Utilizar o aparello do poder ao servizo da mentira é unha das operacións
propias dos sistemas políticos dubidosamente democráticos. Abusar da posición
dominante no manexo dos medios de comunicación de xeito cuasi-monopolístico,
agredir aos adversarios mediante a utilización coactiva dos poderes do Estado,
e acusar ao rival de actitudes ou condutas deshonestas, por máis calumniosa que
sexa a acusación, amosa un sistema de feito autoritario. Rebaixar as garantías,
limitar os dereitos fundamentais e censurar o exercicio da liberdade de
expresión completan este cadro descritivo. Por iso, eu nas eleccións do 7 de
outubro o teño moi claro. Quero que Venezuela se ceibe para sempre de Hugo
Chávez e que se elixa a un presidente novo, Henrique Capriles. Aos galegos nos
importa moito este país que a tantos acolleu e deu acubillo por razóns
económicas e tamén por razóns políticas, por moito que Celso Emilio enchera de
dúbidas estas últimas, froito do seu desacougo persoal e do seu compromiso
militante coa esquerda. E a algúns coma min nos da moito noxo que desde certas
posturas pretendidamente progresistas se defenda a alguén como o presidente
actual, caracterizado polo seu desleixo e falla de compromiso cos dereitos
fundamentais.
Dúas semanas máis tarde hai eleccións na nosa Galiza. E polas mesmiñas
razóns que hai que desaloxar a Chávez de Venezuela hai que botar do seu cargo a
Mr. Bean en Galiza. Certo é que Albertiño Núñez non ten a sona internacional de
Don Hugo. Pero, chegadas as eleccións, quere amosar o mesmo populismo protector
–mentireiro- das clases populares. É unha pose que ten que manter nada máis que
tres semanas en catro anos, crendo que xa lle abonda. E, desde logo, iguais
condutas que lle atribúo a Chávez lle “pasan” ao inquilino de Monte Pío. Cabe
salientar o libelo contra o exalcalde de Ourense, feito coincidir coa época
preelectoral na que nos achamos. Eu apenas coñezo a Francisco Rodríguez e nada
podo dicir das acusacións que se lle formulan. Pero, coñecidos os delictos, a
pregunta é se non se lles poden imputar a outros políticos ourensáns. A xustiza
penal é cousa moi seria como para andar xogando con ela. Pero a alguén coma min
lle sorprende que non houbera en tantos anos ningunha resolución xudicial de
intervención das conversas telefónicas de outras persoas das que poidan existir
indicios razonables de que incorreron en tráfico de influencias ou en
prevaricación dos arts. 404 e ss. do Código Penal. Caiba a quen lle caiba a
responsabilidade de que se actúe precisamente agora fronte ao xa exalcalde de
Ourense, a coincidencia temporal coas eleccións galegas lle deixa á cidadanía
unha impresión forte de que a xustiza non é igual para todos. Que non está
cega, senón que mira de esgello a algúns.
Digo todo isto para chegar xa ao que queiro comentar, que vai desta
proposta de revalorizar as pensións e baixar a partida orzamentaria por
desemprego do proxecto de lei de presupostos. A primeira medida é un exemplo
inmellorábel da mentira ao servizo do oportunismo político. Hai que dicirlles
aos galegos e galegas que, se non queren ser unha vez máis obxecto de burla,
suspendan o seu apoio ao Pepé ata o mes de novembro. É dicir, que non lles
voten en ningún caso ate que acrediten que, por primeira vez en moito tempo,
non minten. Porque do que din hai xa unha fortísima presunción de falsidade.
Explícome. No mes de novembro cómpre comprobar a desviación do IPC real verbo
do previsto. Coa lei na man, hai que pagarlles a diferenza aos e ás
pensionistas…agás que se aprobe un Real Decreto-lei que modifique a norma. Vai
haber decreto lei ou non? Aposto a que si. Ademáis, un ten a seguridade de que
a revalorización das pensións nun puntiño, por moito que estea no proxecto de
lei, vai desaparecer do BOE do 29 ou do 30 de decembro baixo o argumento xa
coñexido de que hai que tomar medidas que non gosta tomar. Vaia se lles
gosta! Mentireiros!
Canto á baixada na consignación a desemprego, outra vez digo o que dixen: a
lei de orzamentos para o ano 2013 vai darlle outra trabada ao sistema de
protección, logo do RD-lei 20/2012. É dicir, outra vez baixadas na cobertura
social do paro forzoso.
Xa para rematar: hoxe leín as liñas básicas dos orzamentos franceses para
2013. Hai “pequenas” diferenzas co bodrio de Cristobo Manstesoiras. Non todos
toman medidas que non pensaban tomar, ou cando menos non o fan sempre, por
moito que dixera outra cousa moi distinta o mequetrefe de Mr. Bean.