28 may 2020

ALCOA, INDUSTRIA: OBRIGAS E RESPONSABILIDADES








O anuncio de que se perden 534 empregos en Cervo polo ERE que inicia Alcoa é unha nova moi negativa. Sen dúbida ten efectos devastadores para a comarca da Mariña Occidental, unha das máis esquecidas polas diversas Administracións territoriais. Teño que coincidir, desde logo, co conselleiro de Economía, Emprego e Industria en que o problema se vía vir e que as rebaixas dos cánones para as empresas electrointensivas eran necesarias e urxentes. A responsabilidade do Goberno do Estado e, en particular, do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo é innegable. Agora ben, neste punto comezan e rematan as miñas coincidencias con don Francisco Conde.

Que o estatuto das electrointensivas estaba xa en fase de anteproxecto de lei é ben coñecido, abonda con visitar a web do Ministerio de dona Reyes Maroto. Desde que botou a andar o Goberno, os adiamentos non son consecuencia do desleixo do actual executivo, senón doutras circunstancias ben coñecidas. E iso sábeo tamén a empresa. A empresa actúa con hipocrisía cando xustifica no prezo das subministracións o despedimento de tanta xente traballadora. Sabe perfectamente que os procesos son longos. A pregunta é se a situación está tan deteriorada como para non poder superar o período de tempo necesario para que se arranxe normativamente o problema. Seica non.

Por iso é tan repulsiva a actitude de don Francisco Conde, aliñándose contra o Goberno e utilizando a páxina institucional da Xunta para bater contra el. A confusión Xunta-PP eterna ten neste caso perfís particularmente miserabeis, como parte dunha campaña institucional que quere agachar a ineficacia e deslexitimación total da Xunta de Galicia. Porque, que eu saiba, el é Conselleiro tamén de Industria, o que obriga a se preguntar que aportou el para solucionar o problema ademáis de pór paos nas rodas. Fago revisión de prensa e a resposta é evidente: ren. Bah, si, regar copiosamente con cartos públicos. É a única política da que ten coñecemento. Non era hoxe a hora de ter toda a solidariedade institucional e prantexar un plan de finanzamento ponte ata que se poidan aplicar as normas do futuro estatuto? Non pode –ou podía- establecer un plan de condicionalidade críbel de axudas que se baseara nun mantemento no emprego? Alén desta pregunta, que fixo en todos os anos que leva de Conselleiro para diminuír a dependencia que a Mariña Occidental ten de Alcoa?

Sería un bo exercicio auditar a eficiencia social das axudas da Conselleiriña de Economía, Emprego e Industria. Non son un experto, pero alguén o terá que facer. Porque cartos, cartos…se teñen gastado a esgalla…tamén en Alcoa. Entrementres, hai que pedirlle a don Francisco que axude e non estorbe. Que non sexa tan desleal. Que non se poña de parte da empresa cando sabe que está actuando de xeito malicioso. Se a xustificación é o prezo dos subministros, hai un compromiso claro de que ese tema se vai arranxar. Sería boa cousa saber se don Francisco chamou hoxe a dona Reyes para percurar xuntos solucións, antes de opinar irresponsablemente polas canles de comunicación da Xunta de Galicia.

Por iso, esíxolle que actúe de xeito proactivo, non contra-activo. E, ademáis, hai que poñerlle deberes, porque, que eu saiba, tamén é o titular das competencias de execución da lexislación laboral –aínda que ninguén o sabe, porque non as exerce-. Poden pasar dúas cousas: a primeira, que, no fondo, Alcoa o que quere é amagar con despedimentos masivos para obter otra enchenta de cartos públicos. Outra, que quere as dúas cousas ao mesmo público: despedir e mamar. Con todo, se despide a 536 traballadores, a evidencia sería que a decisión estaba tomada sen ningún tipo de alternativas antes da fase de consultas. Iso sería un fraude de lei que tería que levar a unha declaración de nulidade do despedimento colectivo, como ordena o Tribunal de Xustiza da Unión Europea. Pero habería que esixirlle á autoridade laboral –é dicir, a don Francisco Conde- que prantexase as oportunas demandas de oficio. É dicir, que se poña de parte da legalidade, non de parte da empresa.

