11 feb 2018

MARCHAS CONTRA A PRECARIEDADE











Están xermolando, como os pequenos abrochos nunha árbore que podrece. O dereito de manifestación para berrar contra un marco de relación laborais inxusto como poucos. A taxa de temporalidade xa roza o 27 por cento. A do traballo a tempo parcial –declarado- achégase ao 15 por 100, do que a meirande parte é indesexado. A primeira, xa acadando os números dos piores anos do ladrillo, claro que daquela había pleno emprego –masculino- e hoxe aínda estamos por riba do 15 por 100 de desemprego. A segunda, desbocada desde a precarización express que supuxo a reforma de decembro do 2013.

É unha realidade teimosa que a reforma laboral dos anos 2012/2013 produciu precariedade a cachón. Negalo é cousa de ignorancia ou mala fe, ou das dúas cousas ao mesmo tempo. É máis, foi unha consecuencia percurada polo corpo lexislativo reformador: un mercado laboral inxusto nas súas marxes, no que os beneficios das empresas se constrúen por riba dunha clase traballadora esmagada. Para que uns gañen, outros teñen que perder. Os beneficios alicerzados no abuso dunha clase traballadora paria. Nesta dialéctica, a rebaixa salarial e a competitividade polos baixos custos retributivos ten moito que ver coa precariedade dunha ampla franxa da poboación activa. Por moito que a nosa lexislación, piadosa por fora pero a gargalladas por dentro, proclame a igualdade entre traballadores temporais ou/e a tempo parcial con traballadores indefinidos e a xornada completa. Pura fantasía.

Os dereitos dos precarios non se poden construír sobre os piares dun pretendido dereito á igualdade. É unha técnica imposible, porque as comparacións son sempre discutíbeis. As últimas conclusións da avogada xeral Kokott de decembro 2017 volven as augas ao seu rego. Foi unha esperanza doce, namentres durou, que o principio de igualdade podía servir de panca para mellorar as condicións de traballo dos temporais. De feito, os poderes fácticos, ao longo do 2017, puxeron todos os medios dos que dispuxeron para negar algo tan elemental como que a situación dos temporais aos que se lle extingue o contrato polas causas consignadas nel é parella á dos indefinidos aos que se lle extingue o contrato por causas obxectivas. Seica non é unha causa organizativa a que está no fondo dun contrato temporal? Á xente que o negue, eu lle recomendaría que estudara un pouco, por exemplo nas orixes da Directiva de despedimentos colectivos.

Con todo, a loita pola defensa do principio de igualdade entre temporais e indefinidos era parella á da Illa do Perexil contra as tropas de Federico Trillo Figueroa.  Unha loita insostíbel. A busca do terceiro de comparación é a ponte de burros pola que ninguén pasa. Os dereitos dos atípicos non poden ser dereitos por asimilación. Así o entendeu ben sempre a dereita política do noso país, que sempre reformou os contratos temporais e os contratos a tempo parcial coa técnica de rachar todos os dereitos específicos dos contratos temporais e parciais. Cortar sempre as pontes que podían xuntar o emprego atípico e o emprego típico, para que os precarios fosen precarios para sempre xamáis, a poder ser.

Mellorar a condición dos atípicos é crear dereitos de tránsito, obrigas específicas dos empresarios para con eles, accións positivas que melloren a situación deles fronte aos típicos. É certo que todos os sistemas xurídicos da nosa contorna teñen unha taxa de precariedade que serve de amortiguador para as situacións de crise. Pero no noso modelo esa taxa é un exército inmenso de persoas sen dereitos, un lumpenproletariado atrapado nas redes dunha dereita económica rapaz e sen escrúpulos.

Por iso, que abrollen as manifestacións dos precarios é un sinal de esperanza. Que as xentes xenerosas sexamos solidarias con todos eles e que o noso sistema se convirta nunha inmensa manifestación de rexeitamento dun modelo perverso e noxento, artellado a prol da clase favorecida.