoral inminente con EH-Bildu e por máis que teóricamente debería estar máis perto do mundo empresarial que o PSOE.

No fondo, sucede que hai un consenso bastante xeral sobre a necesidade de pasar páxina dunha lexislación laboral impropia dun sistema democrático e avanzado de relación laboráis. A reforma do 2012 foi un erro manifesto que produciu efectos moi negativos no noso mercado de traballo, como recoñecen unánimemente todas as persoas con certo coñecemento das dinámicas xurídico-laborais dos últimos corenta anos. Ideolóxicamente, nos colocou máis ben na onda das reformas de Eduardo Aunós do 1926, de corte autoritario e antidemocrático. É dicir, a reforma do 2012 foi un anacronismo histórico que ten durado oito anos únicamente pola inestabilidade política que impediu correxila moito antes. A motivación de Rafael Calvo e da UCD cando impulsaron o Estatuto dos Traballadores do 1980 sempre baseándose na concertación social era, comparada coa reforma do 2012, case futurista.

Moi poucas cousas cabe conservar da reforma do 2012. Cando se fala de “parcialidade da reforma” ou de Estatuto dos Traballadores do século XXI” non se cuestiona a moción á totalidade da reforma Rajoy, senón que se expresa que a derrogación non é simplemente unha volta atrás. Mesmamente a vicepreidenta primeira, coas súas “prudentes” declaracións, non creo que exprese outra reserva diferente de non querer operar, sen máis un retroceso. Porque o antigo se elimina con normas novas, non con normas menos antigas.

É dicir: non hai dúbida –iso non se cuestiona- que o marco de negociación colectiva debe ser cambiado de raíz para darlle máis sustantividade ao dereito de negociación colectiva e incrementar a autonomía das organizacións sindicais e empresariais. Mesmo CEOE e CEPYME comparten esta visión, coas evidentes particularidades nos seus posicionamentos. Tampouco se discute que todo o que supón a flexibilidade de entrada –isto é, a precariedade dos contratos- ten que ser combatida. Tamén hai consenso en que as taxas de temporalidade teñen que achegarse á media da Unión Europea. Un sistema que chegaba xa outra vez ao 27 por cento de temporalidade e que agora vai a producir o seu axuste a costa dos traballadores precarios non é sostible.

Tamén parece evidente que, cando asoma un risco sísmico de perda de emprego, convén que se adopten as medidas necesarias para que se eliminen prácticas abusivas e que se dificulten os despedimentos improcedentes. Quizáis o problema non é únicamente cuantitativo, aínda que tamén o é. Por pór un exemplo: é lóxico que se poida despedir improcedentemente a unha persoa de máis de 50 anos por un máximo de 24 mensualidades do seu salario cando vai ter extremadamente difícil retornar ao mercado de traballo? Hai alguén que pensa que esa indemnización é proporcionada ao dano que abusivamente se lle causa a estas persoas? Pero, desde unha perspectiva máis sustantiva: non se pode permitir que esta xeración millennial que ten sido batida por dúas crises sucesivas sexa de novo expulsada do mercado de traballo mediante despedimentos improcedentes baratos, baratos.

Por suposto que a crise económica que chega producirá perda de empregos e perda de empresas e que as medidas de axuda, en particular ás PEMES, son necesarias e urxentes. Pero iso non pasa por flexibilizar os despedimentos. A receita do 2012 produciu unhas consecuencias que hoxe pagamos varias xeracións de xente traballadora. Os despedimentos por causas empresariais deben ter unha explícita relación de subsidiariedade con medidas de mantemento do emprego.

E, sen dúbida, xa desde o 2010 a flexibilidade interna foi asumida pola parte social nos sucesivos Acordos para o Emprego e a Negociación Colectiva. Pero unha cousa é flexibilidade e outra unilateralidade e autoritarismo da empresa. Este sesgo é, quizáis, o máis deforme e antigo dunha reforma que non resolveu ningún problema, senón que creou moitos. Se os políticos da UCD acreditaron “máis ou menos” nun estatuto democrático dos traballadores, os seus fillos, moito máis escorados ao antigo réxime, xeraron unha lexislación de servos fideis aos seus señores. Iso é o que hai que derrogar, varrer e esquecer para sempre. As dúas partes sociais serán quen de consensuar algo máis digno e democrático. E, en todo caso, o Congreso dos Deputados ten que ser a casa do xogo democrático para obter as maiorías necesarias nesta xeometría variable na que, desde logo, tamén EH Bildu é un grupo importante e que hai que ter en conta.