Por outra banda, se a empresa recibiu bonificacións por ERTE por forza maior e comunica despedimentos, a mera comunicación fai que teñan que devolvelas. Iso xa será misión da TXSS. Pero deixaría craro que tamén por esta vía a empresa actuou en fraude de lei. De xeito que a Xunta debe tamén exercer as súas competencias sancionadoras. Hai que esixirlle á Xunta que, no seu caso, exerza estas competencias. Aínda que seica é tanto come perdirlle ao raposo que coide as galiñas.

En resumo, é indecente a toma de postura de hoxe do Conselleiro de Economía, Emprego e Industria. Unha toma de postura coherente coa indecencia que é hoxendía a non-política da Xunta. Don Francisco non é máis que unha peza desta desengranaxe.

Non poño en fotografía ao Conselleiro, non o merece. Poño ao meu querido Viveiro, hoxe cheo de bágoas e de desesperanza.

21 may 2020

DERROGAR…A REFORMA LABORAL






No día de hoxe, houbo liorta grande no Goberno, entre o Goberno e  as partes sociais e entre o Goberno e os partidos da oposición. O motivo: o pacto asinado onte entre os dous partidos do Goberno e E H Bildu relativo á derrogación “de maneira íntegra” da reforma laboral do ano 2012. Logo, matizacións, posición “cristalinas”, desplante de CEOE pola agresión que sofreu, ilexitimidade de calquera pacto “cos herdeiros de ETA”...

A derrogación deberá ser efectiva antes da finalización das medidas extraordinarias adoptadas polo Goberno en materia económica e laboral derivadas da crise orixinada polo Covid 19”, asinaron Adriana Lastra, Pablo Echenique e Mertxe Aizpurua e leeu con moita consternación hoxe Gerardo Cuerva, presidente de CEPYME. Como resposta inmediata, transmitiu a suspensión do diálogo da patronal co Goberno. Pola súa banda, Nadia Calviño expresaba a súa disidencia pública co que literis verbis asinou onte a voceira do grupo parlamentario do PSOE no Congreso, porque “sería absurdo derrogar a reforma laboral na maior recesión da nosa historia recente”.

Neste contexto, hoxe houbo opinións para todos os gustos. Pero, en realidade, o de onte non foi para tanto. O único novo é a perentoriedade que se lle deu á derogación, polo demáis comprometida e expresada reiteradamente por PSOE e Unidas-Podemos, coas cadansúas matizacións. A derrogación íntegra implica unha revisión a fondo dos contidos de todas as modificacións que produciu primeiro, en febrero do 2012, o Goberno de Mariano Rajoy e, máis tarde, en xullo, a maioría absoluta do Partido Popular. O que, ao meu xuízo, non é únicamente lexítimo, senón que ademáis é proporcionado e conveniente. Non implica darlle as costas ao diálogo social –como claramente expresaban hoxe Unai Sordo e Pepe Álvarez- e como sabe perfectamente Antonio Garamendi, ao que non lle quedaba outra que practicar un teatriño organizativo para consumo da súa parroquia.

Máis ben habería que dicir algo máis, e positivo: de novo se constata o compromiso do mundo nacionalista coa gobernabilidade do Estado e coa cuestión social alén dos límites xeográficos, neste caso de Euskadi. Mesmo cabe salientar a prudencia de hoxe do PNV, por máis que o pacto lle perxudica notablemente na súa confontación electoral inminente con EH-Bildu e por máis que teóricamente debería estar máis perto do mundo empresarial que o PSOE.

No fondo, sucede que hai un consenso bastante xeral sobre a necesidade de pasar páxina dunha lexislación laboral impropia dun sistema democrático e avanzado de relación laboráis. A reforma do 2012 foi un erro manifesto que produciu efectos moi negativos no noso mercado de traballo, como recoñecen unánimemente todas as persoas con certo coñecemento das dinámicas xurídico-laborais dos últimos corenta anos. Ideolóxicamente, nos colocou máis ben na onda das reformas de Eduardo Aunós do 1926, de corte autoritario e antidemocrático. É dicir, a reforma do 2012 foi un anacronismo histórico que ten durado oito anos únicamente pola inestabilidade política que impediu correxila moito antes. A motivación de Rafael Calvo e da UCD cando impulsaron o Estatuto dos Traballadores do 1980 sempre baseándose na concertación social era, comparada coa reforma do 2012, case futurista.

Moi poucas cousas cabe conservar da reforma do 2012. Cando se fala de “parcialidade da reforma” ou de Estatuto dos Traballadores do século XXI” non se cuestiona a moción á totalidade da reforma Rajoy, senón que se expresa que a derrogación non é simplemente unha volta atrás. Mesmamente a vicepreidenta primeira, coas súas “prudentes” declaracións, non creo que exprese outra reserva diferente de non querer operar, sen máis un retroceso. Porque o antigo se elimina con normas novas, non con normas menos antigas.

É dicir: non hai dúbida –iso non se cuestiona- que o marco de negociación colectiva debe ser cambiado de raíz para darlle máis sustantividade ao dereito de negociación colectiva e incrementar a autonomía das organizacións sindicais e empresariais. Mesmo CEOE e CEPYME comparten esta visión, coas evidentes particularidades nos seus posicionamentos. Tampouco se discute que todo o que supón a flexibilidade de entrada –isto é, a precariedade dos contratos- ten que ser combatida. Tamén hai consenso en que as taxas de temporalidade teñen que achegarse á media da Unión Europea. Un sistema que chegaba xa outra vez ao 27 por cento de temporalidade e que agora vai a producir o seu axuste a costa dos traballadores precarios non é sostible.

Tamén parece evidente que, cando asoma un risco sísmico de perda de emprego, convén que se adopten as medidas necesarias para que se eliminen prácticas abusivas e que se dificulten os despedimentos improcedentes. Quizáis o problema non é únicamente cuantitativo, aínda que tamén o é. Por pór un exemplo: é lóxico que se poida despedir improcedentemente a unha persoa de máis de 50 anos por un máximo de 24 mensualidades do seu salario cando vai ter extremadamente difícil retornar ao mercado de traballo? Hai alguén que pensa que esa indemnización é proporcionada ao dano que abusivamente se lle causa a estas persoas? Pero, desde unha perspectiva máis sustantiva: non se pode permitir que esta xeración millennial que ten sido batida por dúas crises sucesivas sexa de novo expulsada do mercado de traballo mediante despedimentos improcedentes baratos, baratos.

Por suposto que a crise económica que chega producirá perda de empregos e perda de empresas e que as medidas de axuda, en particular ás PEMES, son necesarias e urxentes. Pero iso non pasa por flexibilizar os despedimentos. A receita do 2012 produciu unhas consecuencias que hoxe pagamos varias xeracións de xente traballadora. Os despedimentos por causas empresariais deben ter unha explícita relación de subsidiariedade con medidas de mantemento do emprego.

E, sen dúbida, xa desde o 2010 a flexibilidade interna foi asumida pola parte social nos sucesivos Acordos para o Emprego e a Negociación Colectiva. Pero unha cousa é flexibilidade e outra unilateralidade e autoritarismo da empresa. Este sesgo é, quizáis, o máis deforme e antigo dunha reforma que non resolveu ningún problema, senón que creou moitos. Se os políticos da UCD acreditaron “máis ou menos” nun estatuto democrático dos traballadores, os seus fillos, moito máis escorados ao antigo réxime, xeraron unha lexislación de servos fideis aos seus señores. Iso é o que hai que derrogar, varrer e esquecer para sempre. As dúas partes sociais serán quen de consensuar algo máis digno e democrático. E, en todo caso, o Congreso dos Deputados ten que ser a casa do xogo democrático para obter as maiorías necesarias nesta xeometría variable na que, desde logo, tamén EH Bildu é un grupo importante e que hai que ter en conta.

20 may 2020

SURE, ERTES E MANTEMENTO DO EMPREGO


Hoxe se publicou no Diario Oficial da Unión Europea o Regulamento (UE) 2020, do Consello, do 19 maio 2020, relativo á creación dun instrumento europeo de apoio temporal para atenuar os riscos de desemprego nunha emerxencia (SURE) a raíz do brote de COVID-19. A ferramenta de soporte para mitigar o risco de desemprego (Support to mitigate Unemployment Risks in an Emergency) serve aos obxectivos dos ERTES profusamente regulados nesta conxuntura de emerxencia desde o RD-lei 8/2020 ata o RD-lei 18/2018, que regulan importantes especialidades en relación co réxime común de ERTE previsto no Estatuto dos Traballadores.