20 may 2020

SURE, ERTES E MANTEMENTO DO EMPREGO


Hoxe se publicou no Diario Oficial da Unión Europea o Regulamento (UE) 2020, do Consello, do 19 maio 2020, relativo á creación dun instrumento europeo de apoio temporal para atenuar os riscos de desemprego nunha emerxencia (SURE) a raíz do brote de COVID-19. A ferramenta de soporte para mitigar o risco de desemprego (Support to mitigate Unemployment Risks in an Emergency) serve aos obxectivos dos ERTES profusamente regulados nesta conxuntura de emerxencia desde o RD-lei 8/2020 ata o RD-lei 18/2018, que regulan importantes especialidades en relación co réxime común de ERTE previsto no Estatuto dos Traballadores.

É dicir, na UE se establece unha “asistencia financieira” para os Estados que sofran ou estean en risco de sofrer perturbacións económicas graves provocadas polo gromo do Covid-19 para financiar, principalmente, reximes de redución do tempo de traballo ou medidas similares. Non se trata nestas liñas de comentar polo miúdo esta norma europea, nen tampouco o sistema de finanzamento que establece. Unicamente importa pór de manifesto este aliñamento de medidas entre o Consello da Unión Europea e o Goberno do Reino de España. Hai que engadir que, desde logo, a UE non está pensando priritariamente no sistema noso de regulación de emprego temporal, senón máis ben no modelo alemán, o famoso Kurzarbeit.

Desde logo, os ERTES están no ollo do furacán. Xamáis foron tan relevantes socialmente. O seu réxime legal foi sempre moi ríxido, aínda que a reforma laboral do 2010 tentou adaptalos un pouco máis á realidade. A desafortunada reforma laboral do 2012 eliminou a autorización administrativa, pero non diminuiu paradoxalmente a súa burocracia. Agora, as sucesivas normas de urxencia están procurando un dobre obxectivo: por unha banda, flexibilizar no posible as causas de forza maior que os xustifican e, por outra, facilitar o procedemento para que sexa accesible a todas as empresas, grandes e pequenas. Ademáis, no tempo de volta á actividade, cómpre harmonizar necesidades da empresa, proporcionalidade das medidas suspensivas e mantemento do emprego. Todo isto nun ecosistema delicado e vulnerable, no que a perda masiva de emprego é unha ameaza real.

Este é o guieiro do RD-lei 18/2020. Por iso ten a súa complexidade e prantexa dúbidas. A norma de urxencia tenta construír flexibilidade e realismo en institucións vellas e ríxidas, nun loubable exercicio de responsabilidade e de ponderación. Que as partes sociais asinaran un acordo no que se sustenta pon de manifiesto a responsabilidade das organizacións sindicais e empresariais. Non é casual que CEOE E CEPYME o asinaran o 11 de maio, conxuntamente con CCOO e UGT. Por suposto que as organizacións empresariais obtiveron vantaxes coa súa sinatura, particulamente polo debilitamento das garantías de mantemento do emprego. E tamén por suposto que a norma ten os seus problemas aplicativos. Pero é, sen dúbida, un esforzo notable de adaptación ás circunstancias.

É cedo para saber a capacidade de mantemento do emprego do noso mercado de traballo logo da pandemia. Ao segmento de traballadores precarios lle vai corresponder a peor parte da torta. Sen dúbida, as seguintes normas teñen que protexelos en particular, porque son os esquecidos do RD-Lei 18/2020 -non das demáis normas de urxencia- e porque se corresponden maioritariamente  cunha xeración dobremente golpeada polas crises. Porén, a sucesión de normas que adaptan os ERTES as necesidades actuáis supoñen o primeira tentativa seria e crible de evitar unha masiva perda de emprego en épocas críticas. Noutras épocas anteriores, a invitación que as reformas laborais lles fixeron ás empresas a que despediran flexiblemente foi acollida, lóxicamente, por elas, como conduta preconizada polos sucesivos dirixentes políticos. Así chegou o noso mercado de traballo aos arrepiantes guarismos de desemprego aos que cómpre que non voltemos. Se desta vez o conseguimos, será todo un éxito da política.

Aínda hoxe chegan queixas das persoas que non recibiron as prestacións que lles pertencen. Todo a solidariedade que hai que terlles debe tamén valer como mensaxe de que as entidades de emprego, en particular as que xestionan as prestacións e subsidios por desemprego, son servizos esenciais e sensibles que non poden ser desmantelados. Realmente, a herdanza recibida do período 2011-2018 foi arrepiante. Só a profesionalidade das empregadas e empregados públicos deste organismo autónomo serviron para poder recoñecer e pagar millóns de prestacións. Non, desde logo, os impertinentes ouveos de certa clase política.

Sen dúbida, cabe e mesmo é desexable porlle reparos técnicos a este feixe de normas, para mellora colectiva, pero manter o emprego é un exercicio necesario no que, por sorte, temos comprometidas ás partes sociais, que no fondo son as que importan.