É dicir, na UE se establece unha “asistencia financieira” para os Estados que sofran ou estean en risco de sofrer perturbacións económicas graves provocadas polo gromo do Covid-19 para financiar, principalmente, reximes de redución do tempo de traballo ou medidas similares. Non se trata nestas liñas de comentar polo miúdo esta norma europea, nen tampouco o sistema de finanzamento que establece. Unicamente importa pór de manifesto este aliñamento de medidas entre o Consello da Unión Europea e o Goberno do Reino de España. Hai que engadir que, desde logo, a UE non está pensando priritariamente no sistema noso de regulación de emprego temporal, senón máis ben no modelo alemán, o famoso Kurzarbeit.

Desde logo, os ERTES están no ollo do furacán. Xamáis foron tan relevantes socialmente. O seu réxime legal foi sempre moi ríxido, aínda que a reforma laboral do 2010 tentou adaptalos un pouco máis á realidade. A desafortunada reforma laboral do 2012 eliminou a autorización administrativa, pero non diminuiu paradoxalmente a súa burocracia. Agora, as sucesivas normas de urxencia están procurando un dobre obxectivo: por unha banda, flexibilizar no posible as causas de forza maior que os xustifican e, por outra, facilitar o procedemento para que sexa accesible a todas as empresas, grandes e pequenas. Ademáis, no tempo de volta á actividade, cómpre harmonizar necesidades da empresa, proporcionalidade das medidas suspensivas e mantemento do emprego. Todo isto nun ecosistema delicado e vulnerable, no que a perda masiva de emprego é unha ameaza real.

Este é o guieiro do RD-lei 18/2020. Por iso ten a súa complexidade e prantexa dúbidas. A norma de urxencia tenta construír flexibilidade e realismo en institucións vellas e ríxidas, nun loubable exercicio de responsabilidade e de ponderación. Que as partes sociais asinaran un acordo no que se sustenta pon de manifiesto a responsabilidade das organizacións sindicais e empresariais. Non é casual que CEOE E CEPYME o asinaran o 11 de maio, conxuntamente con CCOO e UGT. Por suposto que as organizacións empresariais obtiveron vantaxes coa súa sinatura, particulamente polo debilitamento das garantías de mantemento do emprego. E tamén por suposto que a norma ten os seus problemas aplicativos. Pero é, sen dúbida, un esforzo notable de adaptación ás circunstancias.

É cedo para saber a capacidade de mantemento do emprego do noso mercado de traballo logo da pandemia. Ao segmento de traballadores precarios lle vai corresponder a peor parte da torta. Sen dúbida, as seguintes normas teñen que protexelos en particular, porque son os esquecidos do RD-Lei 18/2020 -non das demáis normas de urxencia- e porque se corresponden maioritariamente  cunha xeración dobremente golpeada polas crises. Porén, a sucesión de normas que adaptan os ERTES as necesidades actuáis supoñen o primeira tentativa seria e crible de evitar unha masiva perda de emprego en épocas críticas. Noutras épocas anteriores, a invitación que as reformas laborais lles fixeron ás empresas a que despediran flexiblemente foi acollida, lóxicamente, por elas, como conduta preconizada polos sucesivos dirixentes políticos. Así chegou o noso mercado de traballo aos arrepiantes guarismos de desemprego aos que cómpre que non voltemos. Se desta vez o conseguimos, será todo un éxito da política.

Aínda hoxe chegan queixas das persoas que non recibiron as prestacións que lles pertencen. Todo a solidariedade que hai que terlles debe tamén valer como mensaxe de que as entidades de emprego, en particular as que xestionan as prestacións e subsidios por desemprego, son servizos esenciais e sensibles que non poden ser desmantelados. Realmente, a herdanza recibida do período 2011-2018 foi arrepiante. Só a profesionalidade das empregadas e empregados públicos deste organismo autónomo serviron para poder recoñecer e pagar millóns de prestacións. Non, desde logo, os impertinentes ouveos de certa clase política.

Sen dúbida, cabe e mesmo é desexable porlle reparos técnicos a este feixe de normas, para mellora colectiva, pero manter o emprego é un exercicio necesario no que, por sorte, temos comprometidas ás partes sociais, que no fondo son as que importan.

18 may 2020

ELECCIÓNS AO PAZO DO HÓRREO






Xa está formalizado o que se sabía hai días: que o 12 de xullo é a data na que a xente de Galiza vai concorrer ás urnas para elexir ás deputadas e deputados do pazo do Hórreo. Realmente, era un caso típico do “xeneral no seu labirinto”. En aplicación da Lei electoral galega a votación se ten que producir antes do 31 outubro e, desde logo, todas as datas son dubidosas nunha situación sanitaria como a actual, pragada de incertezas. Que Feixóo escolleu a que, ao seu xuízo, máis lle conviña aos seus intereses é obvio, nada novo que non sucedera despois do 2013. Cousa distinta é que acerte nas súas cábalas e que o pobo lle regale unha re-elección calquera cousa menos que merecida. Pero coido que a oposición se equivoca cando critica a decisión, máxime cando hai tantas dúbidas da evolución da pandemia nos vindeiros meses. O que nos temos que esixir como mínimo é que se cumpra a lei. Vaia, que votemos.

Logo están as condicións obxectivas, que lle son tan adversas á oposición. A campaña vai ser especialmente difícil, coas restricións na convocatoria de actos públicos e cuns medios de comunicación abafantes, ben a disposición directa da Xunta do PP –caso da compañía pública de radio e televisión, exemplo das máis rexeitabeis prácticas de submisión ao poder e de represalia ás persoas discrepantes-, ben indirecta, regados con axudas públicas e controlados nun exemplo paradigmático de confusión entre información e opinión –como sucede, en particular, non únicamente, con La Voz de Galicia, outrora digno xornal e hoxendía mendaz correa de transmisión do Partido Popular-. É certo que Feixóo vai competir dopado, pero iso vai ser o mesmo o 12 de xullo ou outro día.

Por iso, hai que competir e competir duro e co convencemento de termos a razón e a xustiza da nosa parte. Hai que trasmitir a idea de que Feixóo ten que render contas ante nós.  Máis de 33 anos do PP desde 1981 imposibilitaron que en Galiza xurdira unha expresión semellante a accountability porque nen Fernández Albor, nen Fraga Iribarne nen moito menos Núñez Feixóo endexamais explicaron as cadansúas non-xestións. Unicamente as xanelas de de González Laxe e Pérez Touriño limparon algo a escuridade de San Caetano. Por comezar polo máis recente, que fixo a Xunta na situación de pandemia agás poñer paos nas rodas da xestión estatal e exercer delealdade tras deslealdade? Como, por desgraza, tería padecido a nosa cidadanía se esa manda de mediocres que nos “gobenan” en Galiza non tivese sido despoxada das súas competencias? Como sería a situación na actualidade se o pobo non se resistise ao desmantelamento da sanidade pública, como con tanta temeridade tentou a Xunta nos últimos anos?

Esta é a relidade. Hai tempo que digo que a Xunta é unha xestoría de moi mala calidade á que as súas competencias lle quedan moi grandes. Leva razón Feixóo cando recorta consellerías. Para o labor de goberno que fai, sobran todas. Sempre fun consciente de que así era en asuntos socio-laborais. E sempre sospeitei que tamén no demáis. Calquera indicador social ou cultural en Galiza leva á conclusión de que estos doce anos foron de perda de case todo. Hai meses traballei arreo no epicentro do ermo poboacional que nos deixa a xestión do PP coa súa inanidade e pensei canto se tería que ter feito. Concellos que hoxe apenas superan os mil habitantes en quince anos non chegarán ás duascentas persoas agás que sexamos quen de liscar a estos ineptos do Pazo de San Caetano. Galiza hoxe non ten política industrial, nen laboral, nen educativa, nen cultural, nen sanitaria, nen social. Ren. Vai a toa con esta xente mesquiña.

Hai que lanzar unha mensaxe de esperanza, como dicían hai máis de vinte anos os socialistas franceses de Lionel Jospin e gañaron contra-prognóstico. Xullo é un calendario tan adverso coma outro calqueira. Claro que os mass media van afogar á disidencia a Feixóo. Iso sabémolo e contra iso hai que loitar. O repartimento de escanos entre os tres partidos que teñen que pactar despois do 12 e xullo é cousa ben secundaria. Hai que traballar transversalmente e ter o convencemento de que a única finalidade é a de derrubar, para ben da nosa xente, a tanta ineptitude. Sería cousa boa que a Xunta tivese por fin a unha presidenta. Pero que o presidente se chamase Gonzalo Caballero ou Antón Gómez-Reino sería un paso de xigante. Por esta esperanza hai que traballar arreo.

Poño como cabeceira destas letras unha foto de nenos e nenas en Sarreaus, como promesa de futuro dunha terra que ten todo por diante con outra clase política ben distinta